A 38ª edición do festival Cineuropa botou a andar este xoves 7 de novembro coa película ‘Por todo o alto (En fanfare)’, do cineasta francés Emmanuel Courcol. O filme chegaba a Galicia tras a súa estrea na Sección Oficial do Festival de Cine de Cannes e apoiada por un triunfal percorrido en certames internacionais nos que acadou o premio do público no Festival de Cine de San Sebastián.
O acto inaugural, que encheu as butacas do Teatro Principal de Santiago de Compostela, contou coas intervencións da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e do director da 38ª edición de Cineuropa, José Luis Losa, alén da presenza da concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao, de integrantes da corporación municipal compostelá e de representantes das entidades que apoian esta edición.
Na súa intervención, a alcaldesa de Santiago salientou o espírito dunha edición que baixo o lema ‘Henry Fonda for President. O corazón do cinema é a liberdade’ ten como imaxe de presentación a dun Abraham Lincoln con ollos vermellos como “uvas de ira” e como pano de fondo, a defensa da democracia e da soberanía popular: “Esta edición non fala dos Estados Unidos ou desde os Estados Unidos. Fala do poder da xente, da unidade, e das loitas colectivas.” Goretti Sanmartín fixo tamén alusión á puxante presenza de mulleres referentes na programación: “Velaí este Cineuropa que agora abrimos cun xurado oficial integramente conformado por mulleres. Con dúas mulleres recibindo a máxima distinción do certame. E con tres seccións de peso que presentan unha contundente maioría de mulleres na dirección: en 9 dos 12 filmes Novas Cineastas, 16 dos 22 títulos do Panorama Audiovisual Galego e 4 de 4 do Latinoamericano, unhas cifras impensábeis hai uns anos”, apuntou a alcaldesa.
A responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, puxo en valor o tecido “dunha emocionante selección de películas que nos permitirán explorar a diversididade e riqueza cultural cinematográfica unha vez máis”.
O director do festival, Jose Luis Losa, insistiu na aposta de Cineuropa pola reivindicación dos dereitos sociais e a liberdade: “Cineuropa quere ser un ágora da democracia cultural onde na pantalla flúan ideas, paixóns, miradas, horizontes, expresados en moitas linguas. Cos matices de cada tempo e de cada lugar. Un mosaico intercultural, onde a diferenza sexa riqueza que se complementa e que nos fai mellores. Un panóptico onde non exista inimigo interior nin exterior senón unha sinfonía de diversidades, unha encrucillada de comedias ou de dramas para compartir”, apuntou durante a gala de apertura.
A respecto do contexto no que Cineuropa 38 abre as súas portas, Losa engadiu: “O festival sempre parece chegar en bo momento. Creo non equivocarme se vos digo que nesta ocasión, como en poucas, arribamos para todos cunha sensación de puntualidade meridiana. Para que poidan embarcarse nesta viaxe que nos afaste do tumulto e a furia. E que sexa non xa unha grande evasión senón un soño de emancipación e liberdade. Un soño onde aprendamos a camiñar como camiña Henry Fonda. Porque iso é o cinema”, destacou Losa no seu discurso.
Co seu ton emotivo, Por todo o alto (En fanfare) abre 18 días de programación nos que o festival proxectará máis de 130 títulos, alén de promover numerosas actividades paralelas. A película conta a historia de Thibaut, un director de orquestra de sona internacional que viaxa polo mundo, disfrutando de éxito e admiración. A súa vida dá un xiro inesperado cando sabe que é adoptado e descobre a existencia dun irmán, Jimmy, que traballa como empregado nun comedor escolar e toca o trombón nunha banda de música no norte de Francia. Malia ás súas diferencias e aos distintos camiños que tomaron, o amor pola música convértese no fío que os une.
O director do filme, Emmanuel Courcol, é un actor e cineasta licenciado en interpretación pola École Nationale des Arts et Techniques du Théâtre. Despois de actuar en varias longametraxes, Courcol aventurouse no guión co filme Mademoiselle (2001) dirixido por Philippe Lioret. No 2010, foi nominado, xunto a Lioret e Olivier Adam, ao premio César ao mellor guión orixinal por Welcome. O seu debut como director foi no 2016 con Ceasefire. A súa segunda longametraxe, The Big Hit, recibiu o premio do Cine Europeo á mellor comedia no 2020. Por todo o alto (En fanfare) é a terceira película dirixida polo cineasta.