Skip to main content
  • O director presenta nas xornadas de venres, sábado e domingo tres filmes referenciais, extraordinarios e diversos
  • A preestrea da súa nova longametraxe será o día 23 no Teatro Principal

 

Cineuropa acollerá unha preestrea da última longametraxe do director galego Eloy Enciso, Longa Noite, antes do seu paso a salas comerciais no mes de decembro. Enciso ten en Cineuropa un ciclo propio no que explicar as referencias que se agochan detrás do filme, poderoso no seu fondo e a súa forma, e enriquecer o seu visionado. A cita con esta Carta Branca de Eloy Enciso é esta fin de semana en Numax.

O venres 15 proxectarase Dalla nube alla resistenza ás 20.00 horas, un filme no que Jean-Marie Straub e Daniéle Huillet adaptan novelas de Cesare Pavese. O sábado ás 19.30 horas é a quenda de Tropical Malady, de Apichatpong Weerasethakul, premio do xurado no festival de Cannes na súa edición de 2004 a unha historia dun soldado que se adentra na xungla. Esta película proxéctase con subtítulos en portugués. Por último, o domingo 17, ás 17.45 horas, Enciso presentará o documental Geschichte der nacht, de Clemens Klopfenstein, que retrata a visión nocturna de 50 cidades en branco e negro. Estas tres películas son de entrada libre ata completar o aforo.

Todas elas teñen, dalgún xeito, un reflexo en Longa Noite, como explicará Enciso. Na súa nova longametraxe conta como o protagonista, Anxo, regresa á súa vila natal no rural galego despois da guerra. Alí atópase co rancor tanto de gañadores coma de vencidos, que ven o perigo de que afonde en memorias que crían esquecidas.

Longa noite poderase ver o día 23 de novembro no Teatro Principal. As entradas pódense mercar no portal compostelacultura.gal e en Numax.