Skip to main content
O Teatro Principal acogerá a partir das 19:30 h. a cerimonia de clausura desta segunda edición do certame como festival de cinema competitivo.

 

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2022.- A 36ª edición de Cineuropa bota o pano este domingo 20 de novembro. Atrás quedan 17 días repletos de cinema nos que se impregnou de celebración a atmosfera e as rúas compostelás zarrapicando a programación desta edición co mellor do cinema musical. Atrás quedan tamén os coloquios, as preguntas e as risas compartidas diante dunha pantalla; e a homenaxe a catro grandes como son Lois Patiño, Ana Belén, João Pedro Rodrigues e Charo López. Con todo, o festival despídese ao grande, celebrando o cinema do presente e tamén o do futuro, coa lectura do palmarés desta edición nunha cerimonia de clausura que será acollida polo Teatro Principal ás 19:30 h e que contará coa presenza do director do festival, José Luis Losa, o alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, o deputado provincial da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, e varios membros da corporación municipal. Será este o momento de coñecer as e os gañadores dos premios outorgados polo xurado oficial que nesta ocasión estivo conformado polo crítico e divulgador Martin Pawley, a cineasta e fotógrafa montevideana Irina Raffo, e o director valisoletano Alberto Morais. Saberemos tamén o resultado do palmarés do xurado novo, que este ano estivo integrado por Ana Laura Rodríguez, Antón Rial, Lydia Fernández, Roque Barcia e Saúl Buján.

Inmediatamente despois da gala de clausura, dará comezo Chronique d’une liaison passagere (Crónica dun amor efémero), dirixido polo actor e director francés Emmanuel Mouret. Estreada en Cannes Première, o que tamén será o noso filme de clausura conta a relación que unha muller solteira mantén cun home casado que traballa de xinecólogo. A relación ten lugar nunha serie de paisaxes da clandestinidade e está constantemente marcada polo medo, o atrevemento e a inseguridade. Mouret describe a relación pasaxeira con elegancia, puntuando o paso dos días, centrándose exclusivamente nos encontros e nas dúbidas das personaxes.

A programación desta derradeira xornada de #Cineuropa36 completarase coa proxección doutros filmes imprescindibles como Viens je t’emmène (Un heroe anónimo), Un été comme ça (Ese tipo de verán), Gigi la legge (Gigi a lei) ou Project Wolf Hunting. Toda a información está dispoñible nos sitios web cineuropa.gal e compostelacultura.gal.

 

PROGRAMACIÓN CINEUROPA DOMINGO 20 DE NOVEMBRO

TEATRO PRINCIPAL

17.15 VIENS, JE T’EMMENE / UN HEROE ANONIMO, de Alain Giraudie

19.30 CERIMONIA DE CLAUSURA PREMIOS + CHRONIQUE D’UNE LIAISON PASSAGERE / CRÓNICA DUN AMOR EFÉMERO, de Emmanuel Mouret

22.00 UN ÉTÉ COMME CA / ESE TIPO DE VERÁN, de Denis Côté

SALÓN TEATRO

17.00 PAINT YOUR WAGON / A LENDA DA CIDADE SEN NOME, de Joshua Logan

20.00 GIGI LA LEGGE / GIGI A LEI, de Alessandro Comodin

22.00 PROJECT WOLF HAUNTING, de Kim Hong-sun

MULTICINES COMPOSTELA

17.00 LAGAAN: ONCE UPON A TIME IN INDIA / LAGAAN: ERA UNHA VEZ NA INDIA, de Ashutosh Gowariker

21.00 BARAJAS, de Javier Izquierdo

AUDITORIO DE GALICIA. SALA MOZART

17.00 IT’S ALWAYS FAIR WEATHER / SEMPRE FAI BO TEMPO, de Stanley Donen e Gene Kelly

19.00 FIDDLER ON THE ROOF / O VIOLINISTA NO TELLADO, de Norman Jewison