- A mesa redonda terá lugar o mércores 20, ás 16.15 horas, no Teatro Principal
- Proxectaranse dous filmes do director lituano en 16 milímetros
Unha das figuras que homenaxea este ano Cineuropa é a do director lituano Jonas Mekas, un dos persoeiros máis influíntes do cinema undergroud e que faleceu neste ano. Este momento de lembranza servirá para afondar no seu traballo nunha mesa redonda titulada Antes e agora e na que participarán o codirector do festival S8, Ángel Rueda; a directora Jaione Camborda, a cineasta Xisela Franco e o programador e director da revista cinematográfica Lumière, Francisco Algarín Navarro.
Todos eles analizarán, moderados polo coordinador da programación do festival, Javier Trigales, a relevancia do cinema de Mekas e o peso do seu legado en xeracións posteriores nunha charla que terá lugar o mércores 20, ás 16.15 horas no Teatro Principal.
Despois da mesa, poderanse ver dúas das súas películas en formato 16 milímetros, para o que se instalará un proxector analóxico no teatro. Debido a iso, o visionado será en versión orixinal e sen subtítulos. Porén, os traballos de Mekas están caracterizados pola súa forza visual e poucos diálogos, polo que se poderán seguir con facilidade. Os filmes estarán, ademais, presentados por Francisco Algarín Navarro. O primeiro que se proxecte, ás 17.30 horas, será Walden e estará seguido por In between, ás 21.00 horas. Ambos, no Teatro Principal.