Skip to main content

Grazas á colaboración de Swiss Films (a axencia de promoción do cinema suízo) e a Embaixada Suíza en España, esta edición de Cineuropa recibe a Suíza como país convidado na programación do festival. Iso permitiranos primeiramente un achegamento ao pulso poderoso da produción cinematográfica dese país, cunha nutrida representación dos seus filmes estreados este ano en festivais internacionais da relevancia da Berlinale, caso de Azor; Locarno, con Zahorí; ou San Sebastián, con Spagat. E xunto a esa panorámica polo cinema suízo desta tempada, teremos a impagable oportunidade de saborear unha ampla retrospectiva dun dos últimos representantes vivos do cinema de autor europeo inmediatamente posterior ás novas ondas, o nado nos anos 70 do século pasado. O gran Alain Tanner, cuxas películas foron protagonistas candentes das primeiras edicións de Cineuropa, lembramos Unha chama no meu corazón ou O home que perdeu a súa sombra, é obxecto deste tributo que recupera nove das súas obras máis representativas.

No acto de apertura da sección País Convidado: Suíza participarán a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, o conselleiro de ciencia e cultura da Embaixada de Suíza en España, Alberto Giovanetti, e o director do festival, José Luis Losa. A presentación acompañará á proxección de Azor, de Andreas Fontana, ás 19:30 h no Teatro Principal. A ópera prima de Andreas Fontana formou parte de Horizontes Latinos en San Sebastián, así como da sección The films after tomorrow para proxectos a completar de Locarno e da sección Encounters da Berlinale.

Para definir o cinema suízo, o co-curador do programa, Marcel Müller, apela ás palabras do mesmo Alain Tanner cando unha vez lle preguntaron sobre o cinema suízo e contestou: “o cinema suízo é como a marina nacional suíza. Non o cres, pero ambos os dous existen!”. Este ciclo dá boa fe das palabras do gran cineasta; dedicarlle unha homenaxe e redobrala cun programa de presentación de novos nomes do cinema suízo contemporáneo baixo o título Perspectivas Suízas, é a mellor resposta para afirmar que o cinema suízo existe.

Durante a xornada de venres tamén teremos a oportunidade de asistir a varios encontros con cineastas para conversar sobre os seus filmes: Maureen Fazendeiro e Miguel Gomes (Premio Cineuropa 2015), Pablo García Pérez de Lara, Simone G. Saibene, Ricardo Macián e Alejo Moreno presentarán respectivamente Diários de Otsoga (sala Numax ás 19:30 h); Camino incierto (Salón Teatro ás 17 h.); Escribir o imposible (Salón Teatro ás 19:30 h., coa participación do protagonista da historia, o escritor Juan Tallón); Carceller. El hombre que murió dos veces (Numax ás 17 h.), e Hechos probados (Numax ás 22:15 h.).