Skip to main content

Este luns día 8 de novembro, o Teatro Principal abrirá as súas portas para acoller a 35a edición do festival decano do cinema galego, reconvertido desde xa en festival competitivo. A sesión inaugural contará coa presenza do alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e será culminada coa proxección de A peor persoa do mundo. O novo filme do dinamarqués Joachim Trier foi distinguido co premio á mellor actriz pola actuación de Renate Reinsve, quen interpreta á protagonista dunha moi gozable historia chea de elegancia, creatividade, emotividade e, ao tempo, fondamente crítica. Na recentemente rematada Seminci, A peor persoa do mundo recolleu tamén o premio FIPRESCI outorgado pola crítica cinematográfica.

A programación desta 35a edición complétase con outros 160 filmes de 43 nacionalidades diferentes distribuídos en 19 seccións. Polas pantallas do Teatro Principal, do Salón Teatro, do cinema Numax, Multicines Compostela, Museo das Peregrinacións e Sala Mozart do Auditorio de Galicia pasará unha coidada escolma do máis salientable da última tempada, comezando por O xeonllo de Ahed, do israelí Nadav Lapid, o cineasta máis laureado internacionalmente dos tres últimos anos, que acaba de recibir o premio do xurado no recente Festival de Cannes por esta obra que denuncia os feroces ataques contra a liberdade de expresión por parte das autoridades isralíes, país que vai tomando as formas de xeito nada solapado de estado totalitario. O Teatro Principal acollerá a
estrea de O xeonllo de Ahed ás 20 h, no marco da homenaxe que Cineuropa lle dedica ao seu director.

Aínda que todos os filmes da sección Novas/os Cineastas merecen ser vistos, reflexionados e gozados, hai varios que xa veñen coa carta de recomendación que proporciona o seu paso polos grandes festivais internacionais; tal é o caso de Moneyboys, unha historia sobre a homosexualidade en China narrada con fonda sensibilidade e calidez dirixida polo chinés C.B. Yi, que gañou a sección Un Certain Regard do Festival de Cannes. Pola súa banda, La chica nueva, a ópera prima da arxentina Micaela Gonzalo, foi distinguida co gran premio «coup de coeur» no Festival de Cine Latinoamericano de Toulouse. Micaela estará ademais connosco os días 17 e 18 de novembro para conversar sobre o seu filme. Da sección oficial do Festival de Sundance chega Mass, de Fran Kranz, un un filme valente que busca promover un debate serio sobre o control de armas e a saúde mental. Outro filme que xerará de seguro debate é Mis hermanos sueñan despiertos, da cineasta de orixe mapuche Claudia Huaiquimilla, que obtivo os premios á mellor película, mellor guión e mellor actor no mexicano Festival de Guadalajara cunha coidada historia ambientada nun centro de detención xuvenil. Por outra banda, a alemá No one’s with the calves, ópera prima de Sabrina Sarabi, recibiu o premio á mellor actriz da sección Cineastas do presente de Locarno; e Wet sand, da xeorxiana Elene Naveriani, obtivo o premio á mellor actor na sección Cineastas do Presente en Locarno.