Skip to main content
Estarán Gabriela Guillermo, Ricardo Macián, Simone Saibene, Juan Tallón, Miguel Gomes, Maureen Fazendeiro, Alejo Moreno, Javier Marco, Alberte Pagán, Alberto Giovanetti, Andreas Fontana e Ángel Quintana

A organización de Cineuropa é consciente de que a celebración da pasada edición foi un acto de resistencia, unha alegación en prol da cultura como ben de primeira necesidade. Mais tamén sabe que coa limitación da capacidade das salas a tan só 30 butacas, moitas persoas non puideron asistir ás salas, cando e como o desexaron. Por iso, agora que volveu o son e a vida ás rúas, poden dicir que regresan, aínda que nunca marcharan de todo. Como sinal de respecto a quen non se lles puido facer habitable ese Cineuropa do 2020, recupéranse na programación deste novembro algúns dos títulos imprescindibles da pasada edición que non coñeceron estrea comercial e, por tanto, aí permanecen, inéditos, só para os seus ollos. Están recollidos na sección Rescates.

Por outra banda, e como compensación á austeridade da pasada edición, gozaremos dun desembarco de cineastas presentando as súas películas en sala en número nunca coñecido no festival. Porque, tamén máis ca nunca , despois de tanta soidade, necesitamos conversar, debater. Mergullarnos no cinema máis aló do cinema. Así, á xa anunciada visita da cineasta Gabriela Guillermo, que chega a Compostela este mércores, engádense as visitas de Ricardo Macián, director dun filme titulado Carceller que descobre a historia de Vicente Miguel Carceller, un editor comprometido coa liberdade, que co seu semanario La Traca conectou co pobo e mantivo un pulso co poder desde 1909 ata 1939, chegando a ter unha tirada de medio millón de exemplares semanais.

O italiano afincado en Ourense Simone Saibene e o escritor Juan Tallón, visitan o festival para presentar Escribir o imposible, un documental que narra a historia do proceso de creación da novela de Tallón Rewind, e de como a nova realidade acabou apoderándose da ficción. O Premio Cineuropa 2015 Miguel Gomes ten prevista a presentación do seu filme Diarios de Otsoga, codirixido xunto a Maureen Fazendeiro, o venres 12 ás 19:30 h en Numax. De seguido pasarase o filme Hechos probados, tamén acompañado pola presenza do seu director, Alejo Moreno. Hechos probados expón unha análise detallada sobre o alarmante envilecemento das garantías cidadás a través da historia de Agapito García Sánchez. Javier Marco, director de Josefina, un filme español pertencente á Sección Oficial Europea, chegará a Compostela o sábado 13 para presentar a súa ópera prima ás 19:15 h no Salón Teatro. O domingo acollerá un novo pase de Josefina o Teatro Principal ás 17 h. Ese mesmo día, ás 17:30 h. no Museo das Peregrinacións, o galego Alberte Pagán, flamante Premio Cineuropa 2021, impartirá unha clase maxistral sobre a súa perspectiva sobre o cinema. A clase maxistral acompañará a unha sesión retrospectiva composta de sete pezas curtametraxes.

Tampouco debemos esquecer as visitas institucionais e a dos compoñentes das diversas mesas debate e presentacións. Respecto á primeira, recibiremos a Alberto Giovanetti, conselleiro de ciencia e cultura da Embaixada de Suíza en España. Giovanetti acode ao festival para inaugurar oficialmente o foco suízo, que dará comezo coa proxección de Azor, ás 19:30 h no Teatro Principal. A ópera prima de Andreas Fontana formou parte de Horizontes Latinos en San Sebastián, así como da sección The films after tomorrow para proxectos a completar de Locarno e da sección Encounters da Berlinale.

Por último, cómpre lembrar a presenza en Compostela do Catedrático de Historia e Teoría do Cinema Ángel Quintana, que presentará o seu libro, Federico García Lorca. Viaje a la Luna. Edición crítica de Ángel Quintana, o venres 12 ás 12 h. en Numax. Así mesmo, Quintana participará na mesa debate proposta para o sábado ás 16:30 h. sobre a liña temática desta edición: cinema e totalitarismo.