Skip to main content
  • A nova edición do festival inclúe 19 estreas de películas a nivel estatal, ademais de nove preestreas que xa tiveron percorrido por outras citas internacionais
  • Producións galegas como Arima, Eroski Paraíso e Longa noite formarán parte da programación de Cineuropa, que conta cunha sección adicada ás paisaxes urbanas que debuxan as directoras e directores do cinema galego contemporáneo
  • As seccións paralelas lembrarán as traxectorias de cineastas como Agnès Varda, Chantal Akerman, Jonas Mekas ou da crítica Pauline Kael; afondarán na produción de Jessica Hausner, adicarán espazos a películas vinculadas ao cambio climático e a emerxencia ecolóxica e porán en cuestión os criterios de avaliación habituais para considerar unha película como feminista
  • A programación de Cineuropa acolle un novo maratón, que terá lugar na noite do venres 22 de novembro, e triplica o número de sesións sorpresa
  • As cinco películas que acaden o recoñecemento do público, unha por cada sección de competición, volveranse proxectar durante os dous últimos días do festival para ofrecer unha nova oportunidade para o seu visionado

Santiago, 31 de outubro de 2019.- A programación da 33ª edición do festival Cineuropa recoñecerá e amosará o traballo de dúas actrices e dunha directora. Os premios deste ano estarán adicados a María Vázquez, a Emma Suárez e Rita Azevedo Gomes, das que se proxectarán tres películas que reflicten a súa carreira. O traballo destas destacadas profesionais do panorama nacional e internacional forma parte dunha programación de Cineuropa que aposta por proxectar en Santiago de Compostela unha selección de filmes que amosen a alta calidade da produción cinematográfica acadada este ano, entre os que destacan os títulos dirixidos por realizadores e realizadoras novas, cunha mirada plural e feminina e diversidade de xéneros.

Deste xeito, o público compostelano poderá gozar de películas como Ema, de Pablo Larraín, que será a encargada de abrir a xornada inaugural do festival, xusto a continuación da entrega do primeiro dos premios Cineuropa, que recibirá María Vázquez o 7 de novembro. A programación completa foi presentada esta mañá polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; a directora do festival, Laura Seoane; e o coordinador de programación, Javier Trigales, nun acto no Teatro Principal no que tamén participaron o director do Agadic, Jacobo Sutil, e a actriz María Vázquez.

Os case 200 títulos que compoñen o festival, que se celebrará entre o 7 e o 28 de novembro na capital galega, estarán estruturados en competición oficial, na que se diferencian cinco categorías –Europea, Panorama internacional, Docs Cineuropa, Latidoamericano e Animaeuropa, que se estrea neste edición–, e seccións paralelas, que servirán para redondear o contido do festival, reforzar temáticas e crear conexión entre as películas en competición e as restantes. Os filmes da programación paralela estarán adicados a lembrar as traxectorias de cineastas como Agnès Varda, Chantal Akerman, Jonas Mekas ou da crítica de cine Pauline Kael. Estas seccións tamén afondarán na produción da directora Jessica Hausner e adicarán espazos a películas vinculadas a varias temáticas, como son o cambio climático e a emerxencia ecolóxica, ou a avaliación da vixencia do test de Bechdel a través de filmes producidos en Hollywood. Ademais, o cinema galego terá tamén un espazo destacado dentro de Cineuropa, con 17 títulos entre os que se contan estreas de películas como Arima, Longa Noite e Eroski Paraíso, ademais da presenza da meirande parte dos directores e directoras no festival.

Ademais de actividades xa tradicionais do festival como é o maratón, que se titulará Eu contra o mundo, o público poderá gozar de novidades como o incremento das proxeccións de películas sorpresas, que se triplican pasando dunha a tres. A selección de filmes, sobre os que se darán pistas ao longo do festival a través das redes sociais, inclúe un título dos anos 70, outros dos anos 80 e un actual que será unha película de estrea moi relevante. Este ano incorpórase tamén a exhibición durante os dous últimos días do festival dos cinco filmes gañadores, un por categoría, que haberá este ano para que a audiencia teña unha nova oportunidade de visionalos.

Premios Cineuropa

O festival comezará o día 7 de novembro cunha gala de inauguración na que se entregará o premio Cineuropa á actriz galega María Vázquez. Despois do recoñecemento, proxectarase unha das películas máis salientadas do festival, Ema de Pablo Larraín, que forma parte da categoría Latidoamericano. A dirección do festival salienta, ao fío, a longa traxectoria dunha actriz que se atopa no mellor momento da súa carreira. Na sección retrospectiva sobre Vázquez, o público poderá seguir a súa explosión e madurez interpretativa a través das películas Mataharis, Trote e a recente Quien a hierro mata.

O segundo dos premios será entregado á directora e programadora portuguesa Rita Azevedo Gomes nun acto que se celebrará o sábado 16 de novembro. A realizadora, moi vinculada a Galicia, destaca por asinar unha obra curta pero imprescindible, cunha factura cinematográfica moi escénica que ten ramificacións e ecos doutras artes como o teatro ou a pintura. Cineuropa acollerá a estrea do seu último título, Danses macabres, squelettes, et autres fantaisies, un documental no que traballa xunto a Pierre Léon e Jean-Louis Schefer. Ademais, o público poderá ver as películas A portuguesa e Vingança de uma mulher.

A derradeira xornada de festival será tamén o momento no que Emma Suárez reciba o galardón Cineuropa como recoñecemento ao seu traballo. Un actriz consagrada cuxa traxectoria representa unha das mellores seleccións de cine estatal dos últimos anos. No festival poderanse ver El perro del hortelano, La propera pell e Vacas, o filme escollido para pechar esta edición de Cineuropa.

Estreas e presentacións

O festival acollerá un total de 19 estreas de películas a nivel estatal, ademais de nove preestreas de películas que xa tiveron algún percorrido por festivais internacionais pero que aínda non chegaron a salas. Entre as novidades, o público poderá ver Kuessipan, de Myriam Verrealut; L’adieu á la nuit, de André Techiné; ou Canción sin nombre, de Melina León. Tamén haberá un espazo para a presentación de filmes galegos que chegan por primeira vez ao público. Así, nesta edición do festival poderanse ver pases de Arima, ópera prima de Jaione Camborda, que compite na sección oficial europea; Eroski Paraíso, a adaptación da obra teatral de Chévere asinada por Jorge Coira e Xesús Ron; ou Longa noite, de Eloy Enciso, que escolleu tres títulos que inspiraron a súa longametraxe e que se proxectarán na sección denominada Carta branca, no marco da programación paralela. O festival tamén será un espazo de exhibición para traballos como La hija de un ladrón, a ópera prima de Belén Fumes logo do seu paso por San Sebastián; La ola verde (que sea ley), de Juan Diego Solanas; ou Si me borrara el viento lo que yo canto, de David Trueba, quen presentará este traballo en Compostela.

Ademais de Trueba, Cineuropa contará coa presenza de nove directores e directoras, moitas das cales estrean película no festival. Serán Iratxe Fresneda (Lurralde hotzak), Eloy Enciso (Longa Noite), Jaione Camborda (Arima), Emmanuelle Bonmariage (Manu), Sharipa Urazbayeva (Mariam), Théo Court (Blanco en blanco), Andrés Duque (Carelia: Internacional con monumento) e Jorge Coira e Xesús Ron (Eroski Paraíso).

Sección de competición

A calidade dos filmes marca esta edición de Cineuropa, debido a excelente produción deste ano. Así, as seccións oficiais contarán cunha escolma de películas caracterizadas polas voces de directores e directoras novas e tamén noveis, unha sensibilidade marcada pola visión feminina e combativa e unha gran variedade temática e formal, con presenza de diversos xéneros que transitan por lugares pouco habituais. Así, a programación xeral, tanto a oficial como a paralela, incorpora xéneros como o terror, o fantástico ou o thriller.

Na sección de competición haberá películas producidas no pasado ano pero que non foron estreadas en Galicia ou no resto do Estado, e que a organización recupera agora para proxectalas ante o público de Cineuropa, como é o caso de Dragged across concrete, de S. Craig Zahler; ou Mektoub, my love: Canto I, de Abdellatif Kechiche.

Na sección oficial europea haberá un total de 35 títulos en competición. Nela salientan nomes como o de Rodrigo Sorogoyen e o seu novo filme Madre; Vitalina Varela, de Pedro Costa (Premio Cineuropa 2012); ou Sharipa Urazbayeva con Mariam. Nela estarán tamén a última película de Jessica Hausner, Little Joe, unha das mellores directoras do momento a quen o festival adica unha sección especial na programación paralela, titulada Control/Descontrol, para afondar na súa obra e continuar coa creación de ecos e referencias cruzadas que forman parte da filosofía coa que se deseñou esta edición do festival.

A sección internacional suma máis nomes e títulos interesantes ao cartel como Fourteen, de Dan Sallitt, Top End Wedding de Wayne Blair ou A Girl Missing de Koji Fukada. Os documentais acadan este ano tamén unha alta calidade que leva a sección a sumar 20 títulos. Selfie, de Agostino Ferrente; Jawline, de Liza Mandelup; ou Delphine et Carole, insoumuses, de Callisto McNulty; son nomes a seguir dentro de Docs Cineuropa.

Latidoamericano concentra gran número de realizadores e realizadoras novas con títulos que destacan pola súa calidade. É o caso de Monos, dirixido por Alejandro Landes; Familia sumergida, a primeira incursión na dirección da actriz María Alché; Blanco en blanco de Theo Court; ou Ceniza negra, de Sofía Quirós. Por último, a 33ª edición de Cineuropa adica nesta ocasión unha sección oficial en exclusiva ao cinema de animación, que acumula numerosos títulos destacados neste ano.

Seccións paralelas

Os ciclos que compoñen a sección paralela do festival deixan ver ás claras a buscada conexión entre seccións de maneira que circulen por todo o programa, de maneira transversal, temáticas como o feminismo, as alertas sobre a situación ecolóxica ou a ollada pouco habitual á realidade. A análise da presencia da muller nas películas procedentes da costa Oeste dos Estados Unidos realízase no ciclo Cinema e Feminismo: “Bechdel en Hollywood”, un apartado para reflexionar sobre os criterios empregados para medir a presencia feminina nas grandes producións. Pese á sorpresa que poida producir ao público, todas as longametraxes que se proxectarán na sección pasan o famoso test de Bechdel a excepción de Riddles of Spinx, un ensaio que, precisamente, reflexiona sobre o papel das mulleres no cine.

Cineuropa homenaxea neste ano a dúas directoras xa falecidas, Agnès Varda e Chantal Akerman, coa proxección das súas dúas últimas películas. Antes do visionado, está programada unha charla arredor da obra destas dúas profesionais con Diana Toucedo, unha das mellores comunicadoras no sector e admiradora dos traballos de ambas realizadoras. Na programación paralela tamén se repasará a figura da crítica de cinema Pauline Kael, que plasmou a súa agudeza e influencia durante case tres décadas dende o The New Yorker. Farase cunha selección dos seus filmes favoritos, unha mistura entre o mainstream e o cinema de autor. A escolla de títulos arredor do traballo de relevantes mulleres da industria cinematográfica complétase coa retrospectiva adicada a Jessica Hausner, quen tamén participa na sección oficial.

Un dos momentos máis especiais do festival será a lembranza ao director de cine lituano Jonas Mekas, falecido este ano, e considerado unha das figuras máis influíntes no cine underground. Haberá unha mesa redonda que analice o seu traballo e a súa relevancia en directores e directoras posteriores, despois da cal se proxectarán dúas películas da súa autoría no formato orixinal, en 16 mm. Debido as características especias destes pases, que se farán con proxector, o visionado será en versión orixinal e sen subtítulos. Porén, os traballos de Mekas están caracterizados pola súa forza visual e poucos diálogos, polo que se poderán seguir con facilidade.

O festival contará tamén cun ciclo sobre Cinema e Cambio Climático “Os últimos días do Edén”, no que se enmarcan títulos que se estrearon en poucas salas, como é o caso de Voyage of time: life´s journey de Malick, filmes considerados obras mestras como Planeta azul de Franco Piavoli ou outros cun alto compoñente ecoloxista como A princesa Mononoke.

Cinema galego

A mirada sobre o cinema galego será en esta ocasión moi pegada ao asfalto. O ciclo “Paisaxes Urbanas do cinema galego” xunta títulos contemporáneos difíciles de encadrar na mirada de nostalxia e natureza que definen outras etapas de produción. Os autores e autores participarán en coloquios tras da proxección das películas.

A presenza galega traspasa a clásica sección especial para colarse noutras do festival. Así, Arima sitúase na competición oficial, Eroski Paraíso e Longa noite na de Preestreas.

Un Cineuropa máis accesible

Outra das novidades desta edición será a aposta pola accesibilidade a través dun servizo que permitirá achegar Cineuropa ás persoas con discapacidade auditiva. Deste xeito, e a través da colaboración coa entidade social Acopros, o festival contará con equipos de frecuencia modulada que facilitarán que as persoas con dificultade auditiva poidan gozar das proxeccións. Estes equipos técnicos estarán dispoñibles no Teatro Principal e permitirán que aquelas persoas xornadas con implantes ou audífonos poidan participar de Cineuropa sen ningún tipo de barreira ou limitación auditiva.

Información e venda de entradas

As entradas e bonos para asistir á 33ª edición de Cineuropa poderán mercarse dende o vindeiro luns, 4 de novembro, a través do portal compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal. O abono poderá mercarse e canxearse tamén por Internet. Toda a información sobre as mesmas, así como da retirada de convites para poder asistir a diversas seccións, estará dispoñible tanto na páxina web Compostela Cultura como do novo espazo web do festival, que estará activo deste esta xornada en www.cineuropa.gal. O portal recollerá toda a información da programación desta edición, así como outros contidos de interese que poidan resultar de utilidade para o público de Cineuropa.

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago, a través do Auditorio de Galicia, coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Conta tamén co apoio da AGADIC da Xunta de Galicia, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o ICAA do Ministerio de Cultura e Deporte e os Multicines Compostela. Ademais, o festival é apoiado tamén polas seguintes institucións culturais e empresas da cidade: Grupo Caiero, Café Candelas, Acopros, Extramundo, O Raio Verde, La Flor, Hotel Costa Vella e Hoteles Avenida.