A actriz Ingrid García-Jonsson recibiu este xoves o aplauso do público de Compostela ao recoller o premio Cineuropa. O Teatro Principal acolleu o acto de entrega da máxima distinción do festival á intérprete hispano-sueca, nunha cerimonia presentada por Susana Sampedro que contou coas intervencións do director da 38ª edición de Cineuropa, José Luis Losa, da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González e da propia homenaxeada.
José Luis Losa realizou un percorrido pola traxectoria interpretativa de García-Jonsson, para loar a súa “versatilidade”, manifesta xa dende o seu debut cinematográfico en Hermosa Juventud, que cualificou mostra da súa gran “capacidade de impregnar de verdade de seda e esparto aquel tan estimable retrato dos máis precarios da crise económica da burbulla inmobiliaria”, até a máis recente Una ballena, “un exercico sublime”, en palabras do director de Cineuropa.
A actriz recolleu o premio de mans de Natividade González, quen salientou dela a súa “presenza magnética na pantalla, capaz de involucrarnos en historias que exploran a alma humana” e tamén puxo o foco nesa versatilidade que considerou “no só mostra do seu talento, senón tamén dunha ética de traballo, dunha amor pola arte e dunha valentía que non teme romper moldes nin explorar territorios descoñecidos”.
Ingrid García-Jonsson confesouse agradecida e mesmo sorprendida por ter recibido un premio no que considera o comezo da súa carreira e dedicouno aos equipos cos que traballou ao longo destes anos e á súa familia. A actriz puxo en valor a aposta de Cineuropa por “un tipo de cine que non é fácil e que abre a porta a mundos distintos”, e “por seguir resistindo e darnos o luxo, porque ir ao cinema é un luxo, de poder estar simplemente pendente dunha pantalla máis grande que a do móbil”.
Tras a cerimonia de entrega, o público do Teatro Principal asistiu a proxección da película, Una ballena, un filme de Pablo Hernando protagonizado por García-Jonsson e Ramón Barea que tivo a súa estrea no mes de outubro Festival de Sitges. Na película, García-Jonsson interpreta unha implacable asasina a soldo con habilidade para infiltrarse e desaparecer sen deixar pegada. Cando preme o disparador, as súas vítimas non saben quen lles disparou. Pero ese poder provén doutra dimensión, dun lugar habitado por criaturas monstruosas que a afastan cada vez máis da súa humanidade. A medida que se mergulla máis no seu inquietante mundo, a liña entre a súa identidade e a das súas vítimas comeza a esvaerse, revelando un conflito interno que a levará a cuestionar o prezo da súa vida de violencia e a súa verdadeira natureza.
O filme aínda terá outro pase en Cineuropa este domingo, día 17 de novembro, ás 22.30 horas no Salón Teatro.