Skip to main content
A gala de entrega do premio Cineuropa ao director terá lugar este domingo 19 de novembro ás 19.30 horas no Teatro Principal
Ao remate do acto, proxectarase o filme ‘Mal Viver’, que recibiu o premio especial do xurado na Berlinale

 

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023.- O Teatro Principal acollerá este domingo ás 19.30 horas a cerimonia de entrega do premio Cineuropa a João Canijo, un cineasta ben coñecido polo público deste festival que xa lle dedicou unha ampla retrospectiva en 2011. O acto contará coa presenza da alcaldesa Goretti Sanmartín, do deputado provincial Xosé Penas Corral en representación da Deputación da Coruña, e do director do festival José Luis Losa, alén de integrantes da Corporación municipal e representantes das entidades colaboradoras co festival. 

A entrada para a sesión, que inclúe a proxección do filme Mal Viver, é de balde previa retirada de invitacións que xa están ao dispor do público no portal de Compostela Cultura e nos despachos de billetes do Teatro Principal e da Zona C · Punto de Información Cultural. 

Unha ollada ao cinema de João Canijo

Alén de Mal Viver, a película que recibiu o premio especial do xurado na Berlinale, a programación da 37ª edición de Cineuropa inclúe Viver mal, un filme que funciona como espello do anterior para tecer un palimpsesto cinematográfico arredor da familia e da relación entre nais e fillas. Rodadas nun hotel da costa portuense no que Canijo pasaba as vacacións na súa mocidade, as películas envólvense nunha atmosfera decadente e opresiva –froito do coidado labor de Leonor Teles, tamén convidada do festival, na dirección de fotografía- que favorece o agromar das tensións entre as protagonistas. Alén da que sucederá a entrega do premio, Mal viver ten unha segunda proxección o martes 21, ás 16.30 horas no Teatro Principal. Viver Mal conta con dous pases nos próximos días, o primeiro deles o luns 20 ás 18.30 horas no Salón Teatro e o segundo mércores 22 ás 17.30 horas no Teatro Principal. 

A dicir de José Luis Losa, director do Cineuropa 37, Canijo ofrece nestes filmes “un exercicio de estilo maxistral na forma en que xoga cos espazos, coas loitas desas mulleres, que tanto poderían pertencer a Lorca como a Fassbinder”. Sobre o papel esencial do traballo do director portugués coas actrices que protagonizan ambos os filmes, continúa Losa: “Hai que abrir aquí unha paréntese inescusable. Porque a súa complicidade con esas excepcionais do cine portugués que son Rita Blanco, Anabela Moreira ou Beatriz Batarda, entre outras, que son parte do elenco de Mal viver e da súa contraparte Viver mal, é unha alianza de sabedoría e de tensións artísticas compartidas que só se pode explicar por esta extensión no tempo que fai que a obra de Canijo non se poida concibir sen elas. E que tamén debe tanto aos seus traballos xunto ao cineasta a progresión destas actrices descomunais que son as médiums a través das cales o drama, a traxedia, a paixón, a vida e a morte fan destas dúas películas un momento cume do cine portugués destes tempos”. 

Ademais do díptico que conforman Mal Viver e Viver Mal, a 37ª edición de Cineuropa abeira un foco especial dedicado ao director portugués que complementa a ollada do festival á súa cinematografía. O Foco Joao Canijo composto dos filmes Sangue do meu sangue (2011), Trabalho de actriz, trabalho de actor (2011) e Fátima (2017), aínda reserva proxeccións nos próximos días. O sábado 18, ás 19 horas, os Multicines Compostela acollerán a proxección de Fátima, mentres que Trabalho de actriz, trabalho de actor terá un último pase no Salón Teatro o mércores ás 22.15 horas.

Máis información sobre programación e entradas nas webs de Cineuropa e Compostela Cultura.