Skip to main content
  • Baixo o título ‘Do guión á pantalla’, a actividade está programada o xoves 14 de novembro no Auditorio de Galicia e irá precedida da proxección do filme ‘Pedra Negra’, o mércores 13 no mesmo espazo
  • O festival organiza tamén este xoves unha xornada formativa sobre o financiamento na producción audiovisual da man de AGAPI e EGEDA

A 38ª edición de Cineuropa organiza este xoves, día 14 de novembro, un encontro co director gregro Spiros Jacovides, recoñecido polo seu traballo en documentais e longametraxes que exploran temáticas sociais, familiares e políticas con gran sensibilidade e humor irónico. O cineasta estará en Santiago de Compostela e explicará como traballa desde a concepción do guión ata a rodaxe do filme. A actividade terá lugar o xoves, día 14 de novembro ás 15.30 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, con acceso de balde até completar a capacidade da sala.

Un día antes, o mércores 13 de novembro ás 18.00 horas, Cineuropa proxectará no mesmo espazo un dos seus traballos máis recoñecidos, Pedra negra (Black stone), como primeira parte desa actividade que organiza co director. O acceso ao filme é tamén de balde e non está condicionado á participación no resto do encontro. As persoas interesadas en asistir á proxección poden retirar as súas entradas na web e nos despachos de billetes de Zona C e do Teatro Principal, alén de no propio Auditorio o día da proxección.

Pedra negra é unha historia ficticia sobre a vida real, unha fiestra aberta á traxedia grega moderna. A través das vivenzas dunha familia, amósanos unha sociedade en desintegración, cun sistema familiar forte, no que cadaquén ten o seu rol, asignado ou asumido persoalmente dunha maneira consciente ou inconsciente. Estes roles perpetúanse xeración tras xeración a un alto prezo para as persoas implicadas..

A película, que gañou o premio do Público e o premio do Xurado Novo no Festival Internacional de Cine de Tesalónica, conta a historia dun equipo de documentalistas que mentras grava unha reportaxe sobre funcionarios ausentes, topan con Haroula, unha nai grega desesperada que busca o seu fillo desaparecido, un funcionario que se esvaeceu sen deixar rastro. A súa preocupación aumenta cando o nome do seu fillo aparece vinculado cun caso de fraude gubernamental, no que parece estar implicada unha muller estranxeira. Decidida a demostrar a súa inocencia, Haroula embárcase nunha peculiar viaxe, acompañada do seu outro fillo, Lefteris, que ten unha discapacidade, e dun taxista greco-africano que se ofrece a axudalos. Pola súa banda, o equipo de documentalistas segue a súa travesía, gravando cada paso desta odisea.

Novas solucións de financiamento para a produción audiovisual

Tamén dentro das actividades paralelas que organiza este ano Cineuropa haberá unha xornada formativa en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), a Entidade de Xestión dos Dereitos dos Produtores Audiovisuais (EGEDA) e o grupo Segofinance para afondar na profesionalización do eido audiovisual, dar a coñecer o primeiro portal de emprego centrado nos sectores do cinema, as series, a animación e os videoxogos, e presentar a plataforma de financiamento SEGO Creative, unha iniciativa que busca ofrecer novas solucións que faciliten o desenvolvemento e posta en marcha de producións audiovisuais.

Desenvolverase o xoves, 14 de novembro, a partir das 10.30 horas na Zona C · Punto de Información Cultural e o acceso é de balde previa inscrición.