Skip to main content

O 12 de xuño de 1921 nacía en Madrid o director e guionista Luis García Berlanga, autor referencial do cinema español e director de, entre outras películas, Plácido (1961), Bienvenido, Mr Marshall (1953) ou La escopeta nacional (1978). Este ano 2021 celébrase o centenario do seu nacemento, unha boa oportunidade para recuperar ou descubrir a súa obra, que definiu cun estilo único a comedia con crítica social. Tanto é así que o dicionario da Real Academia Española admitiu en 2020 o adxectivo berlanguiano para definir situacións corais, caóticas e esperpénticas, as mesmas que o cineasta plasmou nas súas películas. Co gallo desta efeméride, o Festival Cineuropa dedica unha xornada especial á figura do desaparecido cineasta coa presentación dun profundo estudo sobre a súa obra e un debate que acompañará á proxección do filme Patrimonio Nacional (Luis G. Berlanga, 1981).

Moito se escribiu sobre a posición ideolóxica de Luis García Berlanga, da súa batalla coa censura durante o franquismo, que chegou ao extremo con El verdugo. Coa chegada da democracia, Berlanga inxectou a súa visión de heterodoxo, de escéptico, para algúns de ácrata, na chamada Triloxía Nacional. Esta saga dos Leguineche abrangue o período da pre-Transición, coas cacerías e a pugna entre azuis e opusdeístas de La escopeta nacional; o posicionamiento dos fantasmais monárquicos de Patrimonio Nacional, que procuran acomodo nunha corte, a do actual emérito, que non se rexe xa por normas nobiliarias, senón puramente financeiras. E a camuflaxe desa nobleza de medio pelo na España do socialismo recén chegado, en Nacional III. Estes filmes compoñen un tríptico entre o surrealismo coral e a caricatura cáustica da Transición política aos ollos de Berlanga. A sesión contará cunha mesa de debate na que participan José Luis Castro de Paz e Santos Zunzunegui, coordinadores da obra Furia española. Vida, obra, opiniones y milagros de Luis García Berlanga (1921-2010), cineasta. Ambos os dous catedráticos estarán acompañados por José Manuel Sande, autor xunto a Casimiro Torreiro do estudo Un Berlanga de papel.

A dobre cita deste mércores 17 de novembro co lendario cineasta terá lugar no cinema Numax ás 12 h coa presentación do libro coordinado por José Luis Castro de Paz e Santos Zunzunegui, e ás 20 h co debate e proxección do filme Patrimonio Nacional. A entrada do pase será gratuíta previa retirada de convite. Así mesmo, este mércores tamén se celebrarán varios encontros con cineastas no marco do certame internacional. O Salón Teatro acollerá o encontro cos uruguaios Martín Barrenechea e Nicolás Branca, que visitan Cineuropa para presentar 9, un filme incluído nas seccións Novas/os Cineastas e LatidoAmericano. Ás mesmas seccións pertence La chica nueva, ópera prima da arxentina Micaela Gonzalo que vén de gañar o gran premio «coup de coeur» no Festival de Cine Latino de Toulouse.

As citas con ambos os dous filmes serán ás 19:30 h e ás 21:30 h respectivamente. Por outra banda, o director onubense Paco Ortiz visitará o cinema Numax para presentar Algo salvaje. La historia de Bambino, un documental sobre a vida e obra do cantante Miguel Vargas Jiménez, máis coñecido como Bambino, un tipo de estilo inimitable e irresistible magnetismo escénico que chegou a ser un dos xigantes da música do século XX