Skip to main content
  • Jaione Camborda, Marcos Flórez, Ángel Santos e Xacio Baño presentarán obras desenvolvidas polo estudantado galego participante en Cinema en Curso.
  • O cinema de non ficción cobra protagonismo esta semana coa presentación dos últimos traballos de Margarita Ledo Andión, Ramón Lluís Bande e Feyrouz Serhal, e coa entrega do premio a Flávia Castro.
  • A Real Filharmonía de Galicia pon son en directo ao humor de Buster Keaton na súa tradicional cita con Cineuropa.

Cineuropa celebra este xoves os vinte anos de ‘Cinema en curso’. Trátase dun programa pedagóxico de creación cinematográfica en escolas e institutos con máis de trinta obradoiros en Galicia, Cataluña, Euskadi, Madrid, a Comunidade Valenciana e Navarra, e que tamén promove actividades en Alemaña, Colombia, Eslovenia, Lituania, México e Serbia. En Galicia desenvólvese dende hai unha década coa Filmoteca de Galicia (Agadic – Xunta de Galicia).

‘Cinema en curso’ propicia o descubrimento por parte da mocidade do cine como arte, creación e cultura e desenvolve as potencias pedagóxicas da creación cinematográfica no contexto educativo. Carla Andrade, Xacio Baño, Jaione Camborda, Fon Cortizo, Eloy Domínguez Serén, Marcos Flórez, Ángel Santos e Alejandro Tarraf conforman en Galicia o equipo de cineastas. A nivel estatal, toman nel parte Jaume Claret Muxart, Mertixell Colell, Mikel Gurrea, Carla Simón, Daniel Tornero e Jonás Trueba.

Este xoves ás 18.15 horas no Salón Tatro, as persoas responsables do programa e os cineastas Marcos Flórez, Xacio Baño, Ángel Santos e Jaione Camborda presentarán unha selección dos traballos realizados polo seu estudantado ao longo dos últimos anos. Na sesión, proxectaranse as obras Arredor do día. Retratos na Terra de Montes, O borboriñar das insuas, Ata pronto, adeus e As distancias.

A ollada documental centra a programación da semana coa presenza de Flávia Castro, Margarita Ledo Andión, Ramón Lluís Bande e Feyrouz Serhal

A realizadora brasileira Flávia Castro, xurado da presente edición do festival, recibe este mércores o Premio Cineuropa á súa traxectoria nunha sesión que incluirá a proxección do filme Diário de uma busca, un documental no que retrata a historia de vida do seu pai Celso, xornalista e militante de esquerdas que, en 1984, apareceu sen vida en Porto Alegre, no piso dun suposto ex oficial nazi. Este episodio é o punto de partida para unha viaxe no tempo e na xeografía do exilio a través de cartas, lembranzas e testemuños marcados pola historia do Brasil e polo fracaso dun proxecto político.

Alén da participación de Castro, a programación documental de Cineuropa conta esta semana con outras dúas presenzas destacadas.

A cineasta, escritora e docente Margarita Ledo Andión, Premio Cineuropa en 2020, presenta este xoves no Salón Teatro o seu último traballo. Prefiro Condenarme chega a Compostela tras se exhibir na sección First Look do Festival de Locarno e facerse coa mención especial da sección Nuevas Olas do Festival Internacional de Cine de Sevilla (SIFF) “pola importancia de recuperar o empoderamento das mulleres, as historias do pasado que foron silenciadas non só politicamente senón cinematograficamente” . O filme de non ficción re-constrúe a historia de Sagrario, mariscadora da ría de Ferrol xulgada en 1972 por adulterio, un dos delitos específicos das mulleres que contemplaba a ditadura franquista. A través de arquivos persoais e oficiais, da presenza da propia Sagrario e das interpretacións de Iria Pinheiro, Melania Cruz e Mónica Camaño, Ledo Andión tece un relato no que, a dicir da autora, “como unha nova Antígona, Sagrario se sitúa fóra da regra e coa súa desobediencia reclama a lei aínda non escrita á vez que o desexo. No fondo, a igualdade coas de ‘arriba’ que ninguén critica”. A directora e outras integrantes do equipo do filme participarán tras a proxección nun coloquio coas persoas asistentes.

O cinema de Margarita Ledo Andión é ben coñecido polo público de Compostela como o son o seu compromiso coa lingua e cultura galegas e coa abordaxe da memoria histórica e das loitas sociais dende os filmes. A súa película Nación (2020) que lle valeu, entre outros o premio especial á mellor dirección do SIFF en 2020 e o Mestre Mateo a mellor documental no 2021, formou parte tamén do programa da 34ª edición de Cineuropa. Polas pantallas do festival pasaron en primicia anteriores filmes da autora, como A cicatriz branca (2012), Liste, pronunciado Líster (2007) e Santa liberdade (2004).

O programa do xoves incide na ollada documental nunha dobre sesión en NUMAX con Ramón Lluís Bande. O cineasta asturiano presenta ás 16 horas Vaca mugiendo entre ruinas e ás 18.30 horas Retaguardia, dous documentais cos que afonda na memoria histórica e a identidade cultural de Asturias. En ambos os casos, tras a proxección Bande manterá un coloquio co público.

Retaguardia ficciona a reconstrución dunha colección de películas imaxinarias que potencialmente se puideron rodar no ano 1937 en Asturias. Imaxina así un posible cinema de propaganda impulsado desde as institucións e as organizacións políticas e sindicais republicanas asturianas que ben puido desenvolver o equipo xornalístico do diario socialista Avance. O filme apóiase nas series de fotografías de Constantino Suárez e nos textos de Ovidio Gondi, Juan Antonio Cabezas ou Juan Manuel Vega Pico e propón a arqueoloxía dunha posibilidade que, asemade, transforma en cinema.

Vaca mugiendo entre ruínas achégase ao 24 de agosto de 1937, cando o Consello Interprovincial de Asturias e León, máxima autoridade republicana, se constitúe en “Consello soberano de goberno de todo o territorio da súa xurisdición, e a el quedan integramente sometidas todas as xurisdicións e organismos civís e militares que funcionan e funcionen en diante dentro do referido territorio”. O filme viaxa a este momento da historia contemporánea de Asturias a través do testemuño do seu principal responsable, Belarmino Tomás, último presidente lexítimo de Asturias antes do triunfo do fascismo, e dunha colección de “evidencias” (fotografías, debuxos, pinturas, textos xornalísticos…), desde uns meses antes de que se produza a declaración ata a derrota, caída e evacuación de Xixón, o 20 de outubro de 1937.

A seguir, a cineasta libanesa Feyrouz Serhal presenta o documental Maroun volve a Beirut (Wa ada Maroun ila Beirut), que foi seleccionado no Festival de Cine de Venecia. Feyrouz Serhal realiza unha viaxe dun día por Beirut para explorar a vida e obra do falecido cineasta Maroun Baghdadi. Percorre as rúas da cidade, que moldearon profundamente a súa viaxe na vida e mais no cinema, e vai atopando a persoas achegadas a el e coas que compartiu a experiencia da guerra civil. Así que vai avanzando na investigación, vai aflorando tamén o trasfondo sociopolítico que influíu na obra de Maroun e vaise vendo como o seu cine capturou as historias da nación. A película ofrece unha perspectiva actual sobre os últimos cincuenta anos da historia do Líbano, conectando o pasado co presente e é a ópera prima da cineasta.

Tras a proxección do xoves ás 20.30 horas en NUMAX, realizará un coloquio co público.

A Real Filharmonía de Galicia pon son a Buster Keaton

A cita anual de Cineuropa coa Real Filharmonía de Galicia vén desta volta da man de Steamboat Bill Jr. (en galego traducida como O heroe do río), o filme que en 1928 dirixiron Charles Reisner e Buster Keaton, quen tamén a protagonizou. Para esta comedia muda, o director e compositor Timothy Brock escribiu, no 2003, unha banda sonora na que pasea pola ironía, a dozura e a extravagancia da película, a través dun traballo orquestral cheo de matices. A dicir de Brock, “compoñer música para Keaton demanda pensar moito na relación narrativa entre a escena e a música, en termos de sincronía e cores musicais, pero demanda tamén saber rir…” como lle aconteceu a Shostakovich, gran compositor para cinema, en 1926 cando, acompañando ao piano unha película de Chaplin, non puido sufocar unha sonora gargallada, gañando o seu despido fulminante. A Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia acollerá a proxección do filme con música en directo da RFG o xoves 21 ás 20.30 horas.