Skip to main content
  • Trátase da historia do padre Jesús Silva e o seu mundo de Benposta
  • O festival tamén estrea en Galicia ‘From darkness to light’, o documental sobre a lenda da comedia estadounidense Jerry Lewis

Cineuropa estrea este sábado 16 de  novembro ás 16 horas no Teatro Principal a serie completa ‘El circo de los muchachos’, dirixida por Elías León Siminiani.

A serie conta a historia da Cidade dos Muchachos, fundada por Jesús Silva, “o Cura”, que xunto a 15 rapaces creou unha cidade e un proxecto educativo para mozos sen recursos na España franquista de 1956. A serie está creada a partir dunha combinación de materiais e entrevistas inéditas e dun arquivo único que percorre máis de 50 anos de historia e que conta ata con imaxes gravadas desde o propio estudio de televisión creado en  Benposta.

O director, Elías Siminiani, e o produtor Borja Pena acudirán xunto con outros membros do equipo o sábado ao Teatro Principal de Santiago de Compostela para presentar a serie e facer un coloquio co público.

Elías Siminiani é investigador sobre diversos formatos e xéneros. Gañou un premio Goya á mellor curta de ficción no 2023 co filme Arquitectura emocional 1959 e o premio á mellor curta en Europa Cinema 2007 por Ludoterapia, entre outros galardóns. Siminiani dirixiu Apuntes para una película de atracos (2018) e tamén docuseries que tiveron moita repercusión como El caso Asunta: Operación Nenúfar (2017) e El caso Alcàsser (2019).

El circo de los muchachos compite na Sección Oficial Europea de Cineuropa. É unha produción de Vaca Films con guión de Elías León Siminiani, Juan Alba e Pepe Coira. O festival proxectará a serie íntegra na tarde do sábado antes da súa estrea na plataforma Amazon e realizará un coloquio co público tras os dous primeiros capítulos da serie.

Outra das estreas que propón esta edición de Cineuropa é a da película documental From darkness to light (Da escuridade á luz) de Eric Friedler, Michael Lurie e protagonizada por Martin Scorsese, Harry Shearer, Sarah Silverman, Mel Brooks e  Jerry Lewis.

Un dos maiores misterios de Hollywood é a última película autodirixida pola lenda da comedia Jerry Lewis, The Day The Clown Cried, un proxecto anticipado en 1972 que desapareceu misteriosamente e nunca se volveu ver. Durante máis de 50 anos, circularon teorías dubidosas sobre esta suposta ‘película perdida’, pero recentemente xurdiu nova información que bota luz sobre o que realmente aconteceu. A busca deste tesouro histórico desenvólvese con numerosas celebridades e amizades de Lewis que comparten as súas opinións sobre o seu legado e ambición no documental From darkness to light.

Entre as propostas destacadas desta segunda fin de semana do festival tamén está a proxección de Henry fonda for president, de Alexander Horwath. O cineasta austríaco constrúe unha historia dos Estados Unidos sobre o imaxinario dos personaxes que Fonda interpretou, dende os colonos do século XVII ata a súa morte en 1982. E nese itinerario, o filme vai tomando forma de elexía pola democracia norteamericana, polos mellores valores dunha tradición liberal e solidaria, de loita polos dereitos civís e os principios humanistas que a onda do trumpismo ameaza con levar por diante. O director estará en Santiago de Compostela presentado o filme.

Tamén a directora María Trénor estará en Compostela presentando Rock Bottom. A película conta unha historia de amor autodestrutivo entre Bob e Alif, unha parella de artistas que viven o ambiente creativo e rompedor da cultura hippie dos anos 70. A súa relación florece nun verán apaixonado, pero as drogas transforman a súa vida nun pesadelo. Inspirada na vida e música de Robert Wyatt, a película explora a euforia e a angustia da creación artística, a fascinación inconsciente polas drogas, o desgaste provocado na parella pola rutina e a degradación física e mental que resulta da busca desenfreada de liberdade.

COLOQUIOS E ASISTENTES PREVISTO NA FIN DE SEMANA

Venres 15 de novembro

20.45h no Salón Teatro. Henry fonda for president con coloquio co director Alexander Horwath.

Sábado 16 de novembro

16h no Teatro Principal. El circo de los muchachos.

17.45h coloquio co director Elías Siminiani tras os dous primeiros capítulos.

18.30h continuación da proxección.

21.45h no Salón Teatro. Rock bottom, coloquio coa directora María Trénor.

Domingo 17 de novembro

20.45h en NUMAX. Henry fonda for president con coloquio co director Alexander Horwath.