Skip to main content
Do 7 ao 24 de novembro de 2024, Cineuropa programa máis de 130 filmes alén de concertos, debates, encontros con cineastas e actividades formativas nunha edición que leva por lema ‘O corazón do cinema é a liberdade’

 

O cineasta ferrolán Alberto Gracia, a actriz hispano-sueca Ingrid García-Jonsson e a realizadora brasileira Flávia Castro recibirán o máximo galardón do festival nesta edición

 

A directora, guionista e actriz Sonia Méndez, a documentalista Flávia Castro e a xornalista e programadora María José Santacreu compoñen nesta ocasión o Xurado Internacional do Certame

 

O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C son as sedes da 38ª edición de Cineuropa

 

As entradas e bonos poranse á venda este martes ás 16 horas na Zona C e na web compostelacultura.gal

 

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2024.- A 38ª edición de Cineuropa botará a andar o vindeiro xoves, 7 de novembro, no Teatro Principal coa proxección da película francesa Por todo o alto (En Fanfare), de Emmanuel Courcol. Estreado na sección oficial do último Festival de Cannes, o filme chega a Compostela tras facerse co premio do público no Festival de San Sebastián. Co seu ton celebratorio e emotivo, serve de porta de entrada a 18 días de programación nos que o festival proxectará máis de 130 títulos, alén de promover numerosas actividades paralelas, entre as que se inclúen iniciativas especificamente dirixidas á mocidade e á rapazada.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e o director da 38ª edición de Cineuropa, José Luis Losa, adiantaron este martes en rolda de prensa os aspectos máis destacados dunha programación que ten como pano de fondo a reflexión sobre a democracia e as súas representacións na pantalla, e que agroma baixo o lema ‘O corazón do cinema é a liberdade’.

Louzao parabenizou a organización “polo tecido unha programación que pon en valor o poder do cinema na análise e no retrato dos contextos sociais e políticos e que apela a un público, como sabemos que o é, o de Compostela, crítico e de ollada comprometida”. A concelleira convidou á cidadanía e visitantes a tomar parte no “percorrido de proxeccións e actividades para afondar nos procesos de realización dos filmes e ampliar así o goce e a experiencia cinematográfica”.

Tras facer un percorrido polos filmes esenciais da 38ª edición, José Luis Losa reivindicou “o cinema como elemento basal da cultura” e insistiu na “súa capacidade de mobilizar a sociedade e construír imaxinarios colectivos”.

Unha ollada ao panorama cinematográfico actual dende a liberdade creadora

Do 7 ao 24 de novembro Cineuropa volverá traer a Compostela os filmes máis destacados dos circuítos cinematográficos europeo e internacional, nun auténtico crisol de olladas e procedencias. Na escolma de grandes firmas que figuran na programación sobresaen os franceses François Ozon (Cando cae o outono/ Quand vient l’automne), Bruno Dumont (O imperio / L’Émpire) ou Quentin Dupieux (Le deuxième acte / O segundo acto); a británica Andrea Arnold (Bird) e o seu compatriota Mike Leigh (Hard Truths / A miña única familia), alén do italiano Paolo Sorrentino (Parthenope), o portugués Miguel Gomes (Grand Tour) ou o norteamericano Paul Schrader (Oh Canada).

Entre os títulos a non perder da edición cóntanse tamén o filme xeorxiano April (Abril) de Dea Kulumbegashvili, gañador do premio do xurado en Venecia e do premio Zabaltegi en San Sebastián; a película iraniana The seed of the Sacred Fig (A semente da figueira) de Mohammad Rassoulof, que se fixo co premio do xurado en Cannes; a cinta franco-senegalesa Dahomey de Mati Diop, Oso de Ouro na pasada Berlinale; a austríaca The Devil’s Bath (O baño do demo) de Veronica Frantz, premio Alfred Bauer en Berlín e mellor película en Sitges; e Yeohaengjaui pilyo (A Traveler’s Needs, segundo o título internacional, ou Necesidades dunha viaxeira na tradución ao galego), o novo encontro de Isabelle Huppert co coreano Hong Sang-soo, que se fixo co gran premio do xurado en Berlín.

As perlas de Cannes, Berlín ou Locarno concorren na Sección Oficial Novas/os Cineastas

Esta será a cuarta edición de Cineuropa como festival internacional competitivo, con 12 películas a concurso e un xurado internacional constituído por tres mulleres: a cineasta brasileira Flávia Castro, a directora, guionista e intérprete galega Sonia Méndez e a programadora e xornalista cultural uruguaia María José Santacreu.

As doce películas que concorren na Sección Oficial Novas/os Cineastas acceden á selección competitiva directamente dende o palmarés de festivais imprescindibles da contorna europea. De Locarno chegan a gañadora do Leopardo de Ouro, Toxic (Akiplėša, no título orixinal) da cineasta lituana Saulė Bliuvaitė, e a cinta austriaca Moon (Mond, no orixinal) da iraquí Kurdwin Ayub, que se fixo co premio especial do xurado, co Boccalino de Ouro da crítica e coa mención especial do xurado ecuménico do festival suízo. A reputada actriz Noémie Merlant—protagonista, entre outras, da magnífica Portrait de la jeune fille en feu de Céline Sciamma—, ponse tras da cámara por segunda vez e entra en competición coa súa comedia de toques gore Femmes au Balcon (As mulleres do balcón), coa que participou tamén na sección oficial de Cannes.

De Colombia, e tras se facer co premio Blood Window á mellor película no festival de Sitges, chega Mi bestia, da directora Camila Betrán; e a súa compatriota Yennifer Uribe Alzate participa na mesma sección con La piel en primavera, coa que tamén concorreu na Berlinale e no Festival de San Sebastián. Dos EUA veñen igualmente dúas obras: Turn Me On, un filme de Michael Tyburski que se fixo co premio do xurado novo en San Sebastián; e Blue Sun Palace da realizadora Constance Tsang, premiado na Semaine de la Critique de Cannes. India é a procedencia de Santosh (Segredos dun crime) de Sandhya Suri, un singular filme policial seleccionado en Cannes; e franco-norueguesa é a orixe de Armand (A titoría) de Halfdan Ullmann Tøndel, absoluta triunfadora da sección Un Certain Regard do mesmo festival; de Arxentina chega o musical anarco-carcerario e queer Reas, a segunda película de Lola Arias, galardoada en San Sebastián e Thesalonika; e de España procede Rock Bottom, a ópera prima de animación de María Trenor que tomou parte no Festival de Annecy.

‘7291’ e ‘From Darkness to Light’, dúas estreas fronte ás censuras no cinema

Da mesma forma que Cineuropa acolleu en 2015 a estrea do documental Frankenstein 04155, que denunciaba as responsabilidades do goberno central no accidente do Alvia en Angrois, o festival programará o día 10 de novembro a estrea mundial de 7291, o filme documento de Juanjo Castro cuxo título rememora o número de mortes nas residencias de maiores dependentes da Comunidade de Madrid durante a pandemia. A película, que aborda os coñecidos como ‘protocolos da vergoña’ que levaron ao illamento desas residencias non medicalizadas e que atopou problemas para ser aceptada até o de agora noutro festival español, proxectarase o domingo 10 no Salón Teatro e o día 11 na sala NUMAX, en ambos os casos coa presenza do seu director.

Outra exclusiva deste 38º Cineuropa é a de From Darkness to Light, un documental que trae á luz o filme maldito de Jerry Lewis, unha comedia que ambientou nos anos 70 un campo de concentración nazi, e na cal o propio Lewis encarnaba un pallaso que acompañaba os nenos de camiño ás cámaras de gas. O dubidoso sentido moral dese proxecto provocou que nunca se estrease e levou o astro norteamericano a un proceso de demolición persoal. As imaxes desa película oculta de Jerry Lewis, devida lenda urbana cinéfila, teñen en Cineuropa a súa estrea estatal tras o paso polo festival de Venecia.

‘El circo de los muchachos’, a serie de Elias Siminiani para Amazon Prime, en primicia no festival

Elías Siminiani é xa un vello coñecido do público de Cineuropa, onde estreou Mapa e Apuntes para una película de atracos. Tamén é autor dos rigorosos documentais para televisión El caso Asunta e Los crímenes de Alcasser. Agora volve ao festival para estrear a serie El circo de los muchachos. Nos seus cinco episodios, que se poderán ver o domingo 16 de novembro no Teatro Principal, Siminiani, gañador dun Goya, narra —a partir dun  amplísimo material de arquivo—o que foi o ascenso e caída de Benposta, os seus conflitos de poder e guerras civís e tamén a loita que o enfrontou á Xunta presidida por Manuel Fraga. A serie, que agarda a súa estrea na plataforma Amazon Prime, terá en Cineuropa un marco idóneo para o seu visionado e debate en Galicia.

‘Henry Fonda For President’, elexía pola democracia á sombra de Trump

No cartel desta edición, a figura de Abraham Lincoln presente nos billetes de 5 dólares agóchase tras dous círculos vermellos. Estes dous motivos fían unha manchea de filmes que conectan pasado e presente e conforman a sección temática da que devén o lema da edición: ‘Henry Fonda for President. O corazón do cinema é a liberdade’. O urdido de todos eles é un actor-mito que prestou corpo e voz á historia estadounidense en múltiples películas, encarnando os ideais da súa sociedade.

Fonda é o fío e o auténtico protagonista dunha das xoias da tempada, o filme Henry Fonda for President (2024) de Alexander Horwarth. Presentado en febreiro na Berlinale, é moito máis que un ensaio documental sobre o actor e a súa filmografía. Partindo desa base, o cineasta austríaco constrúe unha Historia dos Estados Unidos sobre o imaxinario dos personaxes que Fonda interpretou, dende os colonos do século XVII ata a súa morte en 1982. E nese itinerario, o filme vai tomando forma de elexía pola democracia norteamericana, polos mellores valores dunha tradición liberal e solidaria, de loita polos dereitos civís e os principios humanistas que a onda do trumpismo ameaza con levar por diante.

Ao redor de Henry Fonda for President, e como complemento a un debate que contará coa presenza do propio Horwarth, a programación de Cineuropa propón unha retrospectiva que indaga nese imaxinario xigantesco dos Estados Unidos de Fonda, que pasa polos seus papeis en películas nas que encarnou o presidente da nación norteamericana, como The Young Lincoln (O mozo Lincoln, John Ford, 1939) e Fail Safe (Punto Límite, Sidney Lumet, 1964), e transita tamén por outros nos que puxo rostro ao pobo oprimido polo sistema, como My Darling Clementine (A paixón dos fortes, John Ford, 1946) ou The Grapes of Wrath (As uvas da ira, John Ford,1940). Esas ‘uvas da ira’ redondas como globos oculares saltan así do celuloide á gráfica da edición e dos diálogos da película ás citas presentes no catálogo do festival: “E nos ollos da xente vese o fracaso, e nos ollos famentos vese como medra a ira. Na alma da xente, as uvas da ira están a inchar e madurar, listas para a colleita”.

Deuses e monstros, a revolución interpretativa do Actor’s Studio

Cando se fan cen anos do nacemento de Marlon Brando, Cineuropa propón un ciclo de películas —algunhas clásicas, outras nunca estreadas en España— nas que ver o que supuxo como revolución interpretativa a irrupción do Método e do Actor’s Studio, que obrigaba a actores e actrices a indagar nas súas dores máis íntimas para extraer rexistros de intensidade nunca vistos. Figuras como Lee Remick, Montgomery Clift, Carroll Baker, Ben Gazzara, Eli Wallach, Kim Hunter, Eve Marie Saint, Warren Beatty, Geraldine Page, Paul Newman, Don Murray, Rod Steiger ou Maureen Stappleton poderán ser revisitadas en películas dirixidas por Elia Kazan, Richard Brooks ou Sidney Lumet, entre outros. Unha mesa de debate co director Javier Rebollo, o historiador José Manuel Sande  e o crítico Martin Pawley servirá de contraste sobre as luces e sombras do Actor’s Studio como indagación xenuína no inconsciente ou como ‘verdade rebelada’.

Alberto Gracia, Ingrid García-Jonsson e Flávia Castro recollerán o premio Cineuropa

Na súa 38ª edición, Cineuropa distingue a traxectoria director ferrolán Alberto Gracia, a actriz hispano-sueca Ingrid Garcia-Jonsson, e o a realizadora brasileira Flávia Castro. A entrega do galardón a Gracia terá lugar o martes 12 no Teatro Principal, nun acto que incluirá a proxección da súa película La Parra, que acaba de recibir o premio da sección Alquimias da Seminci.

Ingrid García-Jonsson recollerá o seu galardón o xoves 14 tamén no Teatro Principal, nunha gala que gardará lugar para a proxección de Una ballena, o seu traballo máis recente baixo a dirección de Pablo Hernando.

Finalmente, a realizadora brasileira Flávia Castro, cuxo cinema explora a memoria da ditadura en Brasil recibirá a máxima distinción do festival o mércores 20 no Salón Teatro. O seu cinema foi coñecido xa polo público de Cineuropa en 2018 coa proxección da súa ficción Deslembro. Agora presentará Diário de uma busca, a partir dos recordos da súa propia infancia como refuxiada brasileira no Santiago bombardeado durante o golpe de Pinochet.

Historia do festival: proxeccións e visitas de anteriores Premios Cineuropa

O cineasta catalán Albert Serra —Premio Cineuropa en 2013— presentará o luns 18 de novembro o seu último filme, Tardes de soledad, un documental de creación que ofrece un achegamento ás corridas de touros como nunca o cinema fora capaz de abordar. Tras a proxección desta película, á que o xurado do festival de San Sebastián que presidiu Jaoine Camborda outorgou a Cuncha de Ouro en setembro, o director manterá un encontro co público.

Polo festival de Locarno e o Festival de Cinema Europeo de Sevilla transitou tamén o filme máis recente doutra Premio Cineuropa que volve este ano ao festival. A cineasta Margarita Ledo Andión —que o recibiu en 2020— presenta así en Galicia Prefiro condenarme, un drama baseado nun feito real, a condena por adulterio dunha mariscadora en 1972 de mans dun un tribunal eclesiástico, que se poderá ver o xoves 21 no Salón Teatro coa presenza da directora e doutras integrantes do equipo.

A seguir coas proxeccións de figuras ben coñecidas polo público do festival, cómpre mencionar a presentación da serie de catro capítulos Hotel do rio, do director portugués João Canijo —Premio Cineuropa 2023—, os pases da novísima Grand Tour de Miguel Gomes —Premio Cineuropa 2015—, ou a exhibición do último filme protagonizado por Ángela Molina —galardoada co Premio Cineuropa en 2018.

Entre outras presenzas destacadas cóntase ademais a dun dos directores españois de maior profundidade autoral, Javier Rebollo. O cineasta, que xa estivo en Cineuropa con Lo que sé de Lola e El muerto y ser feliz presentará os días 8 e 9 a súa comedia cinéfila En la alcoba del sultán, estreada mundialmente a pasada semana na Seminci.

Actividades paralelas: debates, encontros e proxeccións especiais

O programa da 38ª edición de Cineuropa garda tamén lugar para numerosas actividades paralelas. Alén dos xa clásicos concertos da Real Filharmonía de Galicia e Banda Municipal de Música de Santiago, o festival mantén a súa cita coas proxeccións especiais de Cineuropa Miúda (dirixidas á rapazada de diferentes idades) e volve abeirar a proxección dos traballos finalistas de Xuventude Crea na modalidade de videocreación. Ademais, acolle a presentación dunha selección de curtametraxes desenvolvidas pola mocidade participante no proxecto Cinema en Curso, programa un encontro do director Spiros Javides, unha homenaxe a José Val del Omar, unha xornada formativa sobre ‘Novas solucións de financiamento para a produción audiovisual’, en colaboración con AGAPI, EGEDA e Segoventure, e a xa mencionada mesa de debate sobre a revolución interpretativa do Actor’s Studio.

Sedes do festival e información práctica

O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos estarán á venda a partir deste mesmo martes 6 no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.

Apoios e colaboracións

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Na súa 38ª edición conta tamén co apoio do Instituto Camões, o Festival Internacional de Cine de Xixón, o festival Artekino e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais alén de diversos patrocinios de empresas e entidades da contorna de Compostela.