A sección coa que a 37ª edición do festival pon o foco no cinema realizado en Galicia inclúe quince curtas e cinco longametraxes en sesións con acceso de balde
‘O auto das ánimas’, de Pablo Lago Dantas, é a primeira película galega que concorre na sección Novas/os Cineastas do festival
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2023.- A 37ª edición de Cineuropa presenta unha ampla selección do cinema realizado en Galicia durante os últimos dous anos. As 20 obras que conforman a sección oficial dedicada ao Panorama Audiovisual Galego estrutúranse en catro sesións de curtas, catro longametraxes documentais e unha película de ficción, todas elas en proxeccións con entrada de balde.
A memoria, os coidados e maila identidade centran os motivos desta escolma que visita algunhas das descubertas do circuíto de festivais galegos de 2023 e que inclúe 11 filmes dirixidos ou codirixidos por mulleres.
O Programa Curtas 1 abriu a selección este venres no Salón Teatro nunha sesión de proxeccións e coloquio que incluíu os últimos traballos de Alba Pino, Ángel Montero e María Serna, Mírian Opazo, e Lara Bacelo. Outras dúas sesións de pezas en formato curto figuran no programa do domingo 12. A primeira delas, ás 18.30 horas, reúne en NUMAX as propostas de Santos Díaz, Ariadna Silva Fernández, Anxos Fazáns, Anita Pico, e Coral e Laura Piñeiro. Case en paralelo, a partir das 18.45 horas no Salón Teatro, ofrécese unha sesión dedicada ao cineasta Alfonso Zarauza, distinguido co Premio Cineuropa en 2020. Esta ollada panorámica que o festival destina aos traballos en curto de cineastas emerxentes e consolidadas péchase o martes 21 ás 18.15 horas en NUMAX co Programa Curtas 3, que abeira pezas de Ángel Santos, Marta Gómez e Paula Iglesias, Ana Amado e Lois Patiño, e Lucía Estévez.
Na aposta Cineuropa polas novas miradas do cinema galego xa en formato longo, destacan nesta edición dúas óperas primas que responden a distintos xeitos de facer documentais con base na propia familia.
Por unha banda, O auto das ánimas, a primeira longametraxe de Pablo Lago Dantas, amosa o retorno do realizador á aldea de Redondela na que naceu e á que volve 20 anos despois de marchar para enfrontar as pantasmas do pasado e atopar respostas ás súas inquedanzas no pouco tempo que lle queda xuntos aos seus.
Este filme, que vén de competir no festival suízo Visions du Réel e de se exhibir no Festival de Cine de Xixón, forma parte tamén da sección competitiva de Novas/os Cineastas, converténdose así no primeiro filme galego que opta aos premios do xurado oficial nesta categoría. Conta con dous pases, o mércores 22 no Salón Teatro e o xoves 23 no Teatro Principal.
Pola outra, Os espazos en branco, un documental de Bruno Arias que terá a súa estrea en Cineuropa nunha sesión para a que xa se esgotaron todas as entradas, é un filme que visita os lugares e as persoas coas que Xela Arias, tía do realizador, compartiu a vida. Deste xeito, a película, alén de nos achegar á poeta luguesa, serve tamén para dar luz ao conflito interno do seu sobriño, que tiña só 5 anos cando Xela, a quen considera a persoa que máis influíu nel, faleceu. A peza proxéctase no Salón Teatro o venres 17 de novembro.
A selección de longametraxes documentais complétase con outros dous filmes: Chichi e mais eu, unha película na que Nico Campos reivindica a figura do seu pai Xesús “Chichi” Campos, humorista gráfico e axitador cultura e que poderemos ver o mércores 15 no Salón Teatro; e O camiño de Ramón Chao. Tralas pegadas de Prisciliano de Aser Álvarez, unha road movie se proxectará o venres 17 en NUMAX e que nos convida a acompañar o camiño do xornalista e escritor Ramón Chao, figura clave na creación do grupo de punk Mano Negra e pai do seu afamado líder, Manu Chao.
A ollada ao Panorama Audiovisual Galego aínda garda lugar para Honeymoon, de Enrique Otero, un filme de ficción que conta entre o seu elenco con tres Premios Cineuropa: os de Javier Gutiérrez, María Vázquez e Antonio Durán “Morris”. A sesión terá lugar o xoves 16 no Salón Teatro.
Pódese consultar a programación completa do Panorama Audiovisual Galego nas webs de Cineuropa e Compostela Cultura.