Os últimos traballos de Justine Triet, Alice Rohrwacher, João Canijo, Radu Jude e Christian Petzold proxéctanse estes días no festival
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023.- Ata o 25 de novembro, o Cineuropa 37 programa 115 filmes entre os que se contan as grandes descubertas do panorama cinematográfico internacional. Como folla de ruta, o festival propón esta selección para non perder.
Anatomía dunha caída (Anatomie d’une chute. Dir. Justine Triet, Francia, 151 min)
O Teatro Principal abeira dúas sesións –o xoves 16, ás 19.15 horas e o sábado 18, ás 21.45 horas– deste filme co que Justine Triet gañou a Palma de Ouro do Festival de Cannes. A película deconstrúe a estrutura do cine de xuízos e explora as raíces e os móbiles dun crime como indagación nas fendas das relacións de parella.
A quimera (La chimera. Dir. Alice Rohrwacher. Italia, Francia, Suíza. 133 min)
Co filme que lle valeu a Espiga de Prata na Seminci, Alice Rohrwacher consegue de novo a alquimia, que parecía irrepetible, de Lazzaro Felice: a introdución dunha personaxe cun don nun marco en aparencia neorrealista, con momentos corais que remiten á primeira etapa do mellor Fellini. Proxectarase o venres 17 ás 22 horas e o luns 20 ás 17 horas, en ambos os casos, no Teatro Principal.
Mal viver (Dir. João Canijo, Portugal. Francia. 127 min)
O premio Cineuropa João Canijo volve acadar o cumio do melodrama que xa tocou con Sangue do meu sangue. Unha sublimación dese xénero que pasa por Fassbinder, por Lorca, por Lucrecia Martel e que bota man dunha equipa de actrices prodixiosas que ratifica esta idade de ouro do cinema portugués. Xunto co outro filme desde díptico, Viver Mal, Canijo amosa unha mestría sen igual á hora de tecer relatos. Ver os dous filmes amosa capas distintas dunha mesma historia.
Mal Viver é o filme que se proxectará tras a cerimonia de entrega do premio Cineuropa ao director portugués que terá lugar no Teatro Principal o domingo 19 a partir das 19.30 horas. A segunda proxección terá lugar no mesmo espazo o martes 21, ás 16.30 horas.
Non agardes moito da fin do mundo (Nu aștepta prea mult de la sfârșitul lumii. Dir. Radu Jude, Romanía, Croacia, Francia, Luxemburgo. 163 min)
O último traballo de Radu Jude gañou o premio especial do xurado no Festival de Locarno. Neste filme a metade de camiño entre Kafka e Berlanga, supérase a si propio como relator dunha Romanía cuxa sociedade permanece ao borde do abismo.
O público de Cineuropa poderá vela o martes 21 ás 21.15 horas e o venres 24 ambas no Teatro Principal.
Afire – O ceo vermello (Rotter Himmel. Dir. Christian Petzold. Alemaña. 103 min)
Co gran premio da Berlinale como carta de presentación, chega este filme co que parece que Christian Petzold volvese ao seu territorio do drama estrito para inxectar ao seu cine toques de humor propio dos irmáns Coen. Con todo, fiel a si propio, sempre regresa ao lume do amor que irrompe como vertixe ou como hipnose. A última das proxeccións previstas, será o xoves 16 ás 22 horas no Teatro Principal.