‘Plus que jamais’ (Máis ca nunca) e ‘Palm Trees and Power Lines’ (Palmeiras e cables da luz) son outras das citas indiscutibles deste mércores en Cineuropa.
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022.- Gran premio do xurado e mellor ópera prima no Festival de Venecia, Mellor película e mellor guión no Festival de Sevilla, candidata á mellor dirección nos Premios do Cinema Europeo, película elixida por Francia para o Oscar á mellor película internacional… este é, nin máis nin menos, que o currículo de Saint Omer tan só dous meses despois do seu lanzamento internacional no Festival de Cine de Venecia. A ópera prima de Alice Diop, que poderemos ver ás 19:15 h. deste mércores no Teatro Principal, segue o xuízo a unha muller acusada de matar á súa filla, apenas un bebé. A nai é nixeriana e chega a Francia coa esperanza dunha vida mellor. Axiña, a realidade e o desexo entran en guerra, e aí aparecen a tolemia, a desesperación e o medo como testemuñas dun drama descomunal. Antes documentalista, a directora dispón o drama fuxindo de toda convención. Saint Omer é simplemente un xuízo cos seus silencios, as súas ausencias, as súas mentiras e as súas perplexidades. Cinema rigoroso ata a extenuación e certo ata a dor.
No mesmo Teatro Principal, pero ás 21.30 h. dará comezo Plus que jamais (Máis ca nunca), o novo da cineasta alemá Emily Atef que participou na sección Un certain regard do Festival de Cannes. A sombra dunha desaparición tráxica (a do novo actor Gaspard Ulliel, falecido o pasado 19 de xaneiro nun accidente de esquí) sobrevoa todo o visionado dun filme que trata de como unha muller nova (Vicky Krieps) afronta a proximidade dunha morte inevitable, mentres o seu mozo (Ulliel) trata de convencela de que non se renda fronte ao inevitable. Ambos os dous intérpretes están magníficos, con todo, o crítico Carlos F. Heredero explica sobre o filme: “o milagre aquí chámase Vicky Krieps, capaz de inxectar medo e esperanza, dúbidas e contradicións, calafríos e enerxía vital, a un personaxe ao que logra manter en pé desde o principio ata o final facéndonos partícipes da súa humanidade e deixando sempre que o comprendamos”.
Pola súa banda, o Salón Teatro acollerá ás 22:15 h deste mércores o último pase de Palm trees and power lines (Palmeiras e cables da luz), ópera prima da neoiorquina Jamie Dack que acompaña a Lea, unha moza de dezasete anos que pasa as súas vacacións de verán sen máis plan ca o de se broncear coa súa mellor amiga no xardín traseiro da súa casa. Esta monotonía vese interrompida por un encontro casual con Tom, un home maior que promete unha alternativa á insatisfactoria vida adolescente de Lea. A moza cae rendida ante o encanto carismático de Tom, que exerce sobre ela un control crecente que a vai illando do seu círculo habitual. A nova directora e guionista Jamie Dack amplía aquí a soada curta homónima que dirixiu en 2018 nunha longa máis espiñosa e inquietante. Filmada ao estilo verité nos lugares máis banais posible, a película, estreada internacionalmente no Festival de Sundance, ofrece unha mirada sen adornos a unha contorna árida tanto literal como figurativamente, no que as persoas novas semellan recibir moi pouca orientación e soporte por parte da familia ou da sociedade. Dack non xulga á moza protagonista, pero si deixa clara a vulnerabilidade da adolescencia nun mundo que non lle proporciona a seguridade precisa.
A programación deste mércores en Cineuropa estará completada por outros filmes pertencentes ás diferentes seccións desta edición, como Foudre (Thunder), Falcon Lake e Suro (Cortiza), que pertencen á sección Novos/as Cineastas; Gigi la legge (Gigi a lei), da Sección Oficial Europea; Blanquita, da sección LatidoAmericano; ou Camelot, de Joshua Logan, que está incluída na sección temática Cancións para despois dunha guerra. Toda a información está dispoñible na web do festival cineuropa.gal.
PROGRAMACIÓN CINEUROPA MÉRCORES 16 DE NOVEMBRO
TEATRO PRINCIPAL
17.30 FOUDRE / THUNDER, de Carmen Jaquier
19.15 SAINT OMER, de Alice Diop
21.30 PLUS QUE JAMAIS / MAIS CA NUNCA, de Emily Atef
SALÓN TEATRO
17.00 CAMELOT, de Joshua Logan
20.15 GIGI LA LEGGE / GIGI A LEI, de Alessandro Comodin
22.15 PALM TREES AND POWER LINES / PALMEIRAS E CABLES DA LUZ, de Jamie Dack
NUMAX
17.30 FALCON LAKE, de Charlotte Le Bon
19.30 SURO / CORTIZA, de Mikel Gurrea
21.45 BLANQUITA, de Fernando Guzzoni