O Teatro Principal acogerá o tributo a unha das actrices esenciais da Nosa cinematografía este venres ás 19:45h.
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022.- Segundo o director de Cineuropa, José Luis Losa, “Arredor de Charo López, dos seus pasos descontinuos, do seu hedonismo equívoco e sabio, cumpriría inventar unha Historia do cinema español alternativa. Iso dío todo sobre o seu poder como involuntariamente taumatúrxico; dunha magnitude tal que só con que unha industria tan cega coma a nosa lle permitira rodar xa se ensanchan os sucos dunha lenda”. A xa lendaria Charo López chegou ao cinema de xeito case casual. Logo de estudar filosofía e letras na súa Salamanca natal, e de comezar a traballar como profesora nun colexio intercalando este traballo con pequenos papeis en teatro ou cinema, coñece a Gonzalo Suárez, con quen iniciaría un infatigable tándem que duraría máis de 50 anos. Ese mesmo día, Suárez ofreceulle o papel de Ana Carmona en Ditirambo. Logo comezaron a chegar películas, obras de teatro e televisión, pero poucos roles que ela sentira que sacaban o seu potencial como actriz. A prensa converteuna en icona sexual, pero isto non servía para atraer os bos papeis. No canto de arrastrarse en subprodutos, en 1979 Charo López decide volver a exercer o maxisterio. Cando estaba a piques de comezar o seu traballo nun novo centro escolar, todo quedou atrás grazas á Mauricia ‘a dura’ na adaptación televisiva de Fortunata e Jacinta que Mario Camus realizou en 1980. Ese papel foi chave, e fixo que encadease unha serie de personaxes nos que interpretaba a mulleres libres e pasionais. O seu segundo fito foi a interpretación de Clara Aldán noutra adaptación televisiva: Los gozos y las sombras. Naquel ano 82 onde aínda o país se sacudía o po de 40 anos de ditadura, López protagonizou unha escena que revolucionou o audiovisual estatal, unha masturbación feminina.
Logo viñeron toda a serie de filmes e series que a converteron nunha peza imprescindible da nosa cinematografía: La Colmena (Mario Camus, 1982), Epílogo (Gonzalo Suárez, 1984), Últimas tardes con Teresa (Gonzalo Herralde, 1984), Los paraísos perdidos (Basilio Martín Patino, 1985), Los pazos de Ulloa (Gonzalo Suárez, 1986), Tiempo de Silencio (Vicente Aranda, 1986), Don Juan en los Infiernos (Gonzalo Suárez, 1991), El detective y la muerte (Gonzalo Suárez, 1994), ou o Secretos del corazón de Montxo Armendáriz que será proxectada este venres logo da entrega do premio, coa que obtivo o seu único Goya como mellor actriz de reparto.
Charo López recollerá o último dos Premios Cineuropa desta 36ª edición este venres 18 de novembro ás 19:45 h no Teatro Principal. Á homenaxe asistirán o director do Festival, José Luis Losa, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Bugallo, e outros membros da corporación municipal.
Programación
O resto da programación deste venres estará complementada por once proxeccións máis en diferentes salas e a gran festa do cinema: o maratón (Teatro Principal ás 22 h.), conformado nesta ocasión por sete películas (tres delas sorpresa) que prometen facer as delicias do público máis nocturno do festival.
Por outra banda, no Salón Teatro ás 18:45 h. dará comezo a proxección de Donde acaba la memoria, un documental dirixido polo galego Pablo Romero e protagonizado por Ian Gibson, que xira arredor da imaxe deste historiador e da súa loita por recuperar a memoria de Lorca e de tantas outras persoas que co paso dos anos foron esquecidas baixo terra. O que para moitos españois é xa unha causa perdida, para este irlandés é un motivo de loita constante para recuperar as vidas e historias de todas e todos aqueles que caeron en combate e na ditadura posterior hai xa case 90 anos. O pase contará cun coloquio e a participación do director, Pablo Romero, e o produtor e músico Xavi Font.
De seguido, ás 20:15 h no mesmo Salón Teatro, terá lugar o último pase Rimini, un traxicómico filme do irredento Ulrich Seidl sobre un crooner en decadencia co que o director austríaco abunda na súa traxectoria lendaria de cineasta do mal corpo xa ben coñecida polo público deste festival.
Por último, cómpre salientar tamén o derradeiro pase de Saint Omer, a ópera prima de Alice Diop que está a bater todos os récords en canto a galardóns se refire, colleitando en tan só dous meses desde a súa estrea internacional no Festival de Venecia o gran premio do xurado e mellor ópera prima no Festival de Venecia, mellor película e mellor guión no Festival de Sevilla, ou a candidatura á mellor dirección nos Premios do Cinema Europeo. Ademais, é a película elixida por Francia para o Oscar á mellor película internacional. O filme, que pechará a xornada no Salón Teatro a partir das 22:30 h, segue o xuízo a unha muller acusada de matar á súa filla, apenas un bebé. A nai é nixeriana e chega a Francia coa esperanza dunha vida mellor. Axiña, a realidade e o desexo entran en guerra, e aí aparecen a tolemia, a desesperación e o medo como testemuñas dun drama descomunal.