O novo de Yann Gonzalez e Christophe Honoré, as grandes novidades deste martes

  • O ciclo retrospectivo de 100 anos de cine romanés realizado grazas á colaboración do Instituto Cultural Romanés de Madrid, botará o seu peche esta xornada.
  • Este martes teremos unha última oportunidade de asistir á exhibición dunha das apostas programáticas desta edición: 'Mulleres experimentalistas de América Latina'.


Unha das propostas máis poderosas do pasado Cannes foi Un couteau dans le coeur / Coitelo e corazón, de Yann Gonzalez, gran estrea deste martes en Cineuropa. Unha sucesión de asasinatos cometidos durante a rodaxe dun filme porno gai serve ao director para unha fastosa mestizaxe de elementos do giallo de Dario Argento, do cinema de Brian de Palma ou do Antonioni de Blow-Up. O terror de paxaros de pluma de cristal, a imaxe como creación asociada ao sexo, á paixón e á morte ficcionada ou carnal. Unha pantasma da ópera homoerótica e infinitamente libre. A cita coa segunda longametraxe de Yann Gonzalez será ás 22:15 h. no Teatro Principal.

O novo de Christophe Honoré, Plaire, aimer et courir vite, tamén celebrará a súa estrea nesta xornada ás 19:45 h. no Salón Teatro. Para Honoré, a evocación dunha historia de amor condenada á dilución e, con todo, vivida coa intensidade do gozar do momento atopa o seu leito neste excurso aos anos 90. Unha relación homosexual e a sida soa como referente cronolóxico de algo que é como un eco do pasado e dun futuro incerto. Sobre esa sensible estrutura reafírmase, sen medo o kitsch, esta crónica de pobres amantes, condenados pola ferida do tempo.

Non queremos desaproveitar a ocasión de lembrar a oportunidade de gozar novamente de filmes como Obra sen autor, de Florian Henckel, programada ás 22:15 h. no Salón Teatro, que foi valorada cun 8,55 polo público deste festival no seu primeiro pase; A casa de verán, de Valeria Bruni Tedeschi (que se poderá ver ás 17:30 h. no mesmo Salón Teatro); a belísima película en lingua aimará Wiñaypacha, de Oscar Catacora (Salón Teatro ás 16 h.); o nihilista retorno de Érick Zonca Fleuve noir (ás 20 h. no Teatro Principal); ou mesmo a oportunidade de gozar en pantalla grande dese clásico de Kubrick, filme provocador por excelencia, que é A laranza mecánica (cuxa proxección dará comezo a medianoite no Principal).

O ciclo retrospectivo de 100 anos de cine romanés realizado grazas á colaboración do Instituto Cultural Romanés de Madrid, botará o seu peche esta xornada coa proxección de Occidente, de Cristian Mungiu (que se poderá ver ás 19:45 h. nos Multicines Compostela); Fútbol Infinito, de Corneliu Porumboiu, e O fillo máis amado da terra, de Șerban Marinescu, ambos os dous filmes, estes últimos, programados en Numax ás 21 h e 22:15 h. respectivamente.

Este martes, e tamén en Numax, teremos unha última oportunidade ás 17:30 h. de asistir á exhibición dunha das apostas programáticas desta edición: Mulleres experimentalistas de América Latina, un programa composto de nove curtas realizadas por diferentes autoras e que, segundo a curadora e restauradora uruguaia Ángela Ruiz, “é abordado desde unha perspectiva feminista decolonial que procura indagar nos posibles desbordes e implicacións epistémicas dos termos “muller latinoamericana” e “artista latina”, para compoñer un mapa de empatías conceptuais, estratexias coincidentes e redes afectivas que traspasaron barreiras xeopolíticas e apostaron pola subversión do canon modernista”.

Poden consultar a programación completa no sitio web cineuropa.gal.