Cineuropa acolle a Preestrea en Galicia de 'Hamada', de Eloy Domínguez Serén

  • 'Obra sen autor', de Florian Henckel é outra das grandes fitas desta xornada.
  • Á presentación de 'Hamada' acudirán o propio Eloy Domínguez, o protagonista, Sidahmed Salec Labeid, e outros membros do equipo.


Este domingo será unha nova xornada de celebración do magnífico cinema galego que se está a realizar na actualidade coa Preestrea de Hamada, a fermosísima e comprometida ópera prima que Eloy Domínguez Serén realizou no Sahara Occidental e que vén de ser seleccionada para o premio Oxfam Global Justice Award no IDFA (International Documentary Filmfestival Amsterdam). É unha ledicia para este festival exhibir as longametraxes de todos e todas as cineastas que fomos vendo medrar ao longo destas 32 edicións.

Pero tamén será un día no que plantexar reflexións moi necesarias sobre un problema que nos afecta a todos e todas. Un ano máis, e en consoancia coa campaña En negro contra a violencia, impulsada dende hai tres anos polo Concello de Santiago de Compostela co obxectivo de eliminar a lacra das violencias machistas, este domingo 25 de novembro proxectaranse varios filmes que abordan a violencia que o sistema patriarcal impón sobre as mulleres.

No Salón Teatro ás 21:45 h, pasarase La cena blanca de Romina. Hernán Martín e Francisco Rizzi, fundadores do grupo de cinema militante Ojo Obrero, poñen o foco no mediático caso de Romina Tejerina para evidenciar as carencias da conservadora sociedade arxentina de San Pedro de Jujuy, unha comunidade que vive condicionada pola relixión, as políticas de austeridade e o machismo, onde o aborto non está permitido e ante unha violación culpabilízase á vítima mentres se xustifica ao verdugo. O documental articúlase con base no testemuño de todos os implicados no proceso: as forzas vivas da cidade, os avogados, activistas, médicos, familiares, amigos e veciños. A partir das súas reflexións e dos acontecementos que se van precipitando, a película maniféstase como unha alegación contra a opresión dun sistema patriarcal que trata as mulleres como cidadás de segunda categoría. Ás 16:30 h. no mesmo Salón Teatro comezará Las herederas, un belísimo filme de Marcelo Martinessi que provocou reaccións violentas cando se presentou no seu país, Paraguai, por tratar unha relación lésbica. Os Multicines Compostela, pola súa banda, acollerán ás 21 h. o último pase da película turca Irmáns, de Ömür Atay, que indaga nos segredos dunha familia sometida ás hipócritas e machistas normas morais da relixión.

A programación desta xornada en Numax pon o foco nese rol tradicionalmente adxudicado ás mulleres, o dos coidados, ben o coidado dos fillos, como na fermosa Tempo comum de Susana Nobre, ou ben o coidado dos adultos, como na primeira película de ficción de Kent Jones, Diane, que ilustra unha viaxe o fondo da insatisfacción dunha muller —soberbia Mary Kay Place— que parece lastrada polos problemas dos seres queridos aos que coida.

Esta programación esténdese o domingo ata a Sala Mozart do Auditorio de Galicia, que se abre de novo para acoller a mostra de cinema con perspectiva feminista realizada en colaboración co Centro Simone de Beauvoir. Ás 18:45 h, proxectarase Maso e Miso van en barco, de Carole Roussopoulos, Ioana Wieder, Delphine Seyrig e Nadja Ringart. E, de seguido, ás 20 h. pasaranse en sesión continua as curtas A marcha das mulleres a Hendaia, de Ioana Wieder e Carole Roussopoulos, LIP: Monique et Christiane, de Carole Roussopoulos, e Violación conxugal, violación a domicilio, de Carole Roussopoulos e Véronique Ducret.

Obra sen autor, de Florian Henckel, é outra das grandes fitas desta xornada. Seguramente, o espectador máis veterano de Cineuropa lembrará que Henckel gañou o premio do público e unha das ovacións máis prolongadas do festival con A vida dos outros en 2006. Doce anos tiveron que pasar para o seu agardado regreso, outro drama en tempos de divisións, fronteiras, guerras, réximes liberticidas, esvásticas e grandes amores. E a arte como mecanismo de guión que representa esa pugna entre a liberdade e a opresión, entre a memoria e o soterramento. De novo, a tecla da emotividade impulsando o dramatis personae por enriba dos furacáns da Historia.

Por último, e non por iso menos importante, no Cinema Numax ás 17:30 h. coñeceremos un pouco máis da música viguesa dos anos 80 da man de Pablo Vázquez e Denis Carballás que visitarán o festival para presentar o seu filme Cuna de músicos.

Poden consultar a programación completa no sitio web cineuropa.gal