Cineuropa acolle este sábado as estreas absolutas de 'Galveston' e 'Loro'

  • Os primeiros pases de 'Loro (Silvio e os outros)' e 'Galveston', dous dos filmes estelares do ano, terán lugar no Teatro Principal.
  • Ao longo desta xornada poderemos conversar con Charlotte Serrand directora de '1048 lúas', que visita o festival para presentar a súa ópera prima.


Loro (Silvio e os outros) é, sen dúbida, un dos filmes estelares do ano que temos a grande fortuna de estrear aquí, en Cineuropa. Sorprende, cando menos, que un filme destas características non pasara por ningún festival estatal con anterioridade. Do caldo de cultivo conformado por Sorrentino, máis Berlusconi e o tremendo Toni Servillo xorde esta representación tan kitsch como certeira do ex primeiro ministro italiano nun reino da inmundicia a través dunha telenovela bárbara e casposa. A primeira das dúas citas que teremos con Silvio neste festival será este sábado ás 19:45 h. no Teatro Principal.

De seguido no mesmo Principal (ás 22:30 h.) dará comezo Galveston, da que Cineuropa celebra tamén a súa estrea estatal. A cuarta longa como directora de Mélanie Laurent é un filme de serie negra, adaptación dunha novela que Nick Pizzolatto escribiu antes de alcanzar a fama con True Detective. Galveston pertence á estirpe do noir que protagonizan seres crebados, dous perdedores que foxen da violencia e buscan último refuxio nunha Texas costeira e vítima dos furacáns. Cando xa sabemos que estes desvíos ao paraíso sempre terminan nun cul de sac. Entre a sordidez e a poética dese canellón das almas perdidas, hai que ver para crer a composición de fraxilidade exquisita de Elle Fanning.

Mais estes grandísimos filmes non serán as únicas novidades da xornada: este sábado da comezo unha interesante mostra de cinema con perspectiva feminista realizada en colaboración co Centro Simone de Beauvoir. Sé fermosa e cala, de Delphine Seyrig, será o filme encargado de abrir este programa de carácter gratuíto que se exhibirá os días 24 e 25 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Co sexismo como fío condutor, o documental amosa unha serie de entrevistas feitas por Seyrig con vinte e tres actrices francesas, inglesas, americanas e unha canadense que evocan a súa experiencia profesional, os papeis que lles propuxeron e as súas relacións cos directores e equipos técnicos.

Ás 16:15 h. no Salón Teatro, dará comezo o primeiro pase de Míriam miente, de Natalia Cabral e Oriol Estrada, un retrato cativador dunha cultura, á vez que unha crónica íntima da adolescencia e unha feroz crítica dunha sociedade clasista, racista e fachendosa. Todo iso cun estilo próximo ao documental, onde sobresae un elenco de actores –tanto novos como adultos, algúns experimentados, outros non profesionais— dunha naturalidade abraiante. Ás 19:30 na mesma sala, comezará The kindergarten teacher, o segundo filme de Sara Colangelo polo que a cineasta obtivo o premio á mellor dirección en Sundance. Seguramente lembrará o espectador de Cineuropa un filme do mesmo título dirixido polo israelí Nadav Lapid proxectado neste festival en 2014. Aquela relación entre unha profesora e o seu alumno que con cinco anos se revelaba como un poeta de profundidade é inesquecible. Pois sobre aquela obra mestra filmou Sara Colangelo o seu remake, co visto e prace de Lapid. O resultado é máis que convincente: é quen de reter a tensión crecente que levaba xa a versión israelí do cinema con neno ao thriller irrespirable.

Por outra banda, convén salientar o último pase de Deslembro, de Flavia Castro, que vén de gañar o premio FIPRESCI da crítica, o premio do público e o premio á mellor actriz secuendaria no Festival de Río de Xaneiro. No filme, que se exhibirá no Teatro Principal ás 18 h. Castro vai debullando unha historia que se asemella a moitas pero que é tan singular como ningunha. Joanna é filla dun pai desparecido pola ditadura brasileira, e o desexilio, que se lle impón xusto na metade da súa adolescencia, conéctaa con ese pasado cuxa memoria foi borrada polo tempo, a imaxinación e a información fragmentada. Un relato de iniciación á vez poético e político, entrañable e necesario.

No cinema Numax ás 19:15 h. poderemos conversar de novo con Charlotte Serrand directora de 1048 lúas, que visita o festival para presentar este belísimo filme, unha revisión cinematográfica das Cartas das heroínas de Ovidio onde o visual e o sonoro se axustan ao relato magníficamente.

O resto da programación complementarase con outros filmes que poden consultar no sitio web cineuropa.gal.