25 filmes en carteleira e varios encontros con cineastas

  • Os directores Antón Corbal, Andrés Lübbert e Hernán Zin, e a produtora Nerea Barros, estarán no festival para presentar os seus últimos traballos.


Tras se consagrar en Cannes coa escenificación da asfixia envolvente dun campo de exterminio nazi en Fillo de Saúl, László Nemes recorre en Sunset ao mesmo dispositivo de inmersión e ao punto de vista subxectivo do seu protagonista, aquí unha moza que chega á Budapest de comezos do século XX, mentres cae o Imperio Austrohúngaro. Nun marco de forza visual irresistible, Nemes arrisca de novo na narración elíptica, na formulación da investigación desta muller como un percorrido psicotrópico, insondable e inquietante. A cita con Sunset será ás 19:45 h. no Teatro Principal.

Ás 22:15 h. no mesmo Principal exhibirase por vez primeira en Cineuropa A casa de verán, de Valeria Bruni Tedeschi, un lúcido filme cargado de afiado humor sarcástico sobre os guapos burgueses que habitan na súa dacha da Costa Azul, un cadro coral como un illote ao sol, onde se adiviñan perfís autobiográficos de Bruni Tedeschi. E un elegante espello case esperpéntico que reflicte sen acritude pero con afiado e intelixente bisturí as excentricidades desta clase do dolce far niente.

No Cinema Numax contaremos coa presenza de Antón Corbal e Andrés Lübbert, que visitan o festival para presentar os seus últimos traballos. Ás 18:45 h. compartiremos Santos #2. Work in progress co seu autor, Antón Corbal. Na súa opera prima, Corbal entrelaza dúas realidades utilizando o cineasta Oliver Laxe como ponte entre o retiro espiritual e o mundo secular, como unha transición entre as montañas do Anti-Atlas e dos Ancares. Work in Progress traballa así a dous niveis, como documento metacinematográfico e como unha película que toma forma nalgún lugar entre a espiritualidade e a súa ausencia. Tras esta proxección, dará comezo ás 20:30 h o último pase de El color del camaleón, personalísimo documental sobre os horrores do totalitarismo que tamén poderemos comentar co seu director, Andrés Lübbert. A programación de Numax rematará ás 22:15 h. con Dovlatov, de Alexey German Jr., biopic do grandísimo escritor ruso que foi do mellor da pasada Berlinale.

Ás 20:15 h., o Salón Teatro acollerá a estrea en Cineuropa de Morir para contar, de Hernán Zin. Trátase dun documental de tema ata agora nunca tratado neste formato: as consecuencias psicolóxicas que sofren os reporteiros que traballan en zonas de conflito. Os horrores da guerra na narración das peores lembranzas de xornalistas como Gervasio Sánchez, Jose Antonio Guardiola, Javier Espinosa, Mónica G. Prieto, Rosa Meneses, Ramón Lobo, Angel Sastre, Manu Brabo, Roberto Fraile, Maysún, David Beriain, Fran Sevilla, Carlos Hernández, Carmen Sarmiento, Eric Frattini, Mónica Bernabé e Javier Bauluz. O filme elévase como revelación e tamén como homenaxe para quen a padece, achegándose sobre todo ao humano, con delicada sobriedade. Este pase estará presentado polo director, Hernán Zin, e a produtora Nerea Barros.

Pola súa banda, o Museo das Peregrinacións dedicará a súa programación ao máis imprescindible do xénero documental deste último ano, mentres que a Sala Agustín Magán do Centro Cívico Santa Marta, fará o seu cunha serie de filmes da sección Escándalo: cinema sen leis nin mordazas. Poden consultar a programación completa no sitio web cineuropa.gal