Cineuropa acolle a Preestrea de Trote, a ópera prima de Xacio Baño

  • 'Noites máxicas' de Paolo Virzì, 'The load', de Ognjen Glavonić, 'Jimmie', de Jesper Ganslandt, e Testemuñas de Putin, de Vitaly Mansky, son outras das estreas deste domingo.


Este domingo chega a Cineuropa a celebrada —e agardada— ópera prima do galego Xacio Baño, de quen fomos coñecendo a evolución artística ao longo de varias edicións deste festival. Trote está protagonizado por María Vázquez, Celso Bugallo, Diego Anido e Tamara Canosa, e foi presentado con éxito no Festival de Locarno, unha das citas máis prestixiosas do circuito mundial do cinema independiente. A preestrea, á que asistirá o equipo da película, terá lugar ás 21 h. no Cinema Numax.

Outras agardadas citas cinematográficas desta xornada estarán espalladas por toda a programación do día. É de salientar o regreso a Cineuropa do italiano Paolo Virzì tras a ledicia que espertou o seu filme La pazza gioia como película sorpresa de 2016. En Noites máxicas viaxa a 1990, década na cal a idade de ouro do cinema italiano se viu degolada pola telebasura. Virzì cóntao en clave de comedia de humor negro, con inxección de nostalxia e dúas vellas glorias como Giancarlo Giannini e Ornella Muti apadriñando a elexía polo club dos cineastas desaparecidos. Noites máxicas pasarase ás 20:30 h. no Teatro Principal. De seguido, ás 22:45 h. na mesma sala, poderemos ver The Load, un lúcido thriller político dirixido polo serbio Ognjen Glavonić que foi candidato á Palma de Ouro. Unha historia implacable, intelixente e sobria.

Jimmie, de Jesper Ganslandt (nos Multicines Compostela ás 17:30 h) é unha crúa ao tempo que tenra historia sobre refuxiados que non deixará indiferente a ninguén. Jimmie ten catro anos. O seu pai asegúralle que van na procura da súa nai desaparecida. Aínda que a súa vida en Estocolmo se esvaece ao verse obrigados a fuxir, o neno non esquece as promesas e aférrase a elas. O propio Ganslandt e o seu pequeno interpretan esta historia de desesperación e perda en cuxo periplo é fácil recoñecer o de miles de migrantes que día a día foxen en busca dun lugar seguro onde vivir. Ao que o espectador non está afeito é a ver que os que foxen aquí son de países ricos e seguros.

Na previa á preestrea de Trote, poderemos ver en Numax ás 19 h. o Gran Premio ao mellor documental no Festival de Cine Internacional de Karlovy Vary. Trátase de Testemuñas de Putin, do ucraíno Vitaly Mansky. A película baséase en testemuños únicos e estritamente documentais das verdadeiras causas e consecuencias da operación "Sucesor", como resultado da cal Rusia terminou co presidente que aínda goberna o país.

Ás 19:45 h. acollerá o Museo das Peregrinacións outro documental de cariz político pero máis singular como é Vexo todo roxo, ópera prima da búlgara Bojina Panayotova, que narra en primeira persoa a súa particula odisea cómico-tráxica na procura da súa identidade. Unha mestura de espionaxe e filme familiar. A continuación, ás 21:30 h. no mesmo museo, exhibirase Inferninho, de Pedro Diogenes e Guto Parente, un fermoso tributo a esas xentes solitarias que habitan os últimos bares abertos, seres inadaptados con mil e unha historias que contar. Filmada practicamente dentro das catro paredes do local e sinxela en termos orzamentarios, trátase dunha pequena película realizada con moita tenrura, aínda que non exenta de certa retranca.

Poden consultar a programación completa no sitio web cineuropa.gal