Cineuropa celebra a traxectoria da actriz Ángela Molina outorgándolle o Premio Cineuropa

  • Este sábado teremos unha nova oportunidade de conversar con Lucía Palacios e Dietmar Post, directores de 'La causa contra Franco'
  • 'Cisne de cristal', 'A land imagined' e 'O processo', son as novas propostas cinematográficas desta xornada.


Neste segundo sábado de festival, Cineuropa renderá unha necesaria homenaxe o talento e a forza artística da actriz Ángela Molina, outorgándolle o segundo dos tres premios desta edición. A cerimonia de entrega do premio, que contará coa presenza do alcalde Martiño Noriega, terá lugar ás 20 h. no Teatro Principal e precederá á proxección do clásico de Buñuel Ese escuro obxecto do desexo, que Ángela Molina protagonizou xunto a Fernando Rey e Carole Bouquet en 1977. O acceso é gratuíto previa recollida de convite no despacho de billetes da mesma sede.

 

Ángela Molina

Actriz de cine e teatro, debutou en 1975 co filme No matarás, de Cesar Fernández Ardavin. En 1985 obtivo o Gran Premio da Crítica de Nova York e, ao ano seguinte, converteuse na primeira actriz estranxeira en recibir un David de Donatello, por Camorra, de Lina Wertmüller. En 1986 consegue tamén a Cuncha de Prata á mellor actriz por La mitad del cielo no Festival de San Sebastián. Despois virían o Premio Cidade de Huelva en 1999; o Premio Málaga en 2002, a Espiga de Ouro e a mención especial no Festival de Málaga en 2012, o Premio Nacho Martínez de Xixón en 2009, o Premio Luis Buñuel en 2010 e, por fin, o Premio Nacional de Cinematografía en 2016.

Á parte de traballar con Luis Buñuel, fixo o seu con Alain Tanner, Giuseppe Tornatore, Luigi Comencini, Ricardo Franco, Marco Bellocchio, Bigas Luna, Pedro Almodóvar, e os irmáns Taviani entre moitos outros cineastas.

 

 Citas cinematográficas

Cineuropa ofrece este sábado varias propostas cinematográficas para non perder:

 A última tolemia de Claire Darling, de Julie Bertuccelli, ás 18 h. no Teatro Principal

Catherine Deneuve sae do seu longo peche, como dun sarcófago, para poñer en almoeda os seus caros obxectos: lámpadas de Tiffany a 1 euro. Para poñer coto a tan fermosa tolemia chega a súa filla —tamén na vida real—, Chiara Mastroianni. Todo queda na casa… ou fóra dela, nese bazar das sorpresas. Adaptación da novela de Lynda Rutlesge Faith Bass Darling's last garage sale.

 Cisne de cristal, de Darya Zhuk, ás 21 h. nos Multicines Compostela

Ambientada uns anos despois de que Bielorrusia obtivese a súa independencia, esta vibrante ópera prima, rodada nun opresivo 4:3 pero cun brillo na contorna e a paisaxe que parece construír unha ponte entre ese pasado lúgubre de liberdades cernadas e algo mellor que se intúe pero non se ve, é a amarga resposta dunha moza na vintena que creceu soñando con marchar, con abrazar a independencia propia, e non a recentemente conquistada pola xeración dos seus pais. Salpicada de humor moi fino, esta comedia negrísima, intelixente e feminista foi realizada por unha moza chamada Darya Zhuk: dese nome volveremos ter moi boas noticias.

 A land imagined, de Yeo Siew Hua, ás 17:30 h. no Cinema Numax

O León de Ouro en Locarno para un filme que explora esa terra de ninguén que é unha zona portuaria de fábricas nun Singapur onde sobra a man de obra migrante de lugares máis pobres. Unha desaparición, un arranque propio de thriller e unha viraxe na acción —pola vía do flashback— cara o pasado dese ser na bruma, un traballador que atopa a súa vía de escape en noites de neon de danzas tolas, de cyber cafés con camareira nada virtual. Influencias de Won Kar-Wai e de Jia Zhang-Ke, quen presidía o xurado que premiou esta película que fala do amor entre as ruínas, da paixón nada do insomnio e as alucinacións.

  O processo, de Maria Augusta Ramos, ás 18 h. no Museo das Peregrinacións

Trátase dun documental imprescindible para comprender a actualidade brasileira. Unha nova mirada ao impeachment de Dilma Rousseff, a primeira muller presidenta de Brasil. A película retrata o xuízo "político xudicial" ao que foi sometida, primeiro na Cámara de Representantes e despois no Senado, poñendo o foco no equipo de defensa da presidenta: o seu avogado José Eduardo Cardoso e dous senadores que loitan para probar a súa inocencia fronte ao voto maioritario dun Congreso infestado de corrupción. A historia persoal de Rousseff enriquece o relato: unha muller que foi encarcerada e torturada pola antiga ditadura militar do país, que agora é acusada de delitos fiscais e corrupción. Rousseff declárase inocente e acusa a oposición dereitista de perpetrar un golpe de estado parlamentario. O principal artífice da acusación é o vicepresidente Michel Temer, un dos seus antigos aliados.