Cineuropa ofrece este venres varios encontros con cineastas e unha sesión de cine-concerto

  • Este venres contaremos coa presenza dos directores de 'Os corpos dos astronautas', 'La causa contra Franco' e 'O desafío do Sil'.
  • A pianista Mihaela Duma abrirá a retrospectiva dos 100 anos de cine romanés cun cine-concerto no Teatro Principal.


A programación de Cineuropa para este venres estará conformada por 27 filmes que se poderán ver en sete salas, coa incorporación do Cinema Numax como unha das sedes oficiais do festival. Como novidades desta xornada, convén salientar a apertura da retrospectiva dos 100 anos de cine romanés, cinematografía que pedía a voces un espazo propio debido á súa enorme calidade, de obrigada e inevitable presenza nas últimas edicións deste festival. Independenţa României (A guerra da independencia,1912), filme de Aristide Demetriade e Grigore Brezeanu que conmemorou en 1912 o 35º aniversario da soberanía nacional romanesa, abrirá este ciclo no Teatro Principal ás 20 h. cunha proxección acompañada pola improvisación en vivo da pianista de orixe romanés Mihaela Duma, á que tamén asistirá María Pop, directora do Instituto Cultural Rumano en Madrid.

Mihaela Duma

Madrileña de raíces romanesas, graduouse en Piano Performance en Musikene (Escola Superior de Música do País Vasco), foi nomeada aos Premios Novo Talento da Comunidade de Madrid no 2016 e actualmente é semifinalista en Romania’s Got Talent. Actuou en festivais por todo o territorio estatal, pasando por Santiago de Compostela, Sevilla, Bilbao, Barcelona ou Madrid.

Unha das prácticas habituais do músico no século XIX era improvisar. Logo de ver a proxección, a pianista percibe ideas que se plasmarán a través da música que acompañará a película. Non é unha música escrita e tampouco estudada, trátase dunha creación en tempo real xunto ao público da sala. Con iso, Mihaela desenvolve con naturalidade a súa faceta como improvisadora, inspirada por outros pianistas, como Gabriela Montero ou Josep Colom.

Filmes con presentación e coloquio

Ao longo da xornada haberá varios encontros con cineastas que visitarán o festival para presentar os seus filmes.

Ás 16 h. no Teatro Principal poderemos conversar coa cineasta rusa Alisa Berger, directora de Os corpos dos astronautas. O filme, gañador do premio á mellor longametraxe na categoría de novos realizadores do Festival Cinematográfico Internacional do Uruguai, é unha reflexión poética sobre a beleza do ser humano e o soño de ir ao espazo. A de Alisa é unha proposta orixinal e arriscada, tanto desde o punto de vista narrativo como formal.

O Museo das peregrinacións acollerá outros dous encontros. Ás 19:15 h. poderemos conversar con Lucía Palacios e Dietmar Post sobre La causa contra Franco, documental que arroxa luz sobre o exterminio organizado que tivo lugar durante o golpe de estado, a guerra civil e a ditadura franquista; ao tempo que plantexa a pregunta: Podería a querela presentada en Arxentina desembocar no último gran xuízo contra unha ditadura fascista do século XX? O Núremberg español?

De seguido, ás 21:30 h., proxectarase O desafío do Sil coa presenza do seu director, o galego Domingo Díaz. En 1945, España vivía unha época de penuria marcada pola autarquía xurdida das formulacións nacionalistas do Réxime de Franco, e do illamento exterior que sufriu España tras a Segunda Guerra Mundial. Nesta contorna, un grupo de industriais e banqueiros constitúen Saltos del Sil. As obras desta empresa transformarán unha paisaxe e unha sociedade totalmente rurais. Os equipos de traballo comandados por novos enxeñeiros, con apenas experiencia en obras deste tipo, conmocionarán a contorna creando unha nova realidade xeográfica, social e económica.