Este mércores en Cineuropa, a memoria é presente

  • Cineuropa propón ata oito filmes que reflexionan sobre a importancia da memoria para a construción da identidade individual e colectiva.
  • Durante esta xornada, a Real Filharmonía de Galicia porá a banda sonora á proxección de 'O gabinete do doutor Caligari', de Robert Wiene, baixo a batuta do director Helmut Imig.


Cineuropa propón este mércores ata oito filmes que reflexionan sobre a importancia da memoria para a construción da identidade individual e colectiva. Esta idea cruza de xeito transversal a liña programática desta xornada, abranguendo filmes de seccións aparentemente tan dispares como Cinema e Dereitos Humanos, Sección Oficial Internacional ou O presente é muller.

A través de Kazarken: en creusant, a cineasta belga Güldem Durmaz condúcenos a unha experiencia vital realmente hipnótica, unha aventura ao fondo da mente que transcende o cinematográfico. Unha viaxe á Anatolia dos seus devanceiros, escenario actual de traballos arqueolóxicos, sérvelle de pretexto para repasar a historia turca e realizar a súa propia escavación arqueolóxica no plano emocional, un periplo existencial para atoparse a si mesma e o seu lugar no mundo. O filme proxectarase ás 17:45 h. no Teatro Principal, e alí estará a directora, con quen poderemos conversar.

Kardeşler / Irmáns (ás 16:30 h. no Salón Teatro) do turco Ömür Atay, reflexiona sobre a memoria como espazo de loita contra o esquecemento. O regreso de Yusuf ao círculo familiar tras pasar varios anos nun centro de menores, lémbranlle constantemente o acto que os outros membros da familia, obrigados por unha ríxida tradición, lle impuxeron como fillo menor. Atención á contida e silenciosa interpretación do prometedor Yiğ it Ege Yazar, que tan só cos xestos e a mirada transmite con solvencia a dicotomía entre o seu desexo de redención e o resentimento cara unha familia sometida ás hipócritas normas morais da relixión.

Co foco posto na necesidade de recuperar a memoria histórica e sacar á luz toda a violencia da historia oculta, programaranse varios filmes pertencentes á sección 'Cinema e Dereitos Humanos: a memoria é presente'.

Ás 16:00 h. no Teatro Principal, poderase ver El entusiasmo, filme documental de Luis E. Herrero sobre a a reconstrución do sindicato anarquista CNT durante a Transición. No Salón Teatro ás 20 h. comezará o primeiro pase de El silencio de otros, documental de Almudena Carracedo e Robert Bahar sobre o primeiro intento na historia de procesar os criminais da ditadura franquista que logrou o premio do público ao mellor documental da Sección Panorama no Festival de Berlín e que foi nomeada ao premio de mellor documental nos Premios do Cine Europeo recentemente anunciados. Last men in Aleppo, de Feras Fayyad, un imprescindible documental sobre a loita diaria e heroica dos voluntarios da ONG Defensa Civil Siria, coñecidos como os cascos brancos. exhibirase nos Multicines Compostela ás 17:30 h.

O Museo das Peregrinacións acollerá as estreas de dous estimulantes filmes sobre esta mesma temática: a candidata ao Premio LUX The other side of everything (ás 19:45), no que Mila Turajlic mestura o persoal e o político, tecendo a historia de Serbia coas memorias familiares e que apela á responsabilidade individual para cambiar a orde das cousas; e Cubanas. Mujeres en revolución, de María Torrellas (ás 21:45 h), unha necesaria colaxe sociocultural cubana da man das mulleres, ese colectivo inxustamente invisibilizado que formou parte indispensable da revolución.

Este mércores celebrarase o xa tradicional concerto de cine que a Real Filharmonía de Galicia realiza no marco de Cineuropa. Nesta 32ª edición, a orquestra filarmónica porá a banda sonora á ese gran clásico do cinema expresionista que é O gabinete do doutor Caligari, de Robert Wiene, baixo a batuta do director Helmut Imig.