O novo de Erik Poppe, Desiree Akhavan e Lúcia Murat, entre as grandes citas deste domingo

  • A programación de Cineuropa esténdese este domingo ás novas sedes desta edición: a Sala Agustín Magán do Centro Cívico Santa Marta e o Museo das Peregrinacións.
  • Os galegos Fon Cortizo e Rafa de los Arcos, estarán connosco para conversar sobre os seus últimos traballos.


O peor día da historia recente de Noruega tivo varias adaptacións cinematográficas nos últimos meses, entre as cales, sen dúbida, salienta a de Erik Poppe. Con Utøya 22. Juli (exhibida no Teatro Principal ás 17:45 h.) o cineasta logra atrapar sen remedio ao público, que asiste a ese horror tan trepidante como abafador sen poder apartar a mirada. Previamente ao filme de Poppe estrearase Las Vegas (16:15 h. no mesmo Principal), unha cativadora comedia de Juan Villegas que reflexiona sobre o que implica ser pais e do que é ser fillo que fará comezar ao público unha tarde de bo ánimo. Tamén no Principal teremos unha nova oportunidade de ver Un asunto de familia, de Hirokazu Kore-eda (ás 19:30 h), e Apuntes para una película de atracos, de Elías León Siminiani (ás 22 h.), filme moi ben acollido polo público de onte, que lle outorgou un 8,46 de puntuación.

 O Salón Teatro acollerá ás 16 h. un novo filme de Cineuropa Miúda en versión orixinal subtitulado en castelán. Trátase de Laika, unha marabillosa versión animada en Stop motion da historia de lendaria cadela que foi ao espacio dirixida polo eslovaco Aurel Klimt. Ás 19:45 h. na mesma sala exhibirase o novo filme da militante cineasta estadounidense Desiree Akhavan: The miseducation of Cameron Post, unha comedia de denuncia sobre os delirantes tratamentos para “corrixir” a homosexualidade que seguían en voga nos Estados Unidos dos anos 90 que acadou o premio á mellor película en Sundance. Outra cineasta militante do cinema social, esta vez brasileira, é a veterana Lúcia Murat, que a través do acertadísimo guión de Praça Paris (ás 21:30 no Salón Teatro) pon o dedo na chaga da violencia estrutural do actual Río de Xaneiro, tratando o tema do racismo e a súa desigual influencia no día a día de persoas de diferentes clases económicas.

 Nos Multicines Compostela poderemos asistir ás 19:30 a unha nova versión da historia de Ana Karenina, dirixida nesta ocasión polo ruso Karen Shakhnazarov e non carente de interese pola súa revisión máis social da novela de Tolstói. Visualmente é hipnótica e espectacular, ambientada cun rigor histórico que evidencia o profundo traballo de documentación que hai detrás.

 Ás 18:15 h. no Museo das Peregrinacións, poderemos conversar cos cineastas galegos Fon Cortizo e Rafael de los Arcos. Cortizo amosará un work in progress do seu novo e prometedor filme: 9 fugas. Pola súa banda, Rafa de los Arcos fará a presentación galega de El equipo de mi barrio, unha historia de implicación e solidariedade nos tempos do fútbol astronómico que acadou o premio do público na pasada edición do Festival de Xixón.

 A programación do día completarase con varias proxeccións de carácter gratuíto exhibidas nos Multicines compostela, Sala Agustín Magán, Museo das Peregrinacións e a Sede Afundación. Toda a información sobre o programa está dispoñible no sitio web cineuropa.gal.