Chega a Cineuropa a Palma de Ouro de Cannes: 'Un asunto de familia'

  • O filme de Hirozaku Kore-eda estrearase ás 18 h. no Teatro Principal compostelán.
  • Elías León Siminiani, visitará Cineuropa para presentar o seu novo filme: 'Apuntes para una película de atracos'.


O cinema do veterano Hirokazu Kore-eda volve a este festival coa Palma de Ouro de Cannes entre as súas mans. Un asunto de familia (que se proxectará ás 18 h. no Teatro Principal) é, sen dúbida, o mellor Kore-eda dos últimos anos, unha película viva e corrosiva —con moito do cine de pícaros de Berlanga ou Ferreri—, sobre as singulares ocupacións dunha familia aparentemente convencional. De seguido, ás 20:15 h. na mesma sala, proxectarase o primeiro pase de Mi obra maestra, o novo traballo de Gastón Duprat que vén de gañar o premio do público na Seminci. O filme, unha visión paródica do mercado de valores da pintura contemporánea, está protagonizado polos excelentes Guillermo Francella, Luis Brandoni e Raúl Arévalo. Ás 22:15 h, haberá unha nova oportunidade de ver Dogman, o último de Matteo Garrone, que precederá a Marlina, asasina en catro actos, da cineasta indonesia Mouly Surya, unha magnífica mostra de cinema reivindicativo cunha mensaxe directa de sororidade e emancipación feminina transmitida con moita forza.

Ás 16 h. no Teatro Principal exhibirase o último filme de animación de Mamoru Hosoda, Mirai, a miña irmá pequena, que inicia unha serie de proxeccións que Cineuropa programa en versión orixinal subtitulada para toda a familia.

 Esta tarde contaremos coa presenza de Elías León Siminiani, que visita de novo este festival tralo éxito de Mapa. Apuntes para una película de atracos parte novamente do persoal para afondar nas catacumbas da cidade, onde se moven como peixe na auga os butroneiros. A cita con Siminiani será ás 20:15 no Salón Teatro. Ao rematar o encontro, comezará Leto, de Kirill Serebrennikov, unha nostálxica e potente película sobre unha banda de rock non Leningrado dos anos 80 que gozarán sen remedio.

 A sala dúas dos Multicines Compostela acollerá ás 21:45 h. a estrea de O val das flores, un luminoso e emotivo filme sobre un particular núcleo familiar. Os noveis Réti László, campión de patinaxe nas Olimpiadas Especiais, e Berényi Bianka, celebridade de Instagram, interpretan con total naturalidade unha peculiar e fortuíta parella, tan libre como desorientada nun mundo sobrado de convencionalismos. Na mesma sala ás 19:45 h, pasarase por segunda e última vez neste festival a ópera prima de Sonja Prosenc, Historia de amor, un filme visualmente hipnótico e de potente banda sonora que reflexiona sobre a asimilación da morte dun ser querido. Ás 17:30 h. teremos unha nova oportunidade de achegarnos á figura do lendario Ingmar Bergman no ano do seu centenario da man de Jane Magnusson a través de Bergman: a year in a life.

 A programación do día completarase con varias exhibicións gratuítas celebradas no Salón Teatro e a Sede Afundación.