Cineuropa clausura esta edición coa entrega do Premio aos DDHH e dos Premios do I Xurado


Este martes poñerase o punto final á 31ª edición de Cineuropa. En 2017, o festival ocupou 22 días dun mes de novembro no que se proxectaron 264 títulos de máis de 50 países en seis sedes compostelás. A cerimonia de clausura estará protagonizada polas/os compoñentes do I Xurado Novo de Cineuropa, sete mozas e mozos que valoraron ao longo destes días un total de 29 filmes e que outorgarán esta xornada os Premios á Mellor Película, Mellor Dirección, Mellor Guión, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina, amais do Premio Cine e Dereitos Humanos Cineuropa 2017, xurdido a iniciativa do Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago.

O acto, programado ás 21.30 horas no Teatro Principal, dará paso á proxección da última película nesta sede, Les fantômes d'Ismaël, do realizador francés Arnaud Desplechin.

Outros dez filmes conforman a carteleira da derradeira xornada de Cineuropa en 2017. Ás 16:15 horas, o Teatro Principal e o Salón Teatro albergan as proxeccións de Live from Dhaka, de Abdullah Mohammad Saad, e Ember (Kor), de Zeki Demirkubuz, dous filmes que afondan no relato sobre os dereitos humanos. A continuación, ás 18:00 h, o Teatro Principal acollerá a primeira oportunidade do día de ver Lucky, de John Carroll Lynch, legado artístico do lendario actor Harry Dean Stanton. O filme, que vén de gañar os premios á mellor banda sonora e á mellor interpretación masculina no Festival de Cine de Xixón, tamén se proxectará ás 22:00 h no Salón Teatro. O mesmo espazo acollerá ás 18:15 h o último pase de 1945, filme de Ferenc Török ambientado na Hungría da inmediata posguerra que narra a escura pasaxe das expropiacións ilegais realizadas aos xudeus deportados durante a Segunda Guerra Mundial.

Por outra banda, On the beach at night alone (Na praia, soa de noite), de Hong Sang-soo, poderase ver ás 19:45 h no Teatro Principal. O filme vén de recibir o Premio á Mellor Actriz no Festival de Xixón pola interpretación dunha magnífica Kim Min-hee , que tamén acadou o Oso de Prata da Berlinale. Ás 20:00 h comezará no Salón Teatro En attendant les hirondelles (The nature of time), proposta de Karim Moussaoui que nos sitúa na Alxeria actual para amosar o estado anímico dunha sociedade con demasiados conflitos activos. A película técese delicadamente ao redor de tres personaxes ordinarios a partir dos cales elabora un tenro retrato social que foi merecedor en Xixón do Premio Especial do Xurado e do "Gil Parrondo" á mellor dirección artística.

Os Multicines Compostela, pola súa banda, ofrecerán tres propostas gratuítas pertencentes ás seccións Redescubrir a Claude Sautet, 10 sombras recobradas e Novecento: o século das revolucións.