Cineuropa lembra a Harry Dean Stanton na súa penúltima xornada

  • A de 'Lucky' e 'En attendant les hirondelles' (The nature of time), ambas as dúas premiadas no Festival Internacional de Cine de Xixón, serán as estreas do día


Ninguén mellor que o director deste festival para animar á asistencia da estrea de Lucky en Cineuropa, a ópera prima do actor devido en director John Carroll Lynch, que terá lugar ás 18:30 h. deste luns no Teatro Principal. Segundo José Luis Losa: “Ver a Harry Dean Stanton, nonaxenario, seguindo a súa rutina, facendo ximnasia, tomando o seu Bloody Mary no bar que é prolongación da súa vivenda, é xa un agasallo que chama as portas do ceo. Pero, moito máis alá diso, Lucky debuxa un máis que interesante discurso sobre as crenzas relixiosas e o ateísmo. Ofrécenos un poblachón de Texas humanizado -outra maneira de responder á onda Trump- e algunhas aparicións especiais de luxo, como as de Tom Skerritt ou un David Lynch, amigo de longo tempo deste Harry Dean Stanton que se traballa unha pleitesía in memoriam”. O filme de John Carroll Lynch vén de obter os premios á mellor banda sonora e ao mellor actor (Harry Dean Stanton) no Festival Internacional de Xixón.

Á estrea de Lucky súmase a de En attendant les hirondelles (The nature of time) ás 20:15 h. no Salón Teatro. A proposta de Karim Moussaoui sitúanos na Alxeria actual para amosar o estado anímico dunha sociedade con demasiados conflitos activos. A película, Premio Especial do Xurado en Xixón, técese delicadamente ao redor de tres personaxes ordinarios a partir dos cales elabora un tenro retrato social.

Tampouco perdan a ocasión de ver Liberami, de Federica di Giacomo, que nesta edición soamente pasou polo maratón. Trátase dun intelixente e nada sensacionalista documental sobre a vixente práctica do exorcismo que dará comezo ás 18:30 h. no Salón Teatro.

Por outra banda, o premio á mellor actriz do Festival de Cine de Xixón, recaeu en Kim Min-hee pola súa interpretación en Bamui Haebyun-eoseo Honja (On the Beach at Night Alone), do que este luns ás 22:15 h. no Principal tamén teremos un novo pase. Á mesma hora no Salón Teatro, contaremos de novo coa compaña de Diego Schipani, produtor de Cuatreros, para presentar e parolar co público sobre este suxestivo filme realizado por Albertina Carri.

Ao longo deste luns terán once propostas cinematográficas en tres sedes: Teatro Principal, Salón Teatro e Multicines Compostela. Agora que Cineuropa 31 vai rematando, recomendámoslles que non desaproveiten a oportunidade de ver filmes de todos os tempos cuxa proxección en pantalla grande é terriblemente dificultosa.