'Les fantômes d’Ismaël', de Arnaud Desplechin, aterra en Cineuropa

  • A programación deste domingo inclúe unha lúdica e atraente sesión matinal, varios dos filmes mellor valorados polo público desta edición e unha edición de 'El verdugo' inédita en España


Ás 18:30 h. veremos aparecer pola pantalla do Salón Teatro a Marion Cotillard, Charlotte Gainsbourg, Mathieu Amalric e Louis Garrel, intérpretes que xa auguran unha sabedeira sesión por si mesmos. Elas e eles protagonizan o novo traballo dun dos cineastas imprescindibles neste festival, falamos de Les fantômes d'Ismaël, do francés Arnaud Desplechin. O mesmo Desplechin describe así o filme: "é o retrato de Ivan, un diplomático que percorre o mundo sen entendelo. É o retrato de Ismaël, un director de cinema que pasa pola vida sen entendela tampouco. É o regreso dunha muller de entre os mortos. E é tamén un filme de espionaxe... Cinco películas comprimidas nunha, como os espidos femininos de Pollock. Ismaël é un frenético. E o guión vólvese frenético con el. Con todo, Ismaël desde a súa bufarda tenta soster o fío da ficción".

Ás 12 da mañá na mesma sede contaremos coa visita do cineasta e proxeccionista Cris Lores que visita o festival para presentarnos unha atraente e interesantísima serie de pezas experimentais. O seu traballo consiste nunha lúdica manipulación de rolos de celuloide cos que xera novas e arriscadas propostas. Lores parte do vello cine para crear novas linguaxes cinematográficas. Non perdan esta didáctica e amena sesión titulada Proxecto remolque, é de acceso libre até completar aforamento. Non sairán defraudados.

Ao longo deste domingo teremos varias citas ineludibles de diferentes estilos cinematográficos. Ás 16 h. da tarde no Teatro Principal, poderemos asistir ao último pase, esta vez na súa versión orixinal dunha película da que poderá gozar toda a familia: Un sac de billes (Unha bolsa de bólas), de Christian Duguay. De seguido, na mesma sala ás 18 h. pasarase a crúa Nelyubov (Loveless), novo traballo de Andrei Zvyagintsev que revolucionou cada festival polo que atravesou. L'atelier (O obradoiro de escritura), de Laurent Cantet, protagonizará a sesión das 20:15 h. Trátase dun relato social sobre a Francia dos últimos anos que ao público de Cineuropa non lle resultará alleo. Pero temos algunha que outra proposta para todos aqueles que prefiran un cine desmelenado; en Mom and dad, de Brian Taylor (ás 22:15 h. no Teatro Principal), poderán asistir a unha delirante proposta de humor negro protagonizada por un autoraparódico Nicolas Cage; se, pola contra, os seus gustos tenden cara a comedia de enredos, non falten á sesión das 16:30 h. no Salón Teatro, Nakache e Toledano sempre convencen.

A programación do día pecharase ás 23 h. no Salón Teatro con L'insulte, filme duro e necesario de Ziad Doueiri que foi moi ben acollido polo noso público nos pases previos. As películas proxectadas nos Multicines Compostela, o CGAC e na sede Afundación completarán a carteleira deste último domingo do festival.