O novo de Laurent Cantet e o maratón protagonizan o último venres de Cineuropa

  • Este venres pasaranse por última vez no festival filmes como 'A fábrica de nada', 'Mansfield 66/67' ou '78/52'


Ás 20:00 horas deste venres poderemos asistir á estrea nas nosas pantallas do último filme do director francés Laurent Cantet, autor de A clase, Recursos humanos, Time out ou Foxfire, todas elas proxectadas en anteriores edicións do festival Cineuropa.

L’atelier (O obradoiro de escritura) parte dun guión que nace da colaboración entre Cantet e Robin Campillo, director dun dos fitos desta edición: 120 pulsacións por minuto. Trátase dun intelixente thriller social que xorde do diálogo entre unha novelista e un grupo de mozos en reinserción que participan nun obradoiro de escritura para elaboraren unha novela negra. A proxección terá lugar no Teatro Principal.

A segunda estrea do día correspóndese cun filme da sección LatidoAmericano: Cuatreros. Esta quinta longamextraxe de Albertina Carri é unha obra poética e experimental coa que a cineasta indaga na súa propia historia a partir do relato dunha película malograda. O pase, que incluirá un encontro co seu produtor, Diego Schipani, terá lugar ás 22:15 horas no Salón Teatro.

Minutos antes, ás 22:00 horas, dará comezo no Teatro Principal outra gran tradición do festival: o Maratón. As entradas para esta festa do cinema, titulada nesta edición Maratón Fantastique, están case esgotadas. Nove serán os filmes que manterán en vela aos espectadores durante toda a noite: Escarabana, de Sara Casasnovas; Mom and dad, de Brian Taylor; As boas maneiras, de Juliana Rojas e Marco Dutra; Revenge, de Coralie Fargeat; La maldición de la Llorona, de Rafael Baledón; Les affamés (Os famentos), de Robin Aubert; Liberami, de Federica di Giacomo; unha película sorpresa e The Damned Thing, de Tobe Hooper.

Por outra banda, Alberte Pagán presentará unha nova sesión dedicada aos seus últimos traballos. Pagán, a quen se agrupa en ocasións baixo a etiqueta de Novo Cinema Galego (ou como precursor dos novos cineastas galegos), fai un cinema libre e experimental, herdeiro dos grandes cineastas militantes dos anos 80. A cita, obrigada para quen queira coñecer a riqueza do cinema galego, será ás 18:00 horas nos Multicines Compostela.

Esta xornada inclúe tamén unha última oportunidade de asistir aos pases de 78/52, de Alexandre O. Philippe (ás 16:15 h no Teatro Principal), valorada polo público do festival cun 7,67; Mansfield 66/67, de P. David Ebersole e Todd Hughes (ás 18:00 h tamén no Principal); A fábrica de nada, de Pedro Pinho (ás 15:45 h no Salón Teatro), puntuada cun 7,87; Erase and forget, de Andrea Luka Zimmerman (no Salón Teatro ás 16:00 h); e Blue my mind, de Lisa Brühlmann, cuxo último pase comezará ás 20:45 horas no Salón Teatro.