Cineuropa acolle as estreas de 'Jusqu'à la garde', 'Pendular' e 'As boas maneiras'

  • Non serán as únicas estreas do día, 'Erase and forget', 'Blue my mind' e 'Sage femme (Dúas mulleres)', tamén pasan por vez primeira polas pantallas galegas


A programación do Teatro Principal compostelán componse este mércores de catro filmes inéditos nas pantallas galegas. Ábrense as portas do teatro ás 16:15 h. con Erase and forget, un traballo de Andrea Luka Zimmerman. A directora alemá pasou máis de dez anos seguindo a James Gordon 'Bo' Gritz, un ex oficial das forzas especiais do exército dos Estados Unidos que inspirou personaxes como Rambo e Hannibal Smith da serie O equipo A. O resultado é Erase and forget, que foi nomeado ao mellor documental na pasada edición do Festival de Berlín. A ópera prima da directora suíza Lisa Brühlmann pasará a continuación (ás 18 h.) pola mesma pantalla. Blue my mind foi percibido polo equipo de programación deste festival como un dos traballos máis estimulantes da sección Novos Realizadores do Festival de cine de San Sebastián. Ópera prima é tamén Jusqu’à la garde (Custodia compartida), filme de Xavier Legrand programado para ás 20 h. Trátase dun dos filmes máis agardados polo público deste festival, que acadou os premios de mellor ópera prima e mellor director en Venecia 2017 e o premio do público en San Sebastián. Legrand plantexa un honesto retrato dunha familia rota, un tenso pulso dun matrimonio divorciado que comparte a custodia do seu fillo quen, pola súa banda, séntese refén da batalla que manteñen os seus pais. Non perdan ollo tampouco á seguinte película programda no Principal: As boas maneiras, de Juliana Rojas e Marco Dutra, do que só haberá este pase e o do maratón. Segundo José Luis Losa, “mixtura eses elementos de tenrura e licantropía con tal forza de cinema libertario que a súa carga poética elévase por encima de xéneros e normas e transita no seu voo alto onde só chega o cinema forxado para a inmortalidade. Imprescindible”. Así acadou o filme os premios da crítica de Sitges e o especial do xurado en Locarno.

Para non perder son tamén as películas que ao longo deste mércores se pasarán polo Salón Teatro, especialmente Pendular, un extraordinario traballo de Julia Murat de gran forza narrativa que comezará ás 19:30 h. O filme foi merecedor de dous premios FIPRESCI: o da sección Panorama na Berlinale e o do Festival de cine de Uruguai. De seguido, ás 21:30 h., terá lugar o pase de Sage femme (Dúas mulleres), de Martin Provost. Como ven sendo habitual, Provost ofrécenos unha sinxela e fermosa historia de amizade entre mulleres contada con gran sensibilidade e protagonizada, nesta ocasión, por Catherine Deneuve e Catherine Frot (a inolvidable Margueritte que coñecimos hai dúas edicións).

O cinema Numax e os Multicines Compostela acollerán cadansúa sesión de bo(ísimo) cine galego. Ás 18 h. dará comezo un novo pase de curtas galegas, no que contaremos coa presenza de Jaione Camborda e Juan de la Colina, que presentarán os seus traballos: a premiada A rapa das bestas e Cortázar Galicia. Pola súa banda, Numax recibirá a Davide Cabaleiro, director de Sitio distinto, un rico documental sobre a irmandado vasco-galega.

Ao longo da xornada, poderase asistir a outras proxeccións de filmes pertencentes ás seccións LatidoAmericano, Retrospectiva Pedro Pinho, Panorama audiovisual galego e Novecento: un século de revolucións. Toda a información está dispoñible neste sitio web.