Andrey Zvyagintsev volve a Cineuropa con 'Nelyubov' (Loveless)

  • A programación deste xoves inclúe a xa tradicional cita cunha película sopresa


En 2014 Andrei Zvyagintsev acadara ducias de galardóns con Leviathan, un durísimo retrato das miserias dunha sociedade, a rusa, que vive de costas aos seus cidadáns. Con Nelyubov (Loveless) continúa afondando nas entrañas da clase media alta rusa a través do conflito dunha parella en proceso de divorcio que debe arrimar forzas para atopar ao seu fillo desaparecido. Na súa procura descobren que non hai portas ás que chamar porque o estado aquí non vela por ninguén. Zvyagintsev acadou con este filme de poderosísimas imaxes (que poderemos ver ás 20 h. no Teatro Principal), o gran premio do xurado de Cannes e o nomeamento á mellor película nos Premios do Cine Europeo. A continuación, ás 22:15 h. proxectarase, como xa é tradición, unha película sorpresa. Ao longo do día ofreceranse pistas a través das redes sociais para incrementar (ou diminuir) a intriga. Revenge, ópera prima de Coralie Fargeat, será a encargada de pechar ás 00:15 h. a xornada cinematografica deste xoves no Teatro Principal. Con esta historia de vinganza na liña dos grandes vingadores como Clint Eastwood ou Charles Bronson máis o engadido de intercambio de roles de xénero, foi premiada á mellor dirección e dirección novel no Festival de Sitges.

A programación do Salón Teatro tamén contén varias citas atraentes. Ás 18:15 h. dará comezo 1945, de Ferenc Török, un filme que ten todos os ingredientes para gustar ao público de Cineuropa. Ambientada na Hungría da inmediata posguerra, constrúe un relato sombrío dunha comunidade que se pecha en banda ante a chegada de dous xudeus coa sospeita de que veñen reclamar as súas antigas propiedades que agora teñen eles de maneira ilegal. Ás 20 h. chegan Les affamés (Os famentos), de Robin Aubert, unha atípica historia de zombis con doses de humor negro que foi premiada no prestixioso Festival de Cine de Toronto. Mansfield 66/67, de P. David Ebersole, Todd Hughes, será a alternativa no Salón Teatro á película sorpresa do Principal, comenzando a súa proxección ás 21:45 h. Segundo o director deste festival é “moito máis que un docu sobre a bomba loura que xurdiu como sucedáneo ou recambio posible de Marilyn Monroe, Mansfield 66/67 é obra autoral rica en lecturas: o levantamento de acta da defunción do star-system, a deriva de Jayne Mansfield como xoguete roto, a bacanal kitsch que podería subscribir Mark Rapaport. E, sobre todo, a lenda negra ou a trama de conspiración que rodeou a súa macabra morte, decapitada no seu coche deportivo”.

Ao longo da xornada haberá máis citas cinematográficas pertencentes ás diferentes seccións que compoñen esta 31 ª edición de Cineuropa. A salientar, por exemplo, Un suelo lejano, de Gabriel Muro, un documental sobre a creación de Nueva Germania, unha comunidade rural supremacista fundada en Paraguai a finais do século XIX pola irmá e o cuñado do filósofo alemán Friedrich Nietzsche.