'Zama', de Lucrecia Martel, chega a Cineuropa

  • Tralo éxito de 'A fábrica de nada', contaremos de novo coa asistencia de Pedro Pinho para presentar 'As cidades e as trocas'


Cando na pasada edición do festival, Cineuropa lle outorgou o premio a Lola Dueñas, a actriz salientaba entre os seus proxectos a estrea de Zama que tería lugar este ano 2017. Dueñas referíase á adaptación cinematográfica da novela de culto de Antonio di Benedetto, dirixida pola súa admirada Lucrecia Martel e que ela mesma protagoniza xunto a Daniel Giménez-Cacho. Este luns péchase o círculo coa estrea dese filme no Teatro Principal ás 22:30 h. Trátase dunha película hipnótica que mereceu esta mención especial no Festival de Cine de Sevilla: Transnacional, transterritorial, poética e politicamente, a película explora un universo fantasioso pero histórico que nunca deixa de evocar o tempo presente.

Pero o agardado retorno da arxentina Lucrecia Martel non será a única estrea do día. No Salón Teatro comezará ás 18:30 h. Adiós entusiasmo, filme do arxentino Vladimir Durán, que mereceu o premio á mellor longametraxe na Competencia de Vangarda e Xénero no BAFICI 2017. A continuación, ás 20:00 h. na mesma sede, asistiremos á estrea de L’insulte, a película de Ziad Doueiri que acadou o premio ao mellor actor no Festival de Venecia pola formidable actuación de Kamel El Basha. É un reivindicativo relato sobre o conflito que enfronta a palestinos e cristiáns libaneses. Por outra banda, Mom and dad, que terá a súa estrea no Salón Teatro ás 22 h., Brian Taylor traza unha comedia negra —negrísima— de afiado sentido do humor.

Teremos unha nova oportunidade de asistir ao fenómeno cinematográfico do ano, A fábrica de nada, programado ás 17:30 h. no Teatro Principal. Logo do filme de Pedro Pinho terá lugar o último pase de Barbara, dun dos básicos deste festival: Mathieu Amalric.

Á partir das 18 h. no cinema Numax teremos dúas citas con dous cineastas. En primeiro lugar, con Manuel Fernández-Valdés, que visita o Festival para presentar Angélica [Una tragedia], filme centrado na escritora, dramaturga e actriz Angélica Liddell que xa exhibira un work in progress na edición de 2015. De seguido, ás 20 h., poderemos parolar con Pedro Pinho sobre As cidades e as trocas, película que codirixiu en 2014 xunto a Luísa Homem.

As seccións "Novecento: un século de revolucións", "Cult Movies", "LatidoAmericano", "Fantastique Compostela" ou "Dez sombras recobradas", tamén terán presenza fílmica nesta xornada. Toda a información sobre estes e outros filmes está dispoñible no sitio web cineuropa.gal.