Carla Simón recolle o Premio Cineuropa

  • A cerimonia de entrega terá lugar este domingo, ás 19.45 h no Salón Teatro
  • Pedro Pinho, a quen se lle dedica este ano unha retrospectiva, visita por vez primeira o festival para presentar o seu traballo máis recente: 'A fabrica de nada'


Este domingo celebrarase a entrega do Premio Cineuropa a Carla Simón. Segundo a coordinadora de programación do festival, Alejandra Trelles, outórgaselle este galardón en recoñecemento á súa “delicada e aguda mirada sobre o mundo”. A guionista e directora catalá, que xa demostrara esta sensibilidade nas súas curtas, pasou como un ciclón por Cannes, Berlín, Bos Aires ou Málaga coa súa ópera prima, Estiu 1993. Trala entrega do premio, que terá lugar ás 19:45 h. no Salón Teatro de Santiago de Compostela, exhibiranse a súa primeira longametraxe e a curtametraxe Llacunes, unha fita rodada parcialmente en Galicia na que recupera a figura da súa nai, cuxa influenza é esencial en Estiu 1993. A entrada será gratuíta previa recollida de convites no despacho de billetes do Teatro Principal.

Practicamente á mesma hora que a homenaxe a Carla Simón, terá lugar a estrea en Cineuropa dun filme que cun só pase acadou o Premio FIPRESCI na Quincena de realizadores de Cannes. A fábrica de nada, do portugués Pedro Pinho, proxectarase no Teatro Principal ás 19:15 h e contará con presentación e coloquio co director. O proceso de desmantelamento dunha factoría serve aquí para amosar, segundo José Luis Losa, “a resistencia dos desposuídos a través dun xénero nado para facer soñar e que Pinho relé como unha celebración da loita a partir de insólitas coreografías que acompañan a quen perdeu o valor do seu traballo”.

A longo deste domingo teremos unha nova oportunidade de ver Visages, villages (Caras e lugares), de Agnès Varda e JR (ás 17.30 h. no Teatro Principal); Barbara, de Mathieu Amalric (ás 22.45 h. tamén no Principal). Será tamén a última ocasión que Cineuropa 31 ofrece para ver filmes como A cámara de Claire, de Hong Sang-soo (Teatro Principal ás 16 h.); Un sac de billes (Unha bolsa de bólas), de Christian Duguay, que nesta ocasión se pasará en versión orixinal ás 16 h. no Salón Teatro; Un beau soleil intérieur (Un sol interior), de Claire Denis (no Salón Teatro ás 18 h.); e Mister Universo, de Tizza Covi e Rainer Frimmel, cuxa despedida terá lugar ás 22. 30 h. no mesmo espazo do Salón Teatro.

NUMAX acollerá ás 18 h. unha sesión dedicada aos últimos traballos de Alberte Pagán, que tamén participará nun encontro e coloquio co público.

Ao longo da xornada exhibiranse máis películas pertencentes ás diferentes seccións desta 31 ª edición de Cineuropa. Toda a información está dispoñible no sitio web do festival: cineuropa.gal.