O Festival Cineuropa rende homenaxe a Costa-Gavras

  • A xornada deste sábado componse dun total 28 títulos distribuídos en cinco sedes


O cineasta franco-grego Costa-Gavras recibirá este sábado o Premio Cineuropa pola "capacidade que o seu cinema posúe para recolocarse unha e outra vez na máis ardente disidencia" e o seu incisivo labor de cronista dos grandes conflitos políticos e sociais do mundo occidental, que concorda plenamente co leit-motiv desta edición. A cita con Costa-Gavras será ás 19:30 horas no Teatro Principal. O acceso é gratuíto previa retirada de convite no despacho de billetes do mesmo Principal. Un día antes da homenaxe, o cineasta foi recibido en Raxoi polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Logo da entrega do premio, proxectarase Eden à L'ouest (Edén ao Oeste), filme premonitorio que o cineasta dirixiu en 2009 e que trata con moita sensibilidade ao tempo que con certas doses de humor o tema da inmigración. Esa mesma tarde, ás 16:00 horas, no Salón Teatro, exhibirase Missing (Desaparecido), Palma de Ouro en Cannes e Oscar ao mellor guión en 1982.

Este sábado contaremos tamén cunha dobre sesión de Cineuropa Miúda. En pase matinal (ás 12:00 h no Teatro Principal) proxectarase Unha bolsa de bólas, de Christian Duguay. Xa a primeira hora da tarde (ás 15:45 h) exhibirase novamente O malvado raposo feroz, de Benjamin Renner e Patrick Imbert. Ambas as dúas películas pasaranse na súa versión dobrada.

Ao longo da xornada poderase asistir ás estreas de tres exemplos da estupenda saúde na que vive permanentemente o cinema francés: C'est la vie!, Visages, villages e Barbara. C'est la vie! é o retorno en forma de comedia de enredo do tándem Olivier Nakache - Eric Toledano, autores da exitosa Intocable e de Samba, filme este que pasou por Cineuropa en 2014. Ás 17:45 horas, o Salón Teatro acollerá a estrea de Visages, villages (Caras e lugares), o último documental que a Agnès Varda realizou xunto ao artista JR. Trátase dunha road movie que serve de pretexto para amosar a Francia profunda e desencantada, pero que conforma un atraente e coidadísimo canto á vida. De seguido, no mesmo Salón Teatro ás 20:00 h, poderemos asistir ao pase de Barbara, o novo filme dun dos actores e directores máis reivindicados neste festival, Mathieu Amalric, quen mereceu en Sevilla o Premio ao Mellor Director por esta película. Preséntanos un biopic nada convencional dunha cantante a través da actriz que a interpreta. Na mesma sala, ás 21:45 h, pasarase por última vez Western (2017), un exitoso filme de Valeska Grisebach protagonizado por personaxes obreiros que sofren e gozan con auténtica honestidade. Despídese tamén do festival 120 pulsacións por minuto, (Teatro Prrincipal, 22:15 h) que espertou grande interese entre o público do festival, acorde ao seu éxito en Cannes, onde acadou o Gran Premio do Xurado e o FIPRESCI.

O cinema galego tamén terá unha importante presenza nesta tardiña. Xoan Escudero visitará os Multicines Compostela para presentar O tempo futuro, e cineastas como Beatriz del Monte ou Iria Silvosa farán o seu na sala Numax, onde se pasará por vez primeira un máis que interesante programa de curtas galegas.

Ademais, ás 22:00 horas, os Multicines Compostela acollerán o pase de Lola, de Jacques Demy, presentado pola colaboradora de Cineuropa Bárbara Santos, doutora en Historia da Arte e especialista na figura deste realizador.