Este venres chega a Cineuropa 'Mister Universo'

  • A programación do inclúe o último pase da excelente 'No intenso agora', de João Moreira Salles


Unha das estreas do día foi merecedora dunha mención especial no Festival de Locarno na edición de 2016. Trátase de Mister Universo (2016), de Tizza Covi e Rainer Frimmel, unha particular, tenra e desencantada imaxe do circo de atraente estilo documental que a achega ao neorrealismo italiano. Non desaproveiten a ocasión de coñecer a Tairo, un mozo domador de leóns que nos convida a entrar na idiosincrasia circense de personaxes cativadores, humanos e desmitificados. A cita con Tairo será ás 21:30 h. no Salón Teatro.

Pero Mister Universo non será a única estrea deste venres. Os Multicines Compostela acollerán ás 20:45 h. o filme que arrasou cos mellores premios do Festival de Río de Xaneiro de 2016, Mulher do pai (2016), de Cristiane Oliveira, un pequeno gran relato sobre as relacións familiares contado con habilidade e un mesurado dramatismo do que se goza ata o mínimo detalle.

Pola tardiña, ás 18:30 h. no Teatro Principal, teremos unha nova ocasión de asistir á exhibición de La caméra de Claire (A cámara de Claire, 2017), peza de Hong Sang-soo protagonizada por dúas suxestivas personaxes femininas. As intépretes son Kim Min-hee, actriz fetiche do coreano, e a carismática Isabelle Huppert quen, segundo a biblia do audiovisual, IMDB, conta con nada máis e nada menos que 103 galardóns e 48 nomeamentos ao longo da súa prolífica traxectoria. Precisamente Huppert centra a atención do seguinte filme a proxectar no Teatro Principal: Madame Hyde (2017), unha excéntrica e efervescente comedia de Serge Bozon que se pasará ás 19:45 h.

 Seguindo o fío temático desta edición de Cineuropa enfocado nas revolucións, programaranse os filmes No intenso agora (2017) de João Moreira Salles (ás 21:30 h. no Teatro Principal), moi ben valorada tanto polo equipo de programación como polo público asistente á primeira sesión; e Le fond de l’air est rouge (O fondo do aire é roxo, 1977), de Chris Marker (Multicines Compostela ás 17:30 h.), a máis paradigmática crónica audiovisual das revolucións máis importantes do século XX. Serán os últimos pases de ambas as dúas películas, ao igual que de Ex Libris: New York Public Library, documental do imprescindible Frederick Wiseman que vén de acadar o Premio FIPRESCI no Festival de Venecia.

O cinema Numax acollerá varias visitas. En primeiro lugar, ás 17:30 h, asistirá Manuel Lógar a presentar Entre a onda e a rocha, un documental sobre un grupo de percebeiros coa crise do Prestige de fondo. De seguido, ás 19:30 h. comezará Caballo de viento, un documental sobre Fernando ('Nando') Fernández de Castro, un home que viviu o final do Franquismo, o boom das drogas nos 70, o retorno da democracia e o rexurdimento contestatario do15M.

Ao longo da xornada exhibiranse máis películas pertencentes ás diferentes seccións do festival ata completar ás 20 propostas cinematográficas programadas para este venres. Toda a información sobre estes e outros filmes está dispoñible no sitio web cineuropa.gal.