Hong Sang-soo, Haneke e Claire Denis, figuras destacadas deste xoves en Cineuropa

  • A programación tamén contempla as estreas de 'El mar nos mira de lejos' e 'The black Pin'


Logo dunha semana de proxeccións nas que máis de 8.000 persoas pasaron polas distintas sedes de #Cineuropa31, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá o xoves pola noite unha das estreas máis agardadas do festival. Trátase de La caméra de Claire, do director e guionista de Corea do Sur Hong Sang-soo . Será ás 23:30 horas cando se proxecte esta sinxela historia de complicidade entre mulleres que o cineasta filmou durante o festival de Cannes de 2016, e que está protagonizada por Kim Min-hee e Isabelle Huppert. A actriz francesa asume tamén o rol central da fita Happy end (2017), de Michael Haneke. O segundo e último pase deste filme terá lugar no Teatro Principal ás 21:45 horas.

Pouco antes, ás 20:15 horas, Numax acolle o primeiro pase de El mar nos mira de lejos (2017), un filme documental de Manuel Muñoz Rivas que vén de gañar o premio Deluxe no Festival de Cine de Sevilla. De seguido, ás 22:00 h e na mesma sala, proxectarase The black pin (2016), a ópera prima do montenegrino Ivan Marinovic que fusiona o drama social coa comedia negra.

Haberá este xoves unha nova ocasión de asistir ao pase de Un beau soleil intérieur (2017), o máis recente filme da realizadora Claire Denis, vella coñecida do festival. A partir das 20:00 h, no Teatro Principal, poderemos así volver gozar de dúas grandes interpretacións de Juliette Binoche e Gérard Depardieu. No Salón Teatro e ás 20:30 h proxectarase novamente Western (2017), de Valeska Grisebach, filme sensación de Cannes e gañador do gran premio do xurado no Festival de Sevilla.

Alén do citado filme de Haneke, a axenda do día contempla a última oportunidade de asistir ás proxeccións de varias fitas: o documental chileno El pacto de Adriana (2017), ópera prima de Lissette Orozco que foi valorada polo público de Cineuropa cun 7,93 no pase previo; de Tesnota (Closeness), a tamén ópera prima de Kantemir Balagov gañadora do Un Certain Regard de Cannes; Vida vaquera (2016), de Ramón Lluis Bande; e Dopo la guerra (2017), de Annarita Zambrano, un filme sobre a loita armada de grupos de extrema esquerda nos 70 que concorda á perfección coa temática revolucionaria da 31ª edición do festival. Na mesma liña, a sección Novecento: o século das revolucións bríndanos a ocasión de volver descubrir filmes fundamentais como O acoirazado Potemkin, de Sergei M. Eisenstein, ás 16:00 h no Salón Teatro; a triloxía La batalla de Chile, do recoñecido documentalista chileno Patricio Guzmán, a partir das 17:00 h no CGAC; Antonio das Mortes, de Glauber Rocha, ás 17:00 h en Afundación; e Lan Feng Zheng (Cometa azul), de Tian Zhuangzhuang, ás 18:45 h no mesmo lugar. Todas elas son de acceso gratuíto até completar capacidade.

Ao longo da xornada, poderase asistir a outras proxeccións de filmes pertencentes ás diferentes seccións que compoñen a 31ª edición do festival.