Volven a Cineuropa Michael Haneke, Valeska Grisebach e Serge Bozon

  • A xornada acollerá tamén a estrea de 'No intenso agora', de João Moreira Salles, un dos mellores filmes do ano.


Este mércores, na novena xornada do festival, poderemos asistir tamén ás estreas do novo de Michael Haneke, Valeska Grisebach, Serge Bozon ou João Moreira Salles. O filme Western, de Valeska Grisebach, a primeira estrea do día (Teatro Principal ás 17:45 h), foi seleccionada polos mellores festivais e vén de acadar o Gran Premio do Xurado no Festival de Cine de Sevilla. Trátase, segundo José Luis Losa, "dunha obra de natureza indomable". A continuación, ás 20:00 h, no mesmo Teatro, comezará Happy end, o agardado retorno de Michael Haneke e a primeira das dúas películas da xornada protagonizadas pola gran Isabelle Huppert. O filme, un retrato dunha familia burguesa coa escuridade hannekiana habitual, acaba de ser nomeado aos European Film Awards. Ás 22.15 h rematará a programación do Principal coa estrea de Madame Hyde, de Serge Bozon, unha aceda comedia coa que Huppert acadou o premio á mellor actriz no Festival de Locarno. A axenda de novidades da xornada complétase no Salón Teatro ás 22.30 h coa estrea de No intenso agora, de João Moreira Salles, un documental de corte histórico, á vez que nostálxico, familiar e de marcado ritmo, que constitúe un dos mellores filmes do ano.

Ademais, o mércores déixanos unha nova oportunidade para ver 120 battements par minute, de Robin Campillo, Gran premio do xurado e FIPRESCI en Cannes, que acaba de recibir tamén o nomeamento aos European Film Awards; e Comrade, where are you today?, de Kirsi Marie Liimatainen, un documental na liña revolucionaria desta edición que está a recibir moi boa acollida entre o público do festival (7,58).

Tamén terá lugar o último pase de Alba, de Ana Cristina Barragán, filme ao que espectadoras/es do festival outorgaron un 7,75 no pase anterior. Trátase dun fermoso relato de iniciación que emana autenticidade e que foi premiado en Rotterdam e San Sebastián.

Ao longo da xornada, poderase asistir a outras proxeccións de filmes pertencentes ás diferentes seccións que compoñen a 31ª edición do festival