Cineuropa celebra a estrea estatal de 'Napalm', o último de Claude Lanzmann

  • Esta sexta xornada do festival inclúe o último pase do filme inaugural, 'La villa' de Robert Guédiguian


Ao igual que na xornada do sábado, Cineuropa ofrecerá este domingo vinte e unha citas cinematográficas. Unha delas é a estrea estatal de Napalm, o último documental do nonaxenario Claude Lanzmann, autor daquel fito cinematográfico — e histórico— que foi Shoah. En Napalm, a historia de amor entre unha enfermeira coreana e o propio Lanzmann, que visitaba Corea do Norte como integrante da primeira delegación de Europa Occidental convidada ao país tras a guerra que minou ás dúas Coreas entre 1950 e 1953, serve de escusa ao cineasta para volver a Pyongyang co fin de afondar na historia e retratar a actual realidade ditatorial norcoreana. A cita con Napalm será ás 22:15 h. no Teatro Principal.

Este domingo teremos a última oportunidade de ver La Villa, de Robert Guédiguian, filme inaugural desta edición que foi valorada polo público cun 7,56; The party, o retorno a Cineuropa de Sally Potter; In the fade, de Fatih Akin, pola que Diane Kruger acadou o premio á mellor actriz en Cannes 2017; Thelma, de Joachim Trier; e Las hijas de Abril, de Michel Franco.

Ás 17:30 h. comezará en Numax a presentación de dous dos vinte e seis títulos que compoñen o Panorama audiovisual galego desta edición: Paraíso roubado, de Lukas Santiago, e Somos plaga, de Xiana Gómez-Díaz e Emilio Fonseca. As pezas deixan entrever o gran traballo de investigación que teñen detrás e unha compoñente de concienciación medioambiental que as fai moi necesarias. O director Lukas Santiago e o produtor de Paraíso roubado, Antón Masa, presentarán o filme e debaterán co público.

Ao longo da xornada, poderase asistir a outras proxeccións de filmes pertencentes ás distintas seccións que compoñen esta edición do festival.