Chega a Cineuropa '120 pulsacións por minuto', unha das sensacións deste ano en Cannes

  • 'Napalm', de Claude Lanzmann, e 'L’amant d'un jour', de Philippe Garrel, pasaranse por última vez nesta edición


O cineasta Robin Campillo emocionou en Cannes coa súa película máis recente: 120 pulsacións por minuto. Non gañou a sección oficial pero si acadou o Gran premio do xurado e o FIPRESCI. O filme é unha homenaxe aos compoñentes do grupo Act Up-Paris, o histórico movemento activista que promulgaba a acción directa en favor das persoas con VIH e que aínda hoxe é considerado unha referencia para o activismo europeo. A proxección comezará ás 21 h. no Teatro Principal.

Hoxe haberá unha nova oportunidade de asistir ás proxeccións de de Tesnota (Closeness), a ópera prima de Kantemir Balagov coa que gañou o Un Certain Regard no Festival de Cannes 2017; e de Hikari, o novo de Naomi Kawase. Todo aquel que aínda non vira Napalm, de Claude Lanzmann, e L’amant d'un jour, de Philippe Garrel, si que debe saber que se pasarán este luns por última vez no festival. Son dous filmes para non perder.

Salientables son tamén Santa y Andrés, de Carlos Lechuga, gañadora do Premio Wouter Barendrecht no Cinemart Rotterdam 2017; Vida de familia, unha comedia de Alicia Scherson e Cristián Jiménez que foi nomeada ao gran premio do xurado en Sundance 2017; ou Estados clandestinos, un documental de Marc Iglesias e Paula Monteiro.

Ao longo da xornada, poderase asistir a outras proxeccións de filmes pertencentes ás seccións Cine e dereitos humanos, LatidoAmericano, Cult Movies, Foco Islandia e Novecento: un século de revolucións. Toda a información está dispoñible no sitio web do festival cineuropa.gal.