Premio Cineuropa a Manuel Martín Cuenca e outras vinte citas cinematográficas para hoxe

  • A entrega do premio ao director Manuel Martín Cuenca celebrarase ás 19:30 h. no Teatro Principal compostelán. A entrada é gratuíta previa retirada de convite no despacho de billetes do Teatro Principal.
  •  A xornada dará comezo ás 12 h. cunha sesión matinal dirixida a toda a familia.


Cineuropa ofrecerá este hoxe 21 citas cinematográficas ao longo da xornada. A primeira delas, en sesión matinal, comezará ás 12:00 horas no Teatro Principal cunha película de animación para toda a familia: Le grand méchant Renard et autres contes (O malvado raposo feroz), dos franceses Benjamin Renner e Patrick Imbert. O filme, que se proxectará na súa versión dobrada, pasarase novamente ás 16:00 horas.

Ás 19:30 horas, no Teatro Principal, terá lugar a primeira homenaxe desta edición, a cerimonia de entrega do premio ao director almeriense Manuel Martín Cuenca. O acceso será gratuíto previa retirada de convite no despacho de billetes do mesmo Principal. Tras a celebración, proxectarase o seu último filme, El autor.

Previamente, ás 17:30 h, no mesmo teatro, pasarase Las hijas de Abril, de Michel Franco, gañador do premio do xurado na sección Un Certain Regard en Cannes 2017. É unha boa oportunidade de gozar dunha magnífica interpretación da actriz española Emma Suárez.

A salientar Thelma, o novo de Joachim Trier, unha historia de amor entre mulleres cunha dose de elementos máxicos que poderemos ver no Principal ás 22:15 h; e Hikari (Cara a luz), a estrea do último de Naomi Kawase, que volve ao festival tras o éxito de An (Unha pastelería en Tokio) con outro traballo no que a papel e beleza dos pequenos detalles son cualificativos esenciais.

Pola tardiña contaremos coa presenza dos directores Manuel Iborra e Ramón Lluis Bande, que acoden ao festival a presentar os seus últimos filmes. 2015 2016, un traballo colectivo editado por Manuel Iborra presentarase no cine Numax ás 19:15 h. De seguido, ás 21:00 h, proxectarase Vida vaquera, o novo de Bande, autor benquerido polo festival que xa nos acompañou en varias ocasións.

Ao longo da xornada poderemos ver outros filmes pertencentes ás distintas seccións que compoñen esta edición do festival.