O novo filme do realizador alemán Fatih Akin chega este venres a Cineuropa

Santiago de Compostela. 'Aus dem nichts' (In the fade) foi merecedora do premio á mellor actriz en Cannes 2017 pola brillante interpretación de Diane Kruger


Fatih Akin, gañador do Oso de Ouro de Berlín en 2004 por Contra a parede, é un dos habituais en Cineuropa. Con In the fade, este realizador alemán de ascendencia turca propón unha historia sobre a vinganza dunha muller cuxa familia foi destruída polo terrorismo neonazi. A acción apóiase esencialmente na excelente Diane Kruger que, grazas a este papel que reestrutura o xénero de vinganza habitualmente masculino, foi merecedora do premio á mellor actriz en Cannes 2017. A cita co último Fatih Akin será ás 21:15 horas no Teatro Principal.

De seguido (ás 23:00 h) terá lugar a estrea dunha das películas sorpresa do ano, Tesnota (Closeness), ópera prima de Kantemir Balagov. O peso da película, gañadora da sección Un Certain Regard no Festival de Cannes 2017, tamén recae sobre os ombreiros da actriz principal, aquí Darya Zhovner, que protagoniza un drama ao límite co conflito checheno e o antisemistismo como temas de fondo.

Rules don't apply (A excepción á regra), que poderemos ver tamén no Principal ás 17:30 horas, é o último filme dirixido Warren Beatty, un dos representantes do Novo Hollywood que Cineuropa destaca pola ousadía na abordaxe de temáticas politicamente incorrectas. Warren Beatty, quen interpreta tamén a Howard Hughes, amosa estar en plena forma.

Outra das sorpresas desta xornada é Arábia, de Affonso Uchoa e João Dumans, unha película que reflicte con sensibilidade e profundo desacougo un Brasil que poucas veces se amosa en pantalla. Sen dúbida, un dos filmes latinoamericanos do ano.

Ademais, hoxe teremos a última oportunidade de ver Pays, de Chloé Robichaud, unha fita esteticamente impecable que observa dende unha aceda perspectiva os interiores da política. Entre os filmes que poderemos cóntanse tamén En realidade, nunca estiveches aquí, de Lynne Ramsay, ás 19:45 h no Teatro Principal; e Geu-hu (The day after), unha das propostas que este ano realizou o infatigable Hong Sang-soo e que se proxectará no Salón Teatro ás 21:30 h.

A programación do día, con 18 películas, completarase con pezas doutras seccións como LatidoAmericano, Foco Islandia, Cine e Dereitos Humanos, Cult Movies, Novecento: o século das revolucións e Docs Cineuropa. A salientar a sesión dobre de Salvadora, de Daiana Rosenfeld, e Al otro lado del muro, de Pau Ortiz. Toda a información sobre as películas está dispoñible pinchando aquí.