"Jeune femme", "The party", e a Real Filharmonía protagonizan esta terceira xornada


O Teatro Principal acollerá ás 20:00 horas a estrea da fita premiada como mellor ópera prima 'Un Certain Regard' en Cannes 2017. Trátase do filme de Léonor Serraille Jeune femme (Benvida a Montparnasse), unha deliciosa "dramedia" cuxo peso recae principalmente na impecable interpretación da actriz Laetitia Dosh, quen dá vida á personaxe protagonista.

Por outra banda, o Salón Teatro acollerá ás 22:30 horas o retorno de Sally Potter con The Party, unha escura comedia realizada por esta directora británica que xa fora gañadora do premio do público Cineuropa en 1993 co filme Orlando. Tamén o Salón Teatro será o lugar escollido para a proxección do último pase de The Square, o filme sensación do realizador sueco Ruben Östlund, que se proxectará ás 20:00 horas.

A xornada do mércores inclúe a apertura da sección Cine e dereitos humanos, unha das novidades desta 31ª edición, que comeza ás 16:00 h no Salón Teatro con La memoria de los huesos, de Facundo Beraudi, e Al otro lado del muro, de Pau Ortiz. A mesma liña reivindicativa será a protagonista da programación do mércores no CGAC, coa proxección de dous traballos do documentalista Patricio Guzmán: Salvador Allende e El caso Pinochet. As sesións do CGAC son de acceso libre até completar aforo.

Cineuropa 31 dará mostra da vitalidade do cinema islandés, unha cinematografía de produción pequena (entre 10 e 15 longametraxes anuais) pero que, en proporción, ten unha gran repercusión a nivel global. A xornada do mércores inclúe as proxeccións de Sveitabrúðkaup (Country Wedding, de Valdís Óskarsdóttir, ás 16:30 h no Teatro Principal; Iceland, Year Zero (Islandia, Ano Cero), de Sigurður Hallmar Magnússon e Armande Chollat-Namy, e Backyard, de Árni Sveinsson, en sesión dobre nos Multicines Compostela a partir das 19:45 h.

Ademais, a partir das 20:30 horas, o Auditorio de Galicia servirá de escenario para o Concerto Especial Cineuropa, no que a Real Filharmonía de Galicia porá banda sonora en directo aos filmes Carmen, de Cecil B. DeMille, e Parodia de Carmen, de Charles Chaplin. Timothy Brock, director e compositor estadounidense, alén de experto en cinema silente, dirixirá este concerto con música da súa autoría e pezas de H. Riesenfeld. Minutos antes, ás 19:45 h, o compositor compostelán Lucas Rei Ramos conducirá a sesión Convers@ando, que ofrecerá unha introdución contextualizada do recital.