#CINEUROPA32

Cineuropa acolle este venres varias estreas ineludibles

9 de Nov de 2018

Este venres celebraranse varias citas cinematográficas ineludibles. Ás 20 h. poderemos ver no Teatro Principal o último filme de Matteo Garrone, autor da exitosa Gomorra. Dogman, que recibiu o premio ao mellor actor no Festival de Cannes, relata un caso criminal real que conmocionou Italia, un salvaxe pulso entre un perruqueiro de cans e un boxeador nun arrabalde romano, nun duelo excepcional dos seus actores, Edoardo Pesce e Marcello Fonte. Ás 22 h. no Salón Teatro comezará a emotiva Deslembro, o novo filme con toques autobiográficos de Flavia Castro. Deslembro céntrase na figura de Joanna —unha adolescente filla dun desparecido pola ditadura brasileira—, e o seu desexilio obrigatorio, que a conecta con esa memoria que lle foi borrada polo paso do tempo, a imaxinación e a información fragmentada. Un relato de iniciación á vez poético e político, entrañable e necesario. Á mesma hora, pero no Principal, comezará The Guilty, un thriller de orixinalidade esmagadora. O sueco Gustav Möeller é quen de soster o ritmo frenético nun suspense xerado desde un espazo mínimo: un policía e un teléfono. De aí, o manexo do son, dos sabios golpes de guión que atrapan e bandean con mestría e sen descanso, no que son imaxes só suxeridas pola conversación.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA31

Cineuropa clausura esta edición coa entrega do Premio aos DDHH e dos Premios do I Xurado

27 de Nov de 2017

Este martes poñerase o punto final á 31ª edición de Cineuropa. En 2017, o festival ocupou 22 días dun mes de novembro no que se proxectaron 264 títulos de máis de 50 países en seis sedes compostelás. A cerimonia de clausura estará protagonizada polas/os compoñentes do I Xurado Novo de Cineuropa, sete mozas e mozos que valoraron ao longo destes días un total de 29 filmes e que outorgarán esta xornada os Premios á Mellor Película, Mellor Dirección, Mellor Guión, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina, amais do Premio Cine e Dereitos Humanos Cineuropa 2017, xurdido a iniciativa do Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA31

Cineuropa lembra a Harry Dean Stanton na súa penúltima xornada

26 de Nov de 2017

Ninguén mellor que o director deste festival para animar á asistencia da estrea de Lucky en Cineuropa, a ópera prima do actor devido en director John Carroll Lynch, que terá lugar ás 18:30 h. deste luns no Teatro Principal. Segundo José Luis Losa: “Ver a Harry Dean Stanton, nonaxenario, seguindo a súa rutina, facendo ximnasia, tomando o seu Bloody Mary no bar que é prolongación da súa vivenda, é xa un agasallo que chama as portas do ceo. Pero, moito máis alá diso, Lucky debuxa un máis que interesante discurso sobre as crenzas relixiosas e o ateísmo. Ofrécenos un poblachón de Texas humanizado -outra maneira de responder á onda Trump- e algunhas aparicións especiais de luxo, como as de Tom Skerritt ou un David Lynch, amigo de longo tempo deste Harry Dean Stanton que se traballa unha pleitesía in memoriam”. O filme de John Carroll Lynch vén de obter os premios á mellor banda sonora e ao mellor actor (Harry Dean Stanton) no Festival Internacional de Xixón.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA31

'Les fantômes d’Ismaël', de Arnaud Desplechin, aterra en Cineuropa

25 de Nov de 2017

Ás 18:30 h. veremos aparecer pola pantalla do Salón Teatro a Marion Cotillard, Charlotte Gainsbourg, Mathieu Amalric e Louis Garrel, intérpretes que xa auguran unha sabedeira sesión por si mesmos. Elas e eles protagonizan o novo traballo dun dos cineastas imprescindibles neste festival, falamos de Les fantômes d'Ismaël, do francés Arnaud Desplechin. O mesmo Desplechin describe así o filme: "é o retrato de Ivan, un diplomático que percorre o mundo sen entendelo. É o retrato de Ismaël, un director de cinema que pasa pola vida sen entendela tampouco. É o regreso dunha muller de entre os mortos. E é tamén un filme de espionaxe... Cinco películas comprimidas nunha, como os espidos femininos de Pollock. Ismaël é un frenético. E o guión vólvese frenético con el. Con todo, Ismaël desde a súa bufarda tenta soster o fío da ficción".

[ Ler máis ]

#CINEUROPA31

Cineuropa acolle a preestrea oficial de "A estación violenta", de Anxos Fazáns

24 de Nov de 2017

A agardada preestrea de A estación violenta, de aforo completo dende o xoves, terá lugar ás 20:30 horas deste sábado no Teatro Principal. A ópera prima da pontevedresa Anxos Fazáns, que asina o guión en colaboración con Ángel Santos, Xacobe Casas e Daniel Froiz, é unha adaptación libre da novela homónima de Manuel Jabois.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA31

O novo de Laurent Cantet e o maratón protagonizan o último venres de Cineuropa

23 de Nov de 2017

Ás 20:00 horas deste venres poderemos asistir á estrea nas nosas pantallas do último filme do director francés Laurent Cantet, autor de A clase, Recursos humanos, Time out ou Foxfire, todas elas proxectadas en anteriores edicións do festival Cineuropa.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA31

Andrey Zvyagintsev volve a Cineuropa con 'Nelyubov' (Loveless)

22 de Nov de 2017

En 2014 Andrei Zvyagintsev acadara ducias de galardóns con Leviathan, un durísimo retrato das miserias dunha sociedade, a rusa, que vive de costas aos seus cidadáns. Con Nelyubov (Loveless) continúa afondando nas entrañas da clase media alta rusa a través do conflito dunha parella en proceso de divorcio que debe arrimar forzas para atopar ao seu fillo desaparecido. Na súa procura descobren que non hai portas ás que chamar porque o estado aquí non vela por ninguén. Zvyagintsev acadou con este filme de poderosísimas imaxes (que poderemos ver ás 20 h. no Teatro Principal), o gran premio do xurado de Cannes e o nomeamento á mellor película nos Premios do Cine Europeo. A continuación, ás 22:15 h. proxectarase, como xa é tradición, unha película sorpresa. Ao longo do día ofreceranse pistas a través das redes sociais para incrementar (ou diminuir) a intriga. Revenge, ópera prima de Coralie Fargeat, será a encargada de pechar ás 00:15 h. a xornada cinematografica deste xoves no Teatro Principal. Con esta historia de vinganza na liña dos grandes vingadores como Clint Eastwood ou Charles Bronson máis o engadido de intercambio de roles de xénero, foi premiada á mellor dirección e dirección novel no Festival de Sitges.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA31

Cineuropa acolle as estreas de 'Jusqu'à la garde', 'Pendular' e 'As boas maneiras'

22 de Nov de 2017

A programación do Teatro Principal compostelán componse este mércores de catro filmes inéditos nas pantallas galegas. Ábrense as portas do teatro ás 16:15 h. con Erase and forget, un traballo de Andrea Luka Zimmerman. A directora alemá pasou máis de dez anos seguindo a James Gordon 'Bo' Gritz, un ex oficial das forzas especiais do exército dos Estados Unidos que inspirou personaxes como Rambo e Hannibal Smith da serie O equipo A. O resultado é Erase and forget, que foi nomeado ao mellor documental na pasada edición do Festival de Berlín. A ópera prima da directora suíza Lisa Brühlmann pasará a continuación (ás 18 h.) pola mesma pantalla. Blue my mind foi percibido polo equipo de programación deste festival como un dos traballos máis estimulantes da sección Novos Realizadores do Festival de cine de San Sebastián. Ópera prima é tamén Jusqu’à la garde (Custodia compartida), filme de Xavier Legrand programado para ás 20 h. Trátase dun dos filmes máis agardados polo público deste festival, que acadou os premios de mellor ópera prima e mellor director en Venecia 2017 e o premio do público en San Sebastián. Legrand plantexa un honesto retrato dunha familia rota, un tenso pulso dun matrimonio divorciado que comparte a custodia do seu fillo quen, pola súa banda, séntese refén da batalla que manteñen os seus pais. Non perdan ollo tampouco á seguinte película programda no Principal: As boas maneiras, de Juliana Rojas e Marco Dutra, do que só haberá este pase e o do maratón. Segundo José Luis Losa, “mixtura eses elementos de tenrura e licantropía con tal forza de cinema libertario que a súa carga poética elévase por encima de xéneros e normas e transita no seu voo alto onde só chega o cinema forxado para a inmortalidade. Imprescindible”. Así acadou o filme os premios da crítica de Sitges e o especial do xurado en Locarno.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA31

"Pororoca", de Constantin Popescu, estrea en Cineuropa

21 de Nov de 2017

Será o Teatro Principal de Santiago de Compostela o lugar escollido para a estrea galega de Pororoca, o novo filme de Constantin Popescu, programado para este martes ás 19:45 horas. Segundo José Luis Losa, director de Cineuropa, esta película "marca territorio dende a planificación desa soberbia secuencia de arranque, nun parque: seguimos a un pai e á súa filla. Asistimos a esa perda en diferido nun estado de tensión máxima porque Popescu sabe como xerar inquietude, incerteza, como prepararanos para a poutada. O que segue é unha lección de cinema con chiscadelas a M, o vampiro de Dusseldorf e un premio de interpretación para o seu actor no Festival de San Sebastián".

[ Ler máis ]