#CINEUROPA32

Cineuropa acolle a Preestrea de Trote, a ópera prima de Xacio Baño

18 de Nov de 2018

Este domingo chega a Cineuropa a celebrada —e agardada— ópera prima do galego Xacio Baño, de quen fomos coñecendo a evolución artística ao longo de varias edicións deste festival. Trote está protagonizado por María Vázquez, Celso Bugallo, Diego Anido e Tamara Canosa, e foi presentado con éxito no Festival de Locarno, unha das citas máis prestixiosas do circuito mundial do cinema independiente. A preestrea, á que asistirá o equipo da película, terá lugar ás 21 h. no Cinema Numax.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Cineuropa celebra a traxectoria da actriz Ángela Molina outorgándolle o Premio Cineuropa

17 de Nov de 2018

Neste segundo sábado de festival, Cineuropa renderá unha necesaria homenaxe o talento e a forza artística da actriz Ángela Molina, outorgándolle o segundo dos tres premios desta edición. A cerimonia de entrega do premio, que contará coa presenza do alcalde Martiño Noriega, terá lugar ás 20 h. no Teatro Principal e precederá á proxección do clásico de Buñuel Ese escuro obxecto do desexo, que Ángela Molina protagonizou xunto a Fernando Rey e Carole Bouquet en 1977. O acceso é gratuíto previa recollida de convite no despacho de billetes da mesma sede.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Cineuropa ofrece este venres varios encontros con cineastas e unha sesión de cine-concerto

16 de Nov de 2018

A programación de Cineuropa para este venres estará conformada por 27 filmes que se poderán ver en sete salas, coa incorporación do Cinema Numax como unha das sedes oficiais do festival. Como novidades desta xornada, convén salientar a apertura da retrospectiva dos 100 anos de cine romanés, cinematografía que pedía a voces un espazo propio debido á súa enorme calidade, de obrigada e inevitable presenza nas últimas edicións deste festival. Independenţa României (A guerra da independencia,1912), filme de Aristide Demetriade e Grigore Brezeanu que conmemorou en 1912 o 35º aniversario da soberanía nacional romanesa, abrirá este ciclo no Teatro Principal ás 20 h. cunha proxección acompañada pola improvisación en vivo da pianista de orixe romanés Mihaela Duma, á que tamén asistirá María Pop, directora do Instituto Cultural Rumano en Madrid.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Encontros e moito cine para este segundo xoves de Cineuropa

15 de Nov de 2018

Tras Un sol interior, proxectada a pasada edición deste festival, na que se permitía un excurso pola comedia de muller descasada, Claire Denis repite con Juliette Binoche nunha viaxe a un xénero moito máis afastado, a ciencia ficción dentro de nave espacial, como vehículo de reflexión mesmo existencialista. Ás 20 h. no Teatro Principal, non perdan High life, o novo de Denis protagonizado por ese actor cada vez máis solvente que é Robert Pattinson. A continuación, ás 22:15 h. no mesmo Teatro, poderán presenciar o retorno doutro dos habituais de Cineuropa, o chinés Jia Zhang-Ke, que constrúe en Ash is purest white, unha historia de amor e vinganza que foi seleccionada para a sección oficial de Cannes.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Este mércores en Cineuropa, a memoria é presente

14 de Nov de 2018

Cineuropa propón este mércores ata oito filmes que reflexionan sobre a importancia da memoria para a construción da identidade individual e colectiva. Esta idea cruza de xeito transversal a liña programática desta xornada, abranguendo filmes de seccións aparentemente tan dispares como Cinema e Dereitos Humanos, Sección Oficial Internacional ou O presente é muller.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Chega a Cineuropa o novo de Lars von Trier, Carlos Reygadas e Guy Maddin

13 de Nov de 2018

Ás 20 h. desta noite, no Teatro Principal compostelán, aterrará o novo desa cita indiscutible deste festival que é o cinema do dinamarqués Lars von Trier. A casa de Jack é a historia dun psicópata protagonizada por Matt Dillon e Uma Thurman que Von Trier utiliza para plasmar unha serie de reflexións sobre a arte e a moral. De seguido, na mesma sala ás 22:45 h. poderán asistir á estrea de The green fog, a particular e estimulante interpretación do director Guy Maddin sobre o clásico de Alfred Hitchcock, Vértigo, utilizando imaxes de películas antigas e programas de televisión. O Salón Teatro acollerá ás 21:45 h. a última obra dun dos cineastas máis honestos da actualidade, que non é outro que o mexicano Carlos Reygadas. Nuestro tiempo é unha obra de amor, unha maneira de tender pontes para reconstruír unha parella despois dunha tempada no inferno. Maxistral na súa moi nobre impudicia.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Cineuropa estrea a súa segunda semana con 21 citas cinematográficas

12 de Nov de 2018

A segunda semana do festival dará comezo con un nutrido e heteroxéneo conxunto de filmes para todos os gustos accesibles en 6 salas. A programación iniciarase ás 11:30 h. da mañá no Museo das Peregrinacións cun pase gratuíto de Computer chess, de Andrew Bujalski, filme pertencente á sección Cine e Xadrez. A programación deste interesantísimo ciclo débese á celebración do Campionato Mundial de Xadrez que se está a celebrar estes días na cidade.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

O novo de Erik Poppe, Desiree Akhavan e Lúcia Murat, entre as grandes citas deste domingo

11 de Nov de 2018

O peor día da historia recente de Noruega tivo varias adaptacións cinematográficas nos últimos meses, entre as cales, sen dúbida, salienta a de Erik Poppe. Con Utøya 22. Juli (exhibida no Teatro Principal ás 17:45 h.) o cineasta logra atrapar sen remedio ao público, que asiste a ese horror tan trepidante como abafador sen poder apartar a mirada. Previamente ao filme de Poppe estrearase Las Vegas (16:15 h. no mesmo Principal), unha cativadora comedia de Juan Villegas que reflexiona sobre o que implica ser pais e do que é ser fillo que fará comezar ao público unha tarde de bo ánimo. Tamén no Principal teremos unha nova oportunidade de ver Un asunto de familia, de Hirokazu Kore-eda (ás 19:30 h), e Apuntes para una película de atracos, de Elías León Siminiani (ás 22 h.), filme moi ben acollido polo público de onte, que lle outorgou un 8,46 de puntuación.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Chega a Cineuropa a Palma de Ouro de Cannes: 'Un asunto de familia'

10 de Nov de 2018

O cinema do veterano Hirokazu Kore-eda volve a este festival coa Palma de Ouro de Cannes entre as súas mans. Un asunto de familia (que se proxectará ás 18 h. no Teatro Principal) é, sen dúbida, o mellor Kore-eda dos últimos anos, unha película viva e corrosiva —con moito do cine de pícaros de Berlanga ou Ferreri—, sobre as singulares ocupacións dunha familia aparentemente convencional. De seguido, ás 20:15 h. na mesma sala, proxectarase o primeiro pase de Mi obra maestra, o novo traballo de Gastón Duprat que vén de gañar o premio do público na Seminci. O filme, unha visión paródica do mercado de valores da pintura contemporánea, está protagonizado polos excelentes Guillermo Francella, Luis Brandoni e Raúl Arévalo. Ás 22:15 h, haberá unha nova oportunidade de ver Dogman, o último de Matteo Garrone, que precederá a Marlina, asasina en catro actos, da cineasta indonesia Mouly Surya, unha magnífica mostra de cinema reivindicativo cunha mensaxe directa de sororidade e emancipación feminina transmitida con moita forza.

[ Ler máis ]