#CINEUROPA32

A entrega do Premio Cineuropa a Antonio Durán «Morris» clausura a 32ª edición do festival

28 de Nov de 2018

Este mércores 28 clausurarase a 32ª edición de Cineuropa, festival que ocupou 22 días deste mes de novembro e no que se proxectaron 307 títulos de máis de 50 países en nove sedes compostelanas. O punto final estará protagonizado por ese actor galego e á vez universal que é Antonio Durán «Morris», quen recollerá o terceiro dos Premios Cineuropa que o festival outorgou nesta edición. Actor de teatro, cinema e televisión, de poderoso virtuosismo mesmo para dotar de instólita humanidade aquelas personalidades patolóxicas que salpimentan a súa prolífica filmografía. Morris Durán recibirá o seu merecedísimo galardón de mans do alcalde de Santiago de Compostela Martiño Noriega nun acto que dará comezo no Teatro Principal ás 20:30 h.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

O novo de Yann Gonzalez e Christophe Honoré, as grandes novidades deste martes

27 de Nov de 2018

Unha das propostas máis poderosas do pasado Cannes foi Un couteau dans le coeur / Coitelo e corazón, de Yann Gonzalez, gran estrea deste martes en Cineuropa. Unha sucesión de asasinatos cometidos durante a rodaxe dun filme porno gai serve ao director para unha fastosa mestizaxe de elementos do giallo de Dario Argento, do cinema de Brian de Palma ou do Antonioni de Blow-Up. O terror de paxaros de pluma de cristal, a imaxe como creación asociada ao sexo, á paixón e á morte ficcionada ou carnal. Unha pantasma da ópera homoerótica e infinitamente libre. A cita coa segunda longametraxe de Yann Gonzalez será ás 22:15 h. no Teatro Principal.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Cineuropa afronta a súa recta final co novo de Érick Zonca e Bruno Dumont

26 de Nov de 2018

Este luns exhibiranse os últimos traballos de vellos coñecidos do festival como son os cineastas Érick Zonca e Bruno Dumont. Érick Zonca roubounos a alma hai vinte Cineuropas con A vida soñada dos anxos. O seu novo traballo, Fleuve noir, que poderemos ver no Salón Teatro ás 20:15 h., é un filme negro colosal e nihilista, dos que marcan. Pola súa banda, Bruno Dumont volve con outro dos seus filmes aloucados e surrealistas, como se fosen eternas celebracións cinematográficas. Trátase nesta ocasión do fascinante Coincoin contra os extraterrestres, que se pasará no cinema Numax ás 20:45 h. No mesmo Numax ás 17:30 h. poderán asistir ao primeiro pase dunha das máis fermosas películas do ano: Wiñaypacha (Eternidade), filme que o director peruano Oscar Catacora rodou en idioma aimará. Un cinema que captura o ser humano sen artificios: a ambición de Rossellini e que semella autoimpoñerse Catacora, logrando, fiel ao legado de Yasujiro Ozu, un retrato da vida humana transparente na súa crueza. Son noventa e seis planos fixos desposuídos de calquera outro recurso que o da imaxe e o son do ambiente para construír unha crónica desbordante de realidade.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Cineuropa acolle a Preestrea en Galicia de 'Hamada', de Eloy Domínguez Serén

25 de Nov de 2018

Este domingo será unha nova xornada de celebración do magnífico cinema galego que se está a realizar na actualidade coa Preestrea de Hamada, a fermosísima e comprometida ópera prima que Eloy Domínguez Serén realizou no Sahara Occidental e que vén de ser seleccionada para o premio Oxfam Global Justice Award no IDFA (International Documentary Filmfestival Amsterdam). É unha ledicia para este festival exhibir as longametraxes de todos e todas as cineastas que fomos vendo medrar ao longo destas 32 edicións.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Cineuropa acolle este sábado as estreas absolutas de 'Galveston' e 'Loro'

24 de Nov de 2018

Loro (Silvio e os outros) é, sen dúbida, un dos filmes estelares do ano que temos a grande fortuna de estrear aquí, en Cineuropa. Sorprende, cando menos, que un filme destas características non pasara por ningún festival estatal con anterioridade. Do caldo de cultivo conformado por Sorrentino, máis Berlusconi e o tremendo Toni Servillo xorde esta representación tan kitsch como certeira do ex primeiro ministro italiano nun reino da inmundicia a través dunha telenovela bárbara e casposa. A primeira das dúas citas que teremos con Silvio neste festival será este sábado ás 19:45 h. no Teatro Principal.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Última fin de semana de Cineuropa: mesas debate, encontros, moito cine e o maratón

23 de Nov de 2018

A programación deste venres no festival comezará cun necesario debate sobre a situación das mulleres tralladoras do sector audiovisual. O evento, que terá lugar ás 12 h. no Museo das Peregrinacións, terá como título: Mulleres creadoras: a situación no audiovisual galego e as experiencias noutros escenarios e nace coa intención de analizar a evolución do sector cinematográfico a diferentes niveis e desde as máis amplas perspectivas profesionais para concluír posibles liñas de acción nas que todas debemos implicarnos. As cineastas Anxos Fazáns, Jaione Camborda, María Ruido e a actriz Tamara Canosa conformarán a mesa, que será moderada pola tamén actriz e comunicadora Nieves Rodríguez.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Aterran en Cineuropa dúas das fitas cinéfilas do ano: 'La flor' e 'Touch me not'

20 de Nov de 2018

Tras o éxito de Historias extraordinarias (2008), Mariano Llinás converteuse, xunto a Lucrecia Martel, no autor arxentino de referencia no que vai de século. En La flor xoga cos xéneros e a temporalidade de tal xeito que o que nos ofrece é un filme de case catorce horas. Os seus capítulos encadéanse en ata seis historias diferentes, todas elas protagonizadas por catro actrices, e nas cales Llinás trebella cos subxéneros tradicionais: o cinema de terror, o melodrama kitsch coas guerras dos Rose dun dúo Pimpinela, unha fascinante trama de espías que bebe directamente de John Le Carré, unha relectura d'Una partie de champagne de Renoir. Obra de obras, aproximación a unhas Mil e unha Noites pampeira, é La Flor un experiencia de xenio libre imprescindible. Dada a súa longa duración, o filme máis desexado por todos os festivais exhibirase en tres partes en días consecutivos. Este mércores poderán ver a primeira parte ás 19:30 h no Cinema Numax.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

25 filmes en carteleira e varios encontros con cineastas

20 de Nov de 2018

Tras se consagrar en Cannes coa escenificación da asfixia envolvente dun campo de exterminio nazi en Fillo de Saúl, László Nemes recorre en Sunset ao mesmo dispositivo de inmersión e ao punto de vista subxectivo do seu protagonista, aquí unha moza que chega á Budapest de comezos do século XX, mentres cae o Imperio Austrohúngaro. Nun marco de forza visual irresistible, Nemes arrisca de novo na narración elíptica, na formulación da investigación desta muller como un percorrido psicotrópico, insondable e inquietante. A cita con Sunset será ás 19:45 h. no Teatro Principal.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Aluvión de filmes este luns en Cineuropa

19 de Nov de 2018

26 é o número de propostas que contén a axenda de Cineuropa deste luns 19, con varios pratos fortes como Las herederas, de Marcelo Martinessi (Oso de Prata Alfred Bauer, Oso de Prata á mellor actriz e FIPRESCI na Berlinale), Un home fiel, de Louis Garrel (Mellor guión en San Sebastián), Non-Fiction, de Olivier Assayas, Cisne de cristal, de Darya Zhuk (Gran Premio no Festival Internacional de Cine de Odessa), ou The wild pear tree, de Nuri Bilge Ceylan.

[ Ler máis ]