O certame acolle a preestrea de ‘As Bestas’ e a estrea de ‘Eo’ e ‘Conspiración no Cairo’, premio do xurado e mellor guión no Festival de Cannes respectivamente.
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2022.- A preestrea de As bestas —que terá lugar no Teatro Principal ás 20 h— é, sen dúbida, unha das citas máis agardadas desta edición. O novo filme de Rodrigo Sorogoyen inspirado no crime de Petín de 2010 está protagonizado por uns magníficos Luis Zahera e Diego Anido, e tivo a súa estrea en Cannes Première. Pasou ademais por festivais como San Sebastián ou Tokyo, onde foi distinguido cos premios ao mellor filme, ao mellor director e ao mellor actor.
A mesma sala ás 22.45 h. acollerá a estrea de Eo, unha crítica á vez que poética ollada cara a nosa relación co resto dos animais dirixida polo polaco Jerzy Skolimowski que obtivo o premio do xurado á mellor película no Festival de Cannes.
O premio ao mellor guión no Festival de Cannes foi este ano para o filme Conspiración no Cairo, de Tarik Saleh, un apaixonante e intelixente thriller político de envolvente atmosfera que poderemos ver no Salón Teatro ás 22 h.
Á parte destes filmes, cómpre salientar o último pase de R.M.N que poderemos ver no Salón Teatro ás 19.45 h. Trátase dun poderoso drama filmado polo romanés Cristian Mungiu que foi seleccionado en festivais do talle de Cannes e San Sebastián. Segundo o crítico Ángel Quintana, “a sobriedade de ton marca unha película construída cun guión de gran solidez e unha mirada nada compracente cara a unha realidade amosada en toda a súa crueza”.
Por outra banda, o Cinema Numax acollerá as 22.15 h. a estrea dun imprescindible documental sobre a memoria histórica: Las cartas perdidas, de Amparo Climent, un filme que recolle e difunde as cartas escritas por mulleres vítimas da represión franquista narradas por actrices como Alba Flores, Luisa Gavasa, Marisa Paredes ou Gloria Vega, coa voz en off da nosa recentemente premiada Ana Belén como fío condutor.
O cinema galego tamén terá o seu espazo en Numax, coas proxeccións acompañadas de coloquios e presentacións por parte dos seus autores de Xosé Velo. O libertador ibérico (Aser Álvarez), Compostela rupestre (Aser Álvarez e Andrea Barrán), e Valldaura: A quarantine cabin, de Manuel Lógar.
Por último, este mércores teremos a última oportunidade de ver O teito amarelo, de Isabel Coixet, un imprescindible documental que pon o foco nun soado caso de abusos sexuais acontecido na Aula de Teatro de Lleida que foi valorado polo público do festival no seu primeiro pase cun 9,03. A cita co novo de Coixet será ás 18 h. no Teatro Principal.
A programación do día estará complementada polos pases gratuítos que se poderán ver na sala Mozart do Auditorio de Galicia. Estes son, a tan fantástica como pouca vista no país The music man (Vivir de ilusión), de Morton DaCosta, e a entrañable Elsa & Fred, un dos filmes que conmemoran o centenario da actriz uruguaia China Zorrilla.
PROGRAMACIÓN CINEUROPA MÉRCORES 9 DE NOVEMBRO
TEATRO PRINCIPAL
18.00 EL SOSTRE GROC / O TEITO AMARELO, de Isabel Coixet
20.00 AS BESTAS, de Rodrigo Sorogoyen
22.45 EO, de Jerzy Skolimowski
SALÓN TEATRO
17.45 REGRA 34, de Júlia Murat
19.45 R.M.N., de Cristian Mungiu
22.00 BOY FROM HEAVEN / CONSPIRACION NO CAIRO, de Tarik Saleh
NUMAX
17.15 JESUS LOPEZ, de Maximiliano Schonfeld
19.00 XOSE VELO. O LIBERTADOR IBERICO, de Aser Álvarez + COMPOSTELA RUPESTRE, de Aser Álvarez e Andrea Barrán
20.30 VALLDAURA: A QUARANTINE CABIN, de Manuel Lógar
22.15 LAS CARTAS PERDIDAS, de Amparo Climent
AUDITORIO DE GALICIA. SALA MOZART
17.00 THE MUSIC MAN / VIVIR DE ILUSION, de Morton DaCosta
20.00 ELSA & FRED, de Marcos Carnevale